O BNG prioriza o abastecemento e a seguridade viaria nas emendas aos Orzamentos da Xunta relativas a Cabanas
As propostas inclúen solucións a longo prazo par ao abastecemento de auga e melloras en estradas clave de Cabanas
A aposta do BNG busca combater o impacto das secas e reforzar a seguridade viaria na zona
O BNG presentou emendas aos Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2025, que inclúen importantes actuacións en Cabanas, destinadas a mellorar o abastecemento de auga e reforzar a seguridade viaria. Estas propostas foron analizadas sobre o terreo polo portavoz municipal do BNG, Iago Varela; a concelleira, Paula González; o deputado cabanés no Parlamento de Galiza, Xosé Manuel Golpe; e outros membros da organización nacionalista, nunha visita aos puntos afectados.
Solucións reais para o abastecemento de auga
Unha das emendas principais do BNG demanda á Xunta de Galiza o estudo e posterior construción dunha captación e condución de auga por gravidade desde as cuncas fluviais da parte alta da comarca, nas Pontes ou na Capela. Segundo destacou o deputado Xosé Manuel Golpe, “esta infraestrutura beneficiaría non só a Cabanas, senón tamén aos concellos da Capela, Fene, Neda, Ares e Mugardos, garantindo unha solución a longo prazo para o abastecemento de auga na comarca e contribuíndo a combater o impacto das recorrentes secas”.
Ademais, outra das emendas presentada polo BNG ten como obxectivo avanzar na dotación de auga para Laraxe. Unha acción que se completa cunha proposta de modernización das redes de abastecemento e saneamento, reducindo fugas e roturas, e promovendo a separación de redes pluviais e fecais, para avanzar na xestión dos recursos hídricos.
Segundo indicou o portavoz municipal, Iago Varela, “o acceso a un abastecemento de auga eficiente é un requisito imprescindíbel para o desenvolvemento do noso concello. Estas propostas son clave para garantir que a veciñanza de Laraxe poida ter acceso a un servizo digno, e que o noso concello poida avanzar en proxectos de ordenación urbanística”.
Melloras na seguridade viaria
Outra das prioridades do BNG, recollida nas emendas, é a mellora da seguridade viaria e a accesibilidade na estrada AC-122, na zona de Cardeita. Malia as actuacións realizadas pola Xunta sobre o firme da propia estrada, non se actuou sobre os marxes da estrada, que continúan a carecer dun mínimo de seguridade para a circulación de peóns, ademais de resultar totalmente intransitábeis para calquera persoa con mobilidade reducida. O BNG tamén esixe a mellorada da seguridade na AC-563, entre Vilar do Colo e Fonfría, coa reposición do peche perimetral.
Sobre este tema, Iago Varela sinalou que “a seguridade das nosas estradas é un tema urxente que non admite máis demoras. Con estas actuacións buscamos protexer aos viandantes e mellorar o tránsito na zona, especialmente nunha vía tan importante como a AC-122”.
Compromiso cos intereses locais
Durante a visita, o deputado Xosé Manuel Golpe salientou que “as emendas presentadas polo BNG responden á necesidade de priorizar investimentos clave para mellorar a vida da veciñanza. Dende o Parlamento, seguiremos defendendo unhas contas que atendan ás necesidades reais dos concellos, especialmente en zonas como Cabanas, onde o impacto da falta de actuacións da Xunta é especialmente evidente”.
As emendas rexistradas polo BNG inclúen tamén investimentos para a limpeza e acondicionamento das beiras do río Baa, en Cabanas e Fene, e a retirada do depósito de áridos bituminosos de Vilar do Colo.
Con estas propostas, o BNG reafirma o seu compromiso cun modelo de xestión que aposte pola sustentabilidade e a seguridade, defendendo sempre os intereses da veciñanza de Cabanas e do conxunto da comarca.