O BNG de Cabanas denuncia o uso político da tramitación do Punto Limpo de Vilar do Colo
Logo de varios meses de boicot ao Punto Limpo, o PP de Cabanas saca do caixón o regulamento de funcionamento do mesmo consumada a moción de censura en Fene
No pleno deste mércores 25 de abril, o concello de Cabanas aprobou por unanimidade o regulamento de funcionamento do Punto Limpo de Vilar do Colo. Este Punto Limpo, que dará servizo aos concellos de Cabanas, Fene, Neda, Mugardos e Ares, está na actualidade pechado pola paralización da tramitación do regulamento no Concello de Cabanas, polo que desde o BNG celebramos o desbloqueo desta tramitación.
Porén, desde o BNG de Cabanas denunciamos que o alcalde de Cabanas leva boicoteando todo o proceso de tramitación deste servizo, preferindo privar á veciñanza de cinco concellos dun servizo moi importante unicamente para tratar de beneficiar a un compañeiro do seu partido noutro concello:
A redacción definitiva do regulamento levaba acordada desde comezos de xaneiro (e así se publicou na páxina web do Concello de Fene) mais o concello de Cabanas non a trouxo a pleno até este mes de abril, despois de ser consumada a ilexítima moción de censura en Fene, e despois de negar información ou dar información falsa en múltiples ocasións ás preguntas dos membros da corporación de Cabanas.
"Castrillón decidiu gardar o regulamento nun caixón para así tratar de beneficiar ao PP aparentando unha acción de goberno en Fene que en realidade xa estaba realizada polo anterior goberno de Juventino Trigo (BNG)", indicou o concelleiro do BNG en Cabanas, Iago Varela. "Semella que o único criterio de Castrillón era esperar a ver se o seu colega fenés conseguía a alcaldía co apoio dos tránsfugas de Somos Fene para poder ir sacar unha foto e poñerse medallas"