O BNG de Cabanas solicita que se abra a estudo a modificación do trazado do Camiño Inglés

camiño ingles cabanas
Camiño Inglés ao seu paso por Cabanas

Denunciamos os continuos cambios de trazado sen criterio e solicitamos a revisión completa do mesmo.

O BNG de Cabanas solicita que se abra a estudo a modificación do trazado do Camiño Inglés

Onte, domingo 18 erguémonos coa nova de que o trazado do Camiño Inglés ao seu paso por Cabanas volvía estar nunha situación de provisionalidade, ao anunciar o delegado do goberno, após a reunión da Comisión de Seguridade Vial no Camiño de Santiago, que o Camiño Inglés será modificado "en 300 metros ao sur".

Despois de que o pasado verán se efectivizase a, até o de agora, última modificación do Camiño Inglés ao seu paso polo concello de Cabanas (levándoa do trazado previo por Vilar do Colo, Porto e a Madalena a outro pola N-651 e a vila de Cabanas) a contestación popular ten sido moi importante, xa que o novo trazado supón unha notábel diminución da seguridade viaria para os peregrinos, que se ven obrigados a cruzar varias veces a estrada N-651 en puntos sen sinalizar.

Desde o BNG consideramos que se debería aproveitar esta modificación para revisar novamente o trazado polo concello de Cabanas na súa totalidade, abrindo un proceso de modificación da delimitación do Camiño, de xeito que se revirtan os últimos cambios e que o trazado sexa decidido mediante criterios históricos e coa participación da veciñanza. 

"O trazado do Camiño Inglés en Cabanas non responde obxectivamente a criterios históricos, e cun percorrido que cruza varias veces a N-651 en lugares perigosos, desde logo, tampouco responde a criterios de seguridade vial", indicou Iago Varela, voceiro do BNG en Cabanas. "Que agora o delegado do goberno anuncie un cambio de trazado en 300 metros, sen ter en conta criterios de ningún tipo nin consultar a absolutamente ninguén, parécenos directamente un cachondeo”, declarou.
 

O BNG de Cabanas solicita que se abra a estudo a modificación do trazado do Camiño Inglés