O BNG de Cabanas denuncia o uso irresponsábel do remanente de tesourería para gasto corrente por parte do goberno do PP

Casa do Concello
Casa do Concello

A formación nacionalista critica a falta de previsión e a incapacidade do alcalde do Partido Popular para xestionar de maneira responsábel os fondos municipais

O BNG vota en contra do suplemento de crédito por considerar que compromete a estabilidade financeira do Concello e afonda na mala xestión local

Renuncia a investimentos millonarios, perda de subvencións, desmantelamento de servizos municipais e eliminación da participación, resumen de ano e medio do goberno do PP

O BNG de Cabanas denuncia o uso irresponsábel do remanente de tesourería para gasto corrente por parte do goberno do PP

O BNG de Cabanas expresou o seu rotundo rexeitamento á decisión do goberno local de empregar o remanente de tesourería para cubrir gastos correntes. No suplemento de crédito aprobado no pleno extraordinario de onte, o goberno local decidiu destinar máis de 216.000€ do remanente, os aforros do concello, a cubrir diferentes partidas orzamentarias de gasto corrente, incluíndo publicidade, subministración de combustíbel, recollida de lixo ou mantemento básico de instalacións públicas. A isto sumóuselle outra modificación de crédito de máis de 140.000 € que o goberno local propuxo para cubrir os gastos en electricidade.

Segundo indicou o voceiro do BNG, “é irresponsábel esgotar os recursos do remanente para gastos previsibles que deberan estar incluídos no orzamento anual”. Orzamento, por certo, prorrogado do aprobado polo PP e o PSOE en 2023 “malia as advertencias do BNG de que era un Orzamento que non se adaptaba á situación real municipal”. “Esta práctica demostra, unha vez máis, a incapacidade do Partido Popular e o seu alcalde para planificar e xestionar o Concello de xeito axeitado”. A formación nacionalista sostén que o uso desmedido do remanente, o fondo ao que van parar as cantidades non gastadas de orzamentos anteriores e que non se renova ano tras ano, compromete a capacidade de Cabanas para afrontar imprevistos futuros, e deixa en evidencia a deficiente planificación orzamentaria do actual equipo de goberno.

“Temos a obriga de xestionar os recursos públicos con responsabilidade e previsión, algo que o Partido Popular está lonxe de cumprir. Non podemos permitir que se empreguen fondos do aforro municipal para cubrir gastos do día a día, que deberían ter xa unha asignación orzamentaria”, apuntan desde o BNG.

Ano e medio do peor goberno da historia de Cabanas

Cabanas non merece un goberno sen proxecto, sen ideas, sen planificación e, sobre todo, sen ganas de traballar polo benestar da veciñanza. En menos de ano e medio, o Partido Popular demostrou unha total falta de compromiso, renunciando a investimentos imprescindíbeis como a humanización da Avenida do Areal, cun valor superior ao medio millón de euros, e a preto de 150.000 € para a mellora e dixitalización do Camiño Inglés.

A súa incapacidade para xestionar financiamento xa conseguido obrigou tamén a ter que devolver unha subvención destinada á substitución da cuberta do Pavillón da Lavandeira, cuxos gastos ten que asumir agora o Concello.

Ademais, o Partido Popular, co seu alcalde á fronte, permitiu o maior ataque ambiental ao Piñeiral da Madalena da historia, ao tempo que paralizaron todos os traballos de mantemento deste icónico espazo.

En menos de ano e medio desmantelaron as políticas de igualdade e diversidade, e pecharon o Servizo de Normalización Lingüística. Tamén deixaron de convocar o Consello de Participación Veciñal, que non se reúne desde a chegada do PP ao goberno local, privando ás entidades locais de participar activamente na vida política.

Desfixéronse todos os avances en promoción económica e turismo, unha das áreas máis destacadas do anterior mandato, que conseguiran posicionar Cabanas como un destino sostíbel e desestacionalizado e apostaran polo comercio local, agora abandonado. Pecharon tamén o Centro de Interpretación do Medio Mariño e impediron a celebración do festival Troula da Verba, que tras tres edicións tíñase convertido nun dos principais reclamos culturais das festas de Santa Marta.

“O goberno do PP ten abandonada Cabanas á súa sorte, sen rumbo nin proxecto, afastándose cada vez máis das necesidades reais da cidadanía e apostando, unicamente, pola ‘política ficción’ nas redes sociais, que os leva a promocionar como grandes fitos actividades tan rutineiras como substituír un punto de luz”, sentencian desde o BNG. "En Cabanas merecemos algo mellor, un goberno que polo menos teña ganas de gobernar e facer algo polo concello e a veciñanza, e non un conxunto de persoas que só está a ocupar o poder sen facer absolutamente nada", rematan.

O BNG de Cabanas denuncia o uso irresponsábel do remanente de tesourería para gasto corrente por parte do goberno do PP