O BNG consegue o apoio unánime do pleno de Cabanas para regular as vivendas de uso turístico (VUT)
Das 16 vivendas dispoñíbeis no principal portal de alugueiros, 4 superan os 2.000 €/mes; 5 atópanse entre os 1.200 e os 1.999 €/mes; 2 custan máis de 900 €/mes e tan só 5 están entre os 475 e os 600 €. Destes últimos, dous puntualizan que estes prezos son unicamente para o período estival.
O BNG de Cabanas amosou a súa satisfacción porque a súa proposta para estudar e regular as vivendas de uso turístico (VUT) fose aprobada por unanimidade, no pleno municipal celebrado este mércores.
A proposta, presentada polo portavoz municipal do BNG, Iago Varela, destaca a urxencia de abordar o panorama actual da vivenda de Cabanas, onde os prezos de alugueiro e venda son desorbitados, facendo imposíbel para a mocidade local establecer o seu proxecto de vida no concello.
“A situación non se sostén. Os prezos do alugueiro superan os 2.000 €/mes nalgúns casos, mentres que as vivendas á venda superan en máis de dous terzos os 200.000 €”, destacou Varela. “Isto está a forzar á nosa mocidade a buscar alternativas de vida fóra do noso concello”.
A proposta aprobada por unanimidade insta ao goberno municipal a realizar un estudo que permita coñecer a realidade das vivendas de uso turístico do concello, co fin de regular o mercado. Ademais, propón elaborar unha ordenanza que regule o mantemento dos usos e actividades preexistentes e as actividades de hospedaxe asimiladas a uso da vivenda.
Varela subliñou que “a aprobación desta moción por unanimidade é un paso importante para asegurar que a vivenda poida ser un dereito accesíbel para a mocidade e toda a veciñanza de Cabanas”. “É fundamental regular o mercado de vivendas de uso turístico para evitar a especulación e garantir uns prezos xustos”, concluíu o portavoz municipal.
Esta iniciativa do BNG de Cabanas busca crear un marco regulador para as vivendas de uso turístico que teña como prioridade garantir as necesidades de residencia permanente, asegurando un desenvolvemento sostíbel e inclusivo para o concello.