O pasado día 6 de febreiro soubemos, a través dunha Resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, da extensión da “zona demarcada” afectada pola praga da Couza Guatemalteca, incluíndo o concello de Cabanas.
Porén, descoñécese en que van consistir as medidas contra a praga (máis alá do control dos movementos de patacas e da compra de semente), pois están pendentes dun Decreto a publicar polo Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medioambiente.
Ante a tardanza na publicación do Decreto e a preocupación xeral pola falta de información, o BNG presentou unha moción con varias propostas a adoptar desde o Concello de Cabanas, que será debatida no pleno ordinario do mes de febreiro.
“As persoas produtoras están sufrindo unha importante incerteza, pois descoñecen tanto os efectos do Decreto do Ministerio, como a súa data de publicación e posta en efecto, a duración das medidas (previsibelmente dous anos), e se se permitirá unha moratoria neste primeiro ano coas explotacións que xa sementaron, ou pola contra, terán que tirar co sementado”, sinalou Iago Varela, voceiro municipal do BNG. “É imprescindíbel que desde o Concello se leve a cabo unha campaña de información para aclarar todas as dúbidas da veciñanza o antes posíbel”, engadiu.
O BNG de Cabanas critica tamén que sexan os Concellos quen se teñan que responsabilizar da inspección, e pide que desde a Consellaría do Medio Rural e o Ministerio de Agricultura estuden o establecemento dunha liña de axudas e de compensación dos prexuízos e económicos para as persoas afectadas, incluíndo tanto explotacións comerciais como cultivos de autoconsumo.