MANDATO 2023-2027
Resumo do pleno de Xullo de 2023
O pasado mércores celebrouse o primeiro pleno ordinario deste mandato, con diversos puntos na orde do día.
Entre eles o máis destacado foi o dos Orzamentos municipais deste 2023. Os Orzamentos que presentou o PP copian case ao milímetro o borrador que deixou feito o anterior alcalde, un borrador que, como non era definitivo, tiña detectados (mais aínda sen corrixir) algúns erros que o novo goberno, nas súas présas, pasou por alto.
Pero é que ademais nesas présas por aprobalos saltaron varios pasos no procedemento que son necesarios: non llos presentaron ao Consello de Participación Veciñal, onde están representadas as asociacións, sociedades e entidades locais do concello, nin tampouco á representación sindical das traballadoras, un incumprimento que levará á súa impugnación por parte dos sindicatos.
Desde o BNG lamentamos que as présas do goberno municipal por anotar un punto leven non só a aprobar un texto con erros, senón tamén a dar un paso atrás tan grande en Participación. No BNG cremos firmemente que tanto as entidades como as traballadoras do concello, como parte afectada polos orzamentos, deben ter voz na súa elaboración.
Aínda con todas estas eivas, os orzamentos saíron aprobados co voto a favor do PP e a abstención do PSOE. O grupo do BNG votou en contra, xa que só o explicado do proceso de elaboración xa fai que os consideremos inaprobables.
Por outra banda, despois da decisión unilateral da alcaldía de retirarse do recurso contencioso-administrativo contra o PRUX, deixando tiradas ás propietarias afectadas, desde o Grupo Municipal do BNG presentamos unha iniciativa instando á alcaldía a continuar co recurso e reiterando o apoio do Pleno ás reivindicacións das afectadas. A iniciativa foi apoiada por todos os grupos agás o PP.
Na quenda de preguntas, pedímoslle información ao goberno sobre diversas cuestións como as festas (que a pesar de ter quedado practicamente organizadas foron anunciadas tarde mal e arrastro), o servizo de socorrismo (que non se está a prestar conforme ao anunciado), os cortes de luz no Centro de Saúde (que provocaron a rotura da cadea de frío e a perda de diverso material e vacinas), a posición do goberno sobre o proxecto de humanización da Avenida do Areal (que "non saben" se van seguir adiante con el ou perder o financiamento conseguido para a súa execución), o acordo anunciado co CN La Penela para facer cursos de vela (que recoñeceron que non existe) ou a situación da Costa do Vinteún (que como xa comentamos, abriron sen solucionar os problemas nin saber se está garantida a seguridade ante posíbeis novos afundimentos).
Podedes ver o vídeo completo do pleno no seguinte enlace.