O PP de Cabanas renuncia a 148.000 € dunha subvención conseguida polo BNG no goberno do anterior mandato
A subvención, equivalente ao 5% do orzamento municipal, buscaba mellorar a conectividade e apoiar o comercio e hostalería locais, seguindo a liña de traballo do BNG á fronte das áreas de promoción económica e turismo
O BNG denuncia que a única política do PP é “pasear cargos da Xunta” e a “exhibición en redes sociais”
Cabanas quedará sen 148.000 € de financiamento do proxecto de dixitalización e mellora da accesibilidade no Camiño Inglés, conseguidos polo BNG no anterior goberno municipal. Esta subvención -que fora solicitada conxuntamente polos Concellos de Cabanas, Ferrol, Neda, Pontedeume, Miño e Betanzos- ascendía a un total de 908.900 € para todo o grupo de concellos.
No caso concreto de Cabanas, o BNG incluíra con cargo a esta subvención os gastos de implantación dun plan de conectividade para garantir o acceso á Internet; a instalación de pantallas informativas exteriores e a creación dunha Oficina Turística Intelixente con información actualizada sobre a oferta comercial de hostalería de Cabanas.
“Ao PP quedoulle todo listo e só tiña que executar a subvención. Pero como xestionar fondos públicos require traballo, a súa ausente concelleira de turismo e o alcalde centrado na exhibición en redes sociais decidiron renunciar a unha subvención que ascende ao 5% do orzamento municipal”, apuntan desde o BNG de Cabanas.
Cabanas convertida nun plató propagandístico da Xunta
Desde o BNG denuncian que Cabanas ten un goberno sen ideas, sen proxecto e sen ningunhas ganas de traballar. “A súa única política é traer á Xunta de visita, unhas veces para anunciar investimentos ou logros conseguidos no anterior mandato polas áreas do BNG, e outras pola foto para redes sociais”, engaden desde a formación nacionalista.
“Montar actos para outorgar premios de Praias sen Fume, cuxo recoñecemento xa se tiña desde o anterior mandato; vir presentar o bono turístico nun concello que desmantelou a área de turismo e pechou o Centro de Interpretación do Medio Mariño; inaugurar un parque infantil mentres o principal leva un ano cos xoguetes rotos... todo lles vale para a foto”, sinala o BNG.
Para o BNG, a visita de Diego Calvo desta mañá ao Pavillón de Lavandeira “é un insulto ás veciñas e veciños de Cabanas”. “Non é só que sexa outra máis desta axenda de visitas baleiras de contido, é que ademais acoden precisamente ao Pavillón de Lavandeira, un lugar que simboliza a incapacidade deste goberno municipal". Desde o BNG lembran que o Concello de Cabanas tivo que devolver os cartos da subvención da Xunta para a obra de reparación da cuberta deste pavillón (conseguida polo anterior goberno municipal), e asumir cando menos unha parte do pago da obra xa efectuada con fondos propios "por culpa dun goberno incapaz nin de facer seguimento dunha obra para que acabe en tempo", concluíron.