O BNG volve levar a Europa o depósito ilegal de refugallos asfálticos en Cabanas

Refugallos contaminantes en Vilar do Colo

Trátase dunha das primeiras medidas do mandato de Ana Miranda no Parlamento Europeo

O BNG volve levar a Europa o depósito ilegal de refugallos asfálticos en Cabanas

O BNG leva anos denunciando o depósito de residuos asfálticos altamente contaminantes, procedentes de estradas holandesas, no polígono de Vilar do Colo, en Cabanas. Trátase dun depósito levado a cabo pola empresa Manmer SL que incumpre a normativa europea, pola non adecuación das súas condicións e a súa situación, nas proximidades do río Baa, cuxo curso contaminan.

Malia existir unha condena contra o responsábel da empresa, Fermín Duarte, que establece 6 meses de prisión e a retirada dos áridos contaminantes, así como unha resolución da APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) de xaneiro de 2014, na que se dá un prazo de 3 meses para a súa retirada antes de proceder a facerse de modo subsidiario, a realidade é que, catro anos despois, os áridos continúan no mesmo lugar.

Ao tratarse dun asunto que afecta a varios estados membros, o BNG vén de presentar unha nova batería de preguntas ante a Comisión Europea, a través da eurodeputada da formación nacionalista, Ana Miranda. “Pedímoslle á Comisión Europea que exixa ao Estado español o cumprimento da normativa europea, a execución da sentenza e, polo tanto, a retirada dos refugallos e a reposición do chan á situación anterior á súa contaminación”, sinalou Miranda.

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela, lembrou que en outubro do 2017 a formación nacionalista conseguiu un posicionamento unánime do pleno municipal para “exixir a retirada inmediata” deses refugallos. “O alcalde non pode mirar para outro lado neste tema e facer deixazón das súas funcións, debe cumprir os acordos plenarios”, concluíu.

DENUNCIAS PREVIAS

O BNG leva varios anos denunciando as graves consecuencias ambientais derivadas da importación por parte de Manmer S.L. dunhas 800.000 toneladas de materiais asfálticos potencialmente contaminantes, actualmente depositados en diversos puntos de todo o país.

No caso concreto de Cabanas, este material está depositado ao carón do río Baa, en terreos lindantes co Polígono Industrial de Vilar do Colo, na parroquia de Laraxe. Este material pode ter graves repercusións sobre o medio ambiente e a saúde das persoas, tal e como advertiu nun informe o Instituto Nacional de Toxicoloxía xa no ano 2011.

Así, en 2015 o BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza, instando á Xunta a cumprir coa resolución da APLU, levando tamén esta reivindicación ao Parlamento Europeo da man de Ana Miranda en varias ocasións.

O BNG volve levar a Europa o depósito ilegal de refugallos asfálticos en Cabanas