SERVIZOS PÚBLICOS

O bipartito bloquea a nosa proposta de estudos previos á remunicipalización

Casa do Concello de Cabanas
Casa do Concello de Cabanas

O BNG de Cabanas propuxo en pleno que os servizos técnicos municipais comezasen cos estudos previos necesarios para a remunicipalización dos servizos públicos. O goberno municipal de PP e AEC bloqueou a proposta, que si recibiu o apoio de PSOE e Somos.

O bipartito bloquea a nosa proposta de estudos previos á remunicipalización

O goberno municipal de Cabanas bloqueou no pleno do pasado mércores 29 a proposta do BNG para que os Servizos Técnicos Municipais levasen a cabo os traballos previos necesarios de cara a posibilitar a remunicipalización dos servizos públicos que actualmente se prestan en réxime de concesión no municipio.

Na actualidade en Cabanas atópanse xa finalizados os contratos de axuda no fogar e dependencia, a xestión do PAI (Punto de atención á infancia) e o mantemento do alumeado público. Os contratos dos servizos de saneamento e abastecemento de auga e de recollida de residuos sólidos urbanos, de maior contía, finalizarán no 2020.

Aínda que a eventual remunicipalización destes servizos será unha decisión para a vindeira corporación municipal, a corporación vixente ten a responsabilidade de facer estes traballos previos. “A experiencia destes últimos anos demostrou que para que unha eventual remunicipalización sexa posíbel é necesario facer unha serie de traballos previos, como o estudo dunha posíbel subrogación das traballadoras  ou o inventario e inspección de bens, entre outras”, indicou o portavoz municipal do BNG, Iago Varela.

Porén, a proposta foi bloqueada cos votos do bipartito de PP e AEC, recibindo os votos a favor de BNG, PSOE e Somos. “Co seu bloqueo, o goberno actual está coartando a acción de goberno dunha futura corporación na que a correlación de forzas podería ser moi diferente”, acrecentou Varela.

O bipartito bloquea a nosa proposta de estudos previos á remunicipalización