Pleno Ordinario Outubro 25/10/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

Casa do Concello de Cabanas
Casa do Concello de Cabanas
Pleno Ordinario Outubro 25/10/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

O pasado mércores 25 de outubro tivo lugar a penúltima sesión ordinaria do pleno municipal deste 2017. A continuación podedes ver os temas tratados e as propostas do BNG.

1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Sometéronse a aprobación as actas dos plenos do 31/05/2017 e do 12/10/2017. Aprobáronse ambas por asentimento.

2.- Achega convenio entre o Concello de Ferrol e a Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol para mellora do servizo da casa de acollida de Ferrol.  Desde o BNG consideramos que é fundamental mellorar o servizo que presta a casa de acollida de Ferrol aos concellos da Mancomunidade, así como elaborar e pór en funcionamento medidas e protocolos para erradicar a violencia machista. Tamén reiteramos a nosa preferencia por chegarmos a acordos entre os concellos da comarca para mancomunar servizos. >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).

3.- Recursos de reposición contra a aprobación do rueiro municipal. O goberno municipal trouxo ao Pleno o rexeitamento dos recursos contra o rueiro.  A postura do BNG sobre a actualización do rueiro é xa coñecida: estamos a favor da actualización, mais discordamos con como se fixo. Desde o comezo amosamos as nosas dúbidas sobre o uso de toponimia "incerta" (como se denunciaba en varias alegacións) e o incumprimento da Lei de Normalización Lingüística. No pleno denunciamos o rodillo do PP rexeitando todos os recursos >> APROBADA A PROPOSTA DE REXEITAR OS RECURSOS: 5 votos a favor (PP), 5 abstencións (BNG, PSOE, AEC), 1 voto en contra (Somos)

4. Iniciativa relativa ás medidas a adoptar para o control e desaparición do carrizo da Pampa (BNG) (documento). Esta moción instaba tanto ao concello de Cabanas como á Xunta e ao Ministerio de Fomento á erradicación total do territorio de Cabanas da cortaderia (os "plumeiros"), unha planta invasora que ademais de atacar a flora autóctona contribúe á propagación de incendios, e cuxa eliminación está sendo obviada polas diferentes administracións a pesar de haber lexislación que o respaldaría. >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).

5. Iniciativa para a retirada inmediata dos áridos de Manmer no polígono de Vilar do Colo (BNG) (documento). Os residuos asfálticos que a empresa Manmer depositou en Vilar do Colo levan sendo unha preocupación do BNG desde hai moito tempo, pois xa temos levado o problema tanto ao Parlamento Galego como ao Europeo. Agora, despois da sentenza que condenaba Fermín Duarte por delito ambiental a 6 meses de prisión e á retirada dos residuos de Vilar do Colo, levamos ao pleno de outubro a exixencia de que fosen retirados inmediatamente e non se ignore a sentenza, como ocorreu cando a APLU obrigou á reposición da legalidade. >> APROBADO 10 votos a favor (BNG, PP, PSOE, SOMOS), 1 abstención (AEC).

6. Plan de recuperación de fontes e lavadoiros tradicionais (PSOE) (documento). Neste punto propúñase a recuperación de fontes e lavadoiros en Cabanas. Contrariamente ao pleno de setembro, neste caso o PSOE non incluíu un compromiso orzamentario a cegas entre os puntos da moción, polo que apoiamos as mocións e tamén os felicitamos por nos faceren caso. >> APROBADO: punto 1: 6 votos a favor (BNG, PSOE, SOMOS, AEC), 5 abstencións (PP); punto 2: 5 votos a favor (BNG, PSOE, SOMOS), 6 abstencións (PP, AEC); punto 3: 5 votos a favor (BNG, PSOE, SOMOS), 5 abstencións (PP), 1 voto en contra (AEC).

7. Melloras dos parques infantís de Cabanas para adaptalos a nenas/os con discapacidade (PSOE) (documento). Esta moción, semellante á anterior, solicitaba a adaptación dos parques infantís a nenos con discapacidade, novamente sen compromisos orzamentarios a cegas. Após pequenas modificacións do PP foi >> APROBADO 11 votos a favor (todos)

8. Recuperación da memoria histórica (PDDdG) (documento). Esta moción solicitaba honrar os membros da corporación republicana do noso concello represaliados polo Levantamento Franquista. Dentro do compromiso do BNG coa memoria histórica, pensamos que as institucións públicas deben ter un posicionamento claro de condena do golpe de Estado do 36, da ditadura franquista e da brutal represión que sufriron miles de galegos e galegas ao longo dese terríbel período histórico. Por iso xa no Pleno de Xullo de 2016 presentamos unha moción instando a que o Concello de Cabanas promovese actividades arredor da memoria histórica, así como á organización dunha homenaxe pública aos cargos políticos e ás traballadoras e traballadores da institución que foron vítimas da represión franquista, entre outros acordos. Esta moción propón novamente o acordo 3º da devandita moción, e como non podería ser doutro xeito, apoiámola. >> REXEITADA 5 votos a favor (BNG, PSOE, SOMOS), 5 votos en contra (PP), 1 abstención (AEC). 

9.- Informes de Presidencia (este mes excepcionalmente non temos copia dixital dos documentos)

a) Resolucións de Alcaldía

b) Informe trimestral PMP

c) Informe trimestral execución orzamento.

10. Rogos e preguntas.

Neste pleno realizamos dúas preguntas orais:

Pregunta 1: Preguntamos se o Concello facía seguimento dos potenciais riscos das árbores ás beiras dos camiños municipais próximas a vivendas. 

Pregunta 2: Ante as novas que alertan do aumento do número de persoas que viven soas (269.500 na Galiza, cunha media de idade de 63,1 anos) preguntámoslle ao goberno se había algún plan específico para esta poboación, especialmente vulnerábel en caso de accidente. 

En ningún dos casos recibimos resposta concreta, polo que damos por feito que o goberno non fai seguimento en ningún dos dous casos.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Este pleno foi quizais algo máis tranquilo que os anteriores, aínda que seguimos coas dinámicas de bloqueo por parte do grupo de goberno e as abstencións sen sentido por parte de AEC, que no caso da nosa moción para a retirada dos residuos de Manmer chegou ao ridículo ao quedar soa a concelleira na súa abstención contra unha moción que urxía ao cumprimento dunha sentenza xudicial.

A posición do PP con respecto ao punto de memoria histórica, sen sorprender, déixanos novamente ás claras que estamos perante un partido antidemocrático que non é quen de recoñecer a masacre que supuxo a guerra civil e a ditadura no noso país, unha represión que resultou en máis de 5000 mortos ademais de outras moitas tipoloxías represivas, e que ademais cebouse especialmente no noso concello e na nosa comarca.

No turno de preguntas voltamos como vén sendo habitual ás "non-respostas" ás que estamos acostumados. Nada novo baixo o sol.

Pleno Ordinario Outubro 25/10/2017: resumo da sesión e propostas do BNG