PLENOS MUNICIPAIS

Pleno ordinario Setembro 29/09/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

Resumo do pleno ordinario correspondente ao mes de setembro de 2016

Pleno ordinario Setembro 29/09/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

O mércores 28 de setembro tivo lugar o pleno ordinario do mes de setembro. Estas foron os temas que se trataron nel.

1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores: adiouse o punto por non estar dispoñíbel. 

2. Conta xeral exercicio 2015: (Documento). Explicamos que na comisión de contas do 12 de agosto informouse de que na Conta Xeral de 2017 deberían estar desglosados, por lei, os custes dos servizos. Solicitamos que se aproveitase esta situación para comezar a estudar a remunicipalización das concesións dos servizos básicos do concello, como a auga ou a recollida do lixo, eliminando así o lucro das empresas concesionarias >> APROBADA: 5 votos a favor (PP), 2 votos en contra (BNG / Somos Cabanas, 4 abstencións (PSOE / AEC).
 
3. Modificación ordenanza fiscal prezo público actividades socio-culturais, deportivas e recreativas (Documento). No debate o Grupo Socialista solicitou engadir unha bonificación para as familias monoparentais. Amosamos o noso apoio a esta modificación da proposta orixinal e votouse o documento con este cambio >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).

 4. Proposta estatutos Asociación Concellos Camiño Inglés (Documento). Consideramos positiva a existencia desta asociación de concellos vencellados ao Camiño Inglés, por permitir pór en marcha sinerxias entres os concellos que poden resultar beneficiosas para a veciñanza >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).
 
5. Proposta festas locais 2017: O grupo de goberno propuxo establecer como festivos locais para o 2017 o 20 de febreiro, martes de Entroido, e o 30 de novembro (Santo André) >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).

6. Expediente responsabilidade patrimonial execución sentenza O Penso 1ª fase (Documento) Expuxemos que, tal e como se solicitara a oposición na comisión de asuntos de pleno, o documento chegou ao pleno cun informe dos servizos municipais, no cal non se puxeron obxeccións >> APROBADO: 8 votos a favor (PP / PSOE), 3 abstencións (BNG / AEC / Somos Cabanas)

7. Agrupación permanente dos concellos de Cabanas e de Pontedeume para a solicitude de subvencións (Documento). No debate explicamos que o documento só ten fins propagandísticos, dado que na práctica, á hora de pedir calquera subvención, é preciso firmar o correspondente convenio específico. Tamén pedimos que se traballase para explorar outras vías de colaboración con outros concellos, por exemplo para mancomunar servizos. >> APROBADA: 10 votos a favor (BNG / PP / PSOE / AEC), 1 abstención (Somos Cabanas).

8. Apoio á plataforma de vítimas do Alvia 05155. BNG (Documento). Presentamos esta moción en colaboración coa Plataforma de Vítimas do Alvia para que desde o Concello de Cabanas se amosase a solidariedade e apoio ás súas reivindicacións. No debate o PP propuxo sustituír os dous últimos puntos, os máis importantes, por unha frase baleira de contido, que facía perder todo o sentido á moción, polo que rexeitamos tal proposta >> APROBADA: 6 votos a favor (BNG / PSOE / AEC / Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP).

9. Contención da vespa velutina. AEC (Documento). Explicamos que, tal e como xa se tratara noutros plenos, o tema da velutina é de especial preocupación para o BNG, e amosamos o noso voto favorábel á moción >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).

10. Informes de presidencia: a) Resolucións alcaldía
a. Resolucións de Alcaldía (Documento)
b. Liñas fundamentais orzamento 2017

11. Rogos e preguntas

Neste punto fixemos un rogo e 5 preguntas escritas

Rogo 1: Rogamos que o goberno municipal tivese a ben colocar correctamente a bandeira galega do Concello, tras varias semanas do colgada do revés.

Preguntas escritas

Pregunta 1 (escalón acceso colexio). O alcalde ironizou co tema, pero non deu unha resposta clara sobre se desde o concello van facer algo para solucionar este problema.

Pregunta 2 (regulamento de uso de locais). O alcalde dixo que “están niso”, aínda que certamente deu a entender que nin teñen feito nada nin teñen pensado facelo, obviando o aprobado no pleno

Pregunta 3 (problemas no asfaltado de acceso Ás Modias). Dixo que se dará solución cando haxa cartos para facelo, pero non deu prazos.

Pregunta 4 (problemas do Barreiro). O alcalde dixo terse posto en contacto coa Deputación, pero desde o BNG respondemos que non consta nos rexistros do Concello nin da Deputación contacto algún, ao que non soubo que dicir. Sobre as últimas incidencias (inundacións de fecais) asegurou ter detectado o lugar e a causa (supostamente toalliñas do xeriátrico que obstaculizaron as tubaxes por mor dun encofrado que quedou sen sacar durante as obras).

Pregunta 5 (sancións por estacionamento na praia). Respondeu que o concello puxo 516 sancións por mal estacionamento na zona da praia, e que o concello non tiña aínda a conta feita, dado que o importe depende dos tempos de cobro, étc.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Neste pleno volvimos toparnos coa intransixencia do alcalde Germán Castrillón, quen se sinte incómodo ao ter que dar conta da súa inacción á fronte do goberno. No BNG entendemos que é positivo o intercambio de propostas e a fiscalización da actividade municipal que se dá neste apartado de cada pleno, e lamentamos que o alcalde non sexa quen de colaborar neste exercicio de democracia.

Porén, desde o BNG consideramos positivo que toda a oposición teña colaborado para permitir que saise adiante a moción de apoio á Plataforma de Vítimas do Alvia, a quenes recibiremos no Concello proximamente todos os grupos municipais. Lamentamos que o PP antepuxese os seus intereses, o bloqueo a calquera investigación independente, aos dereitos das vítimas a coñecer a verdade sobre este tráxico suceso e a que existan responsabilidades políticas, como se ten demostrado que as houbo.

Lembramos que podedes facernos chegar as vosas propostas a través do email [email protected]

Pleno ordinario Setembro 29/09/2016: resumo da sesión e propostas do BNG