PLENOS MUNICIPAIS

Pleno ordinario Outubro 30/10/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Outubro 30/10/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores: Sometéronse a aprobación do pleno as actas das sesións do 29/06/2016 e do 27/07/2016. Aprobáronse por asentimento.

2. Modificación ordenanza fiscal IVTM: (Documento). O cambio máis importante na ordenanza é a aplicación de bonificacións a vehículos eléctricos e híbridos. Na comisión previa ao pleno pedimos que se simplificase o procedemento administrativo para os casos de persoas con minusvalías, pero non se atendeu a petición alegando que non era posíbel, malia que noutros concellos o proceso é moito máis simple. >> APROBADA: 10 votos a favor (PP / PSOE / AEC / Somos Cabanas), 1 abstención (BNG).

3. Modificación ordenanza fiscal do IBI: (Documento). Indicamos que o documento recolle diferentes bonificacións, entre elas ás familias numerosas, mais desde o BNG entendemos que tamén se deberan aplicar a familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, menores de 35 anos e outros colectivos. Como o marco lexislativo vixente non permite facelo de maneira directa, trasladamos esta circunstancia ao grupo parlamentar do BNG para traballar nas modificacións lexislativas pertinentes para facelo posíbel, mais mentres tanto instamos ao goberno municipal a aplicar bonificacións indirectas a través dos servizos municipais. Por outra banda, tamén se establecen bonificacións a propiedades incluídas dentro dentro das Fragas do Eume, se ben é certo que non se inclúen todos os núcleos. Por estas razóns, desde o BNG non votamos a favor da modificación e optamos pola abstención >> APROBADA: 10 votos a favor (PP / PSOE / AEC / Somos Cabanas), 1 abstención (BNG).

4. Proxecto técnico obra execución sentenza recurso contencioso – administrativo 02/0004055/1993, edificio O Penso 2ª fase: (Documentos: informe arquitecto 26/08/2016, informe arquitecto 07/10/2016, informe xurídico externo). Neste punto amosamos o noso malestar por tratar novamente en pleno un asunto relacionado coas obras do Penso sen ter toda a documentación (falta un informe técnico ao que fai referencia o arquitecto municipal no apartado 2.1.2 do seu informe do 7 de outubro).

Tampouco temos a seguridade xurídica de que a decisión a adoptar sexa a correcta. Nas conclusións do informe do arquitecto municipal, recóllese que “estímase [...] que o proxecto técnico [...] non se adaptaría ao contido do fallo da sentenza por non aplicarse integramente a Ordenanza E [...] o referido proxecto técnico si podería adaptarse ás determinacións establecidas para a ordenanza de aplicación [...] isto é, a ordenanza D.”. Isto vén a dicir que segundo o criterio do arquitecto, o proxecto que teriamos que aprobar non é acorde á sentenza, pero como a sentenza está baseada nun erro, poderíase entender que está ben. O informe xurídico agárrase a ese condicional “podería” para apoiar o proxecto, obviando a primeira parte das conclusións do informe do arquitecto no que di que non está conforme á sentenza.

No BNG queremos unha solución definitiva para o problema do Penso, unha solución que ten que ser xusta, particularmente para a veciñanza afectada, e que ten que ser correcta, para que isto remate xa dunha vez. Desde o BNG consideramos que aprobar un proxecto que segundo o informe técnico non é acorde á sentenza é unha irresponsabilidade que xoga co benestar da veciñanza afectada, xa que pode facer que volva xudicializarse o proceso agora que xa vén próxima a fin deste calvario. >> APROBADA: 5 votos a favor (PP), 4 abstencións (PSOE / AEC), 2 votos en contra (BNG / Somos Cabanas)

5. Ratificación Decreto Alcaldía sobre emenda acordo solicitude PMA 2016 da Deputación da Coruña: Ratificouse un Decreto  de Alcaldía por un desfase de 0,01 € na solicitude PMA 2016 da Deputación da Coruña. >> APROBADO: 11 votos a favor (todos)
 
6. Cambio denominación sede electrónica: Neste punto propúñase ratificar o cambio da sede electrónica para a adopción do dominio .gal na páxina web do Concello de Cabanas. 

No pleno de setembro de 2015, propuxemos mudar o dominio do concello a cabanas.gal, proposta que foi rexeitada cos votos en contra do PP, que alegou, a través do concelleiro Javier Brage, motivos económicos para non apoiar a proposta. Porén, segundo descubrimos, o dominio cabanas.gal rexistrouse por parte do Concello e a nome do alcalde o 7 de outubro de 2015, só 7 días despois dese pleno.

Nós parabenizamos ao PP por entrar en razón e adoptar o cabanas.gal, pero denunciamos a súa hipocresía, que os levou a votar en contra da nosa moción dando excusas que se demostraron falsas, pois só tardaron 7 días en facer o que pediamos.

Na súa resposta, o alcalde esgrimiu argumentos falsos, como que a adopción do dominio era un mandato da Deputación, e cando o noso voceiro municipal solicitou a palabra para intervir e amosar os datos que demostraban as mentiras do alcalde, Germán Castrillón ameazou con botalo do pleno, nunha nova mostra de falta de respeto á labor de oposición. >> APROBADO: 11 votos a favor (todos)

7. Oposición á LOMCE e ás súas reválidas. BNG: (Documentación). Iniciamos a defensa desta moción amosando o apoio ás persoas que no mesmo momento do pleno estaban concentradas contra a LOMCE e as súas reválidas. Durante o debate, a concelleira de AEC esgrimiu o seu xa clásico “non afecta a Cabanas”, e cando o noso concelleiro explicou como as mozas e mozos de Cabanas que están a estudar o bacharalato este ano non saben, a día de hoxe e co curso xa comezado, como vai ser o procedemento para acceder á Universidade, entrou en cólera. >> REXEITADA: 5 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP), 1 abstención (AEC).

8. Campaña municipal para a retirada do amianto. PSOE: (Documento). En termos xerais, concordamos coa proposta presentada polo PSOE. Durante o debate o PP propuxo modificacións e finalmente foi sometida a votación unha proposta con lixeiros cambios. >> APROBADA: 11 votos a favor (todos)

9. Apoio proposición de lei para aplicación medidas en materia de réxime local. Somos: (Documento) Malia non estar de todo conformes con parte das ideas que o texto daba por sentadas, estamos de acordo co fondo. A “Lei Montoro” invade e reduce as competencias dos concellos, dificultando o seu funcionamento e ocasionando graves prexuízos á veciñanza. O BNG leva opoñéndose a esta lei desde o comezo, presentando unha emenda á totalidade durante a súa tramitación parlamentaria e impulsando conxuntamente con outras forzas políticas da esquerda estatal o recurso interposto no Tribunal Constitucional contra a mesma.

No debate o PP propuxo lixeiras modificacións que non mudaron o espírito do texto e someteuse a votación con estes cambios. >> APROBADA: 10 votos a favor (BNG / PP / PSOE / Somos Cabanas), 1 abstención (AEC).

10. Declaración de municipio oposto ao TTIP. Somos (Documento) Amosamos a nosa oposición total aos tratados de libre comercio, tanto ao TTIP como ao CETA, ambos negociados de costas ás persoas e ás institucións. O TTIP persegue a liberalización total dos servizos públicos e a apertura da prestación destes ás empresas transnacionais, o que pon en perigo todos os servizos públicos e compromete a habilidade das representantes elixidas para administraren libremente as súas comunidades locais e promocionaren a industria, o emprego e iniciativas locais.

Someteuse a aprobación e foi rexeitada (5 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP) e 1 abstención (AEC)). Porén, tras a votación produciuse un feito rocambolesco: a voceira de AEC propuxo un cambio no texto para deixar sen contido a moción, trasladándoa á Mancomunidade (¿?) e non facendo que o pleno de Cabanas se pronunciase. O concelleiro promotor da moción aceptou ese baleirado de contido e produciuse unha segunda votación. Desde o BNG criticamos a pouca seriedade do procedemento e amosamos a nosa abstención polo nulo significado do votado. O resto de grupos votaron a favor.

11. Informes de presidencia. Resolucións de Alcaldía (Documento). Informouse das resolucións de Alcaldía.

12. Rogos e preguntas

Neste punto fixemos 2 rogos, unha pregunta oral e 4 preguntas escritas.

Rogo 1: Rogamos que se amañase un sumidoiro de pluviais situado na beirarrúa entre  Avda. Do Areal e o camiño Tras da Vila, polo perigo para os peóns, especialmente os pícaros.

Rogo 2: Solicitamos que se habilitasen enderezos de correo electrónico para as concelleiras e concelleiros, de maneira que todas teñan un enderezo que poder poñer a disposición da veciñanza para o seu contacto.

Pregunta 1: Preguntamos polo estado da actualización da web a unha nova versión. O alcalde limitouse a indicar a actualización de contidos, non da plataforma.

Preguntas escritas

Pregunta 1 (alegacións instalacións de gas). Contestou que non lle consta que houbera ningunha alegación ao proxecto.

Pregunta 2 (mellora da iluminación no Areal). A súa resposta foi que se cambiou de sitio un contedor. Certamente, nunha pregunta anterior, solicitábamos o cambio de ubicación dun colector do lixo na mesma zona, polo que nos parece positivo que se levara a cabo, mais semella que non se fixo nada no relativo á mellora da iluminación.

Pregunta 3 (problemas asfaltado nos Chaos). Respondeu cunha listaxe de camiños que foron asfaltados nos últimos meses, mais obviou contestar ás preguntas formuladas de maneira clara.

Pregunta 4 (novos corrementos de terra en Chamoso). Novamente, botou balóns dicindo que informara á Demarcación de Costas, aínda que non precisou se houbo algún avance.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Neste pleno vivimos un novo episodio do Germán Castrillón máis antidemocrático e autoritario. Non permitirlle o uso da palabra ao voceiro municipal do BNG na súa quenda e ameazalo con botalo do pleno por exixir o cumprimento dos seus dereitos son unha boa mostra dunhas prácticas que desde o BNG levamos meses denunciando e que queremos desterrar deste concello, xunto ao caciquismo que representa o PP local.

Así mesmo, tamén lamentamos que AEC volvese esgrimir a falacia de “no afecta a Cabanas” para apoiar, directa ou indirectamente, ao PP. Esquece este grupo que hai decisións que afectan ao noso concello que se toman máis aló da Ponte de Pedra, e que é preciso que o concello tome posición en todos estes temas.

Finalmente, censuramos que o PP tivese o atrevemento de propor a creación dunha “comisión que estude os temas que se poden levar a pleno”, pois en termos claros non é máis ca unha comisión de vetos cuxo único obxectivo é censurar temas e impedir o traballo da oposición.

Pleno ordinario Outubro 30/10/2016: resumo da sesión e propostas do BNG