PLENOS MUNICIPAIS
Pleno ordinario Xullo 27/07/2016: resumo da sesión e propostas do BNG
O mércores 27 de xullo celebrouse o pleno ordinario do mes de xullo. Estas foron os temas que se trataron nel
1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Someteuse a aprobación a acta do pleno ordinario de maio (25 de maio de 2016). Aprobouse por asentemento.
2.- Solicitude de obras Plan Hurbe no ano 2016: Mellora de accesibilidade no entorno da Igrexa de Santo André de Cabanas. Trátase dunha axuda que permitirá ao Concello mellorar os accesos ao entorno da Igrexa de Santo André >> APROBADA: 10 votos a favor (todos) (a concelleira do PSOE incorporouse no punto 3).
3. Proxecto de adaptación LOPD. O goberno trouxo a pleno o proxecto para adaptar a xestión municipal á LOPD en diversos aspectos. Preguntamos polo custo que supuxo o traballo de consultoría coa empresa contratada e canto vai supór o servizo de mantemento. Contestáronnos que o realizado até o de agora foron arredor 3000 + IVE e, de memoria, que o servizo suporía arredor de 1000 /ano. >> APROBADA: 11 votos a favor (todos)
4. Actualización do Rueiro e rede cultural do concello de Cabanas. O goberno presentou ante o pleno a versión definitiva do Rueiro para a súa aprobación. Indicamos que o BNG coincide en que é preciso, urxente e prioritario levar a cabo a actualización do rueiro, mais fomos críticas co uso de toponimia de procedencia incerta e o procedemento, polo que asinamos xunto con portavoces de outras forzas políticas a solicitude dun informe do secretario - interventor. Solicitamos que se adiase o punto á vindeira sesión plenaria. Por outro lado, Somos Cabanas presentou unha emenda ao ditame.
Votouse primeiramente deixar o tema riba da mesa >> REXEITADA: 2 votos a favor (BNG/Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP), 4 abstencións (PSOE/AEC).
Ao non saír adiante dita resolución, votouse a emenda >> REXEITADA: 2 votos a favor (BNG / Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP), 4 abstencións (PSOE/AEC).
Finalmente, votouse o rueiro, que desestima a maior parte das alegacións, e procederase á súa publicación nos boletíns oficiais >> APROBADO: 8 votos a favor (PP/PSOE), 2 en contra (BNG/Somos Cabanas), 1 absención (AEC)
5. Declaración institucional sobre recuperación de memoria histórica. O BNG presentou esta moción, a petición da Iniciativa Galega pola Memoria, para condenar a ditadura franquista co gallo do 80 aniversario do levantamento militar e fascista do 18 de xullo do 36.
Porén, durante a comisión de asuntos de pleno debateuse a moción e propúxose realizar unha declaración institucional acordada por todos os grupos, á que se lle deu lectura no pleno. Pódese ver nesta ligazón.
6. Cumprimento das competencias de vixilancia de seguridade, limpeza e hixiene nas zonas de baño (Somos). Somos presentou esta moción, que segue a liña das preguntas que realizamos no pleno de xuño e entendemos lóxica. Malia todo, pedimos que se nos aclarasen algunhas cuestións, como os novos balizamentos, as zonas afectadas, ou as actividades que quedarían prohibidas >> APROBADA: 6 votos a favor (BNG/PSOE/AEC/Somos Cabanas), 5 abstencións (PP).
7. Informes de presidencia: a) Resolucións alcaldía [Non dispoñíbeis] A documentación relativa a este punto non foi enviada por correo electrónico.
*Moción de Urxencia: Presentamos pola vía de urxencia (após ser vetada polo alcalde a súa inclusión na orde do día durante a comisión de asuntos do pleno) unha moción para a elaboración dun regulamento de agasallos e obsequios e a creación dun rexistro público dos mesmos. Púidose debater en pleno co apoio de todas as forzas políticas da oposición, o cal agradecemos.
A moción tiña como obxectivo mellorar a transparencia, neste caso poñendo o foco sobre os agasallos que poidan recibir os membros da corporación ou o concello como tal, e na liña de outras propostas que levamos feito no pleno durante os últimos meses. Para a nosa sorpresa, ningún dos outros grupos apoiou esta iniciativa >> REXEITADA: 1 voto a favor (BNG), 6 votos en contra (PP/AEC), 4 abstencións (PSOE / Somos Cabanas).
9.-Rogos e preguntas
Neste pleno realizamos 1 pregunta oral e 3 preguntas escritas.
Pregunta 1: tras a visita de Feijoo aproveitamos para preguntar se o alcalde tivera a ben preguntarlle ao presidente por varios temas referenciais para Cabanas nos que a Xunta non está facendo nada (PRUX das Fragas do Eume, refugallos tóxicos en Vilar do Colo, limpeza de ríos, ...). Respondeu a voceira do PP que Feijoo "veu cear".
Pregunta escrita 1 (árbore de Chamoso): non deu unha resposta ao tema e insinuou que o BNG manipulara o escenario para sacar as fotos, o que non só nos merece o máis absoluto desprezo senón que ademais cremos que pretende facer parva á veciñanza, nomeadamente ás usuarias deste areal, que ven como os días pasan sen que desde o concello se tomen medidas para garantir a seguranza.
Pregunta escrita 2 (aparcadoiro na Madalena): dixo supór que se estaba facendo algo, pero non concretou datos.
Pregunta escrita 3 (boletín Santa Marta): segundo o alcalde, o panfleto publicitario que ben podería levar o logo do PP no canto do do concello non é partidista. Mágoa de cartos públicos.
CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO
Neste pleno tocoulle ao BNG sufrir a falta de cultura democrática de Germán Castrillón e equipo, ao vetaren que fose a pleno o regulamento para a creación dun rexistro de agasallos. Tivo que ser a oposición quen permitise que se puidera debater, o cal agradecemos, aínda que despois levamos unha grande sorpresa ao ver que fomos os únicos en votar a favor da proposta.
Por outra banda, entendemos que as posturas persoais sobre non aceptar agasallos, que compartimos, non obstan para a aprobación dun regulamento que permitiría a toda a veciñanza coñecer os agasallos que outros membros da corporación reciben (e que poden recibir mentres non cambie a lei, algo que non podemos facer desde o Concello). Dicir que non se pode aprobar un regulamento sobre os agasallos, ou sobre calquera outra realidade, porque a lexitima é un argumento falaz. Se así fose, non teriamos, por exemplo, acceso aos rexistros públicos de deudores, ou a todo tipo de información sobre incompatibilidades administrativas, ou aos conflitos de intereses de persoas en postos de decisión, posto que a publicación desta información implicaría a súa lexitimización. É un argumento tan burdo que cae polo seu propio peso, e no seu purismo axuda a aquelas persoas e actitudes sobre as que se quere botar luz e que se queren erradicar.
Polo demais, o alcalde segue sen dar respostas ás preguntas que se lle fan nos plenos, sen importar se son rexistradas ou non. A súa resposta por defecto segue a ser a de dicir que non sabe agora, non ten os datos ou depende de outras administracións, cando son aspectos que o concernen directamente. Por outro lado, neste pleno vimos que concelleiras de outras forzas políticas facíanse eco nas súas preguntas de propostas que ten presentado o BNG en plenos anteriores. Desde o BNG aledámonos de que asuman implicitamente as nosas propostas, e exhortamos a que apoien tamén as nosas propostas nas votacións ante o pleno, cousa que neste caso non fixeron.