O BNG leva ao Parlamento a situación dos residuos tóxicos contaminantes en Vilar do Colo
O BNG ten denunciado en varias ocasións o grave problema ambiental que a empresa Manmer S.L. provocou en Galiza, tras importar de Holanda unhas 800.000 toneladas de materiais asfálticos potencialmente contaminantes, actualmente depositados en diversos puntos do país. No caso de Cabanas, este material está depositado ao carón do río Baa, en terreos colindantes co Polígono Industrial de Vilar do Colo, na parroquia de Laraxe. Este material pode ter graves repercusións sobre o medio ambiente e a saúde das persoas, tal e como advertiu nun informe o Instituto Nacional de Toxicoloxía xa no 2011.
O BNG urxe á retirada dos refugallos mediante fórmulas que eviten repercusións na saúde e no medio ambiente
Porén, o Partido Popular negouse sistematicamente a retirar estes refugallos, a pesar das múltiples iniciativas do BNG no Concello de Cabanas e no Parlamento de Galiza. Con posterioridade, e tras varias denuncias, a APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) emitiu unha resolución (expediente de reposición de legalidade con data 30 de xaneiro de 2014) na que recoñeceu a existencia dun problema ambiental e de saúde pública pola inadecuación da parcela na que están depositados estes refugallos, e urxiu á retirada para devolver os terreos ao estado orixinal nun prazo máximo de tres meses, un prazo que xa transcorreu.
Perante a inacción institucional, o BNG vén de presentar unha nova proposición non de lei no Parlamento de Galiza para instar á Xunta a dar cumprimento do expediente de reposición de legalidade. Na mesma úrxese á retirada dos materiais contaminantes, procurando fórmulas acaídas para o tratamento de residuos asfálticos que eviten as súas posíbeis repercusións na saúde e no medio ambiente.
Para o concelleiro do BNG en Cabanas, Iago Varela, "é moi grave que a Xunta e concello de Cabanas ignoren as resolucións da APLU e a APLU non faga nada por as facer valer". Lembra Varela que o texto establece que se procederá á execución subsidiaria ou forzosa no caso de non facela os responsábeis nos tres primeiros meses, un prazo que xa rematou o 30 de abril do 2014, hai máis dun ano.