BNG insta á Xunta a reformular a xestión dos Fondos de Transición Xusta

O portavoz municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela, acudiu a semana pasada ao Parlamento Galego, para seguir o debate da Proposición Non de Lei (PNL) presentada polo Bloque Nacionalista Galego para reformular a xestión dos Fondos de Transición Xusta.
Foi precisamente o deputado cabanés Xosé Manuel Golpe o encartado de defender a citada PNL, cunha intervención na que fixo un chamamento á Xunta de Galiza para que reformule a xestión dos Fondos de Transición Xusta, garantindo unha asignación equitativa e respectuosa coas necesidades dos territorios afectados. O deputado nacionalista defendeu a necesidade de adoptar medidas urxentes para corrixir a distribución actual dos fondos, que exclúen concellos clave das zonas de transición xusta.
Golpe reclamou a paralización inmediata das convocatorias de axudas que aínda non contan cunha resolución firme, evitando as desigualdades detectadas e impedindo que os recursos se distribúan sen criterios xustos e transparentes. Subliñou que esta medida non tería efectos retroactivos prexudiciais, senón que busca garantir que os fondos cheguen ás comunidades que realmente os precisan.
Ademais, instou á Xunta a destinar os Fondos de Transición Xusta exclusivamente a programas e iniciativas que se materialicen nos concellos das dúas zonas recoñecidas en Galiza, sen ter en conta a provincia de pertenza. Denunciou que a xestión actual discrimina a algúns municipios, incumprindo os principios establecidos no propio Programa do Fondo de Transición Xusta 2021-2027.
Os obxectivos e actividades que figuran no Programa do Fondo de Transición Xusta 2021-2027, que, no relativo ao ámbito territorial das axudas, subliña a “especial atención aos concellos de transición xusta que se establecen nos Protocolos de Actuación dos Convenios de Transición Xusta da Galiza: Meirama e As Pontes”, nomeadamente 5 no primeiro deles (Carral, Cerceda, Laracha, Ordes, e Tordoia) e 14 no segundo (Cabanas, A Capela, Cerdido, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Muras, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Vilalba, e Xermade).
"A Xunta ten a obriga de garantir que estes fondos cumpran a súa finalidade: mitigar os efectos do peche das centrais térmicas e a transición cara a unha economía sustentable nas zonas máis afectadas", afirmou Golpe. Ademais, fixo referencia á normativa europea que permite adaptar os criterios de asignación dos fondos para atender mellor as necesidades locais, instando ao Goberno galego a facer uso desta posibilidade.
Finalmente, a Proposición Non de Lei presentada polo BNG foi rexeitada unicamente cos votos en contra do PP. Xosé Manuel Golpe fixo un chamamento á Xunta a actuar con responsabilidade e vontade política para corrixir a situación, garantindo que os concellos excluídos reciban o apoio necesario para afrontar os retos da transición enerxética. "Non podemos permitir que os territorios máis afectados pola transición queden sen o respaldo que lles corresponde", concluíu