O bipartito PP-AEC: Un ano perdido para Cabanas
O BNG fai balance do primeiro ano do acordo de goberno entre o PP e AEC no Concello de Cabanas: das 14 medidas publicitadas, 11 non viron ningún avance.
O BNG de Cabanas fixo onte balance do primeiro ano do acordo de goberno entre o Partido Popular e a Agrupación de electores de Cabanas (AEC) no Concello de Cabanas.
O pacto, asinado o 30 de novembro de 2016, incluía catorce medidas, entre as cales incluíanse a humanización da N-651, a reforma do acceso á AC-141 en Cardeita, a compleción do abastecemento e saneamento, ou a mellora das instalacións da residencia de maiores.
Porén, pasado un ano, a situación non avanzou en absoluto. Das 14 medidas publicitadas no acordo de goberno, só 3 sufriron algún tipo de avance, mentres que as outras 11 non viron ningún avance desde a sinatura do pacto de goberno.
"O PXOM, o cruce de Cardeita, a humanización da N-651 ou o Paseo da Madalena están exactamente igual que hai un ano", sinalou Iago Varela, voceiro do BNG en Cabanas. "Nas únicas nas que se avanzou, e para iso moi lonxe de completalas, foi na mellora do saneamento nos núcleos rurais (con fondos externos), na consecución de fondos para a ampliación do Eladia Mariño (pero deixando fóra o comedor), e na demolición do Penso, unha obra que o goberno leva arrastrando varias lexislaturas e nas que ademais están defraudando á veciñanza".
"Cremos que a labor do goberno bipartito non merece os 80.000€ anuais que nos costa aos veciños de Cabanas", indicou Varela. "No sitio dun bipartito que non fai nada, necesitamos un cambio radical para que Cabanas sexa un sitio mellor, o que a veciñanza merece.