ACCESIBILIDADE
O concello de Cabanas incumpre as normas de accesibilidade
O BNG denunciou no último pleno que Cabanas non chegaría a cumprir o estipulado na Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade.
O BNG denunciou no último pleno, celebrado o pasado mércores 29 de novembro, que desde este luns o concello de Cabanas non cumpre coa lexislación de accesibilidade.
A Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión xeral, na súa disposición adicional terceira, marca que o prazo máximo para a consecución das condicións básicas de accesibilidade e non discriminación en toda unha serie de inmobles e espazos públicos remataba este luns, 4 de decembro de 2017.
Cabanas está lonxe de cumprir con esta lexislación: Accesos a edificios públicos, beirarrúas ou transportes seguen sen cumprir a normativa. "O desleixo do goberno municipal é a norma en Cabanas, pero neste caso é especialmente sangrante, pois tiveron catro anos para cumprir a lexislación", apuntou Iago Varela, voceiro municipal do BNG en Cabanas. "Neste tempo, as actuacións relacionadas coa accesibilidade foron escasas, e varias delas foron ademais impulsadas polo BNG", indicou, facendo referencia á moción de actuacións nos locais electorais, impulsada polo BNG en xullo de 2015.
A situación é especialmente preocupante na zona urbana, na que os pasos a diferente nivel, chanzos e sumidoiros de pluviais fan de calquera traxecto un circuíto de obstáculos, non só para as persoas coa discapacidade, senón para calquera persoa que non sexa atlética. "O goberno municipal seguirá escusándose nesa humanización da N-651 que nunca chega, pero desde hoxe mesmo acabáronselle as escusas: Cabanas non cumpre coa lei", rematou Varela.