Pleno ordinario Marzo 29/03/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

Casa do Concello de Cabanas
Casa do Concello de Cabanas
Pleno ordinario Marzo 29/03/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

Como cada último mércores de mes, o pasado 29 de marzo celebrouse a sesión ordinaria do pleno municipal. A continuación podedes ver os temas tratados e as propostas do BNG.

1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Someteuse a aprobación a acta correspondente á sesión do 29 de novembro de 2016. Aprobouse por asentimento.

2. Órganos colexiados complementarios e asistencias percibidas (Somos) (documento). Neste punto discutíronse unha serie de medidas sobre as Xuntas de Delegados, un órgano colexiado do Concello que podería ser ilegal, ao non cumplirse unha serie de requisitos, nomeadamente, convocarse sen asistencia de funcionarios do Concello que certifiquen a súa realización. Para o BNG este é un tema gravísimo sobre o que xa preguntamos no pleno do pasado mes de xaneiro, a raíz da imputación do goberno do PP no Concello de Valga.

Amosamos o noso voto a favor, xa que no BNG cremos que estas Xuntas de Delegados non son máis que un mecanismo do goberno para cobrar diñeiro do Concello e, polo tanto, pensamos que non deberían existir, tal e como levamos defendendo desde o comezo da lexislatura (e votando en consecuencia). Ademais, cremos, independentemente da nosa posición sobre a existencia das comisións, que mentres haxa dúbidas sobre a súa legalidade o goberno municipal debería amosar prudencia e corrixir as ilegalidades nas Xuntas de Delegados, para así evitar que Cabanas volva ser nova por unha imputación xudicial.

Por último, é necesario indicar que este tema está intimamente relacionado co do modelo de goberno que quere a maioría do pleno de Cabanas. Os dous grupos maioritarios da corporación defenden, polos motivos que sexan, unha alcaldía con media dedicación ou sen dedicación que, polo tanto, non dedicaría a totalidade do seu tempo ao Concello, e que a maior parte dos pagos se fagan por asistencias. No BNG defendemos que o goberno que queremos para Cabanas ten que ter unha alcaldía que dedique o 100% do seu tempo a mellorar Cabanas, e polo tanto é necesario que conte cun soldo digno, pero baixo. Esta foi a postura defendida polo BNG no Pleno de Organización: Alcaldía (naquel caso do PP) que tivese un 100% de dedicación ao pobo, aumento dos órganos de participación e control e redución dos órganos de goberno. Seguimos pensando igual, e pensamos que se máis pensasen coma nós non chegariamos a esta situación, onde a legalidade dunha comisión do pleno está posta en dúbida. >> REXEITADA: 2 votos a favor (BNG, Somos Cabanas), 6 votos en contra (PP, AEC), 3 abstencións (PSOE)

3. Medidas ante a fin da bonificación do IBI a Autoestradas (BNG) (Documento) Nesta moción solicitamos que ante a fin este ano da bonificación que desfrutan as autoestradas, pola que só pagan o 5% do IBI, o Concello asegurase a máxima recadación posíbel, asegurándose que a AP9 pague o IBI co máximo tipo impositivo e pola totalidade do percorrido.

Esta moción é un exemplo do modelo de Concello que defendemos, que tamén pasa pola pola política fiscal. A política impositiva do goberno do PP en Cabanas está preto de poder ser considerada confiscatoria: O IBI está baseado en valoracións catastrais previas á crise económica que pouco teñen a ver coa realidade actual, e o Concello abusa cada vez máis desta vía de ingresos, como se pode ver nas Contas Xerais, cargando na veciñanza a recadación de impostos do Concello. O noso modelo fiscal é diferente. Nós queremos que o concello grave máis a quen máis ten, e non abusar da veciñanza.

A AP-9 é unha autoestrada cun nulo compromiso social, cuxos concesionarios incumpren reiteradamente as súas obrigas de mantemento e dan un servizo pésimo ás persoas usuarias. Un bo exemplo disto témolo no caso acontecido en agosto de 2015 no Túnel de Pedra do Couto, cando ante un accidente no túnel as persoas que circulaban tiveron que dar volta e ao saír pola peaxe para continuar o seu percorrido pola estrada nacional cobráronlles o traxecto completo. Pois ben, a pesar disto veñen desfrutando dunha serie de vantaxes como esta bonificación ao pago do IBI aos concellos, cuxo fin nos ocupa hoxe.

Dado o nulo compromiso social da concesionaria da AP-9 e o inxente esforzo fiscal da poboación do noso concello, desde o BNG consideramos que o xusto é que desde o concello nos aseguremos de que a concesionaria da AP-9 pague o máximo posíbel en concepto de IBI unha vez remate a bonificación, e isto é o que propón esta moción, cos seus dous acordos. >> APROBADA: 11 votos a favor (TODOS)

4. Día Internacional da Muller Traballadora (Somos) (documento) Como se comenta na proposta, hai xa máis de cen anos que o movemento feminista estendeu o 8 de marzo como unha data internacional e referencial na loita pola igualdade e os dereitos das mulleres. Na actualidade, esta data simboliza a loita incansábel de moitas mulleres e colectivos de mulleres de todo o mundo na defensa da igualdade, especialmente no ámbito laboral, e que teñen contribuído a conquistar numerosos avances en materia de dereitos.

Porén, contamos con numerosos indicativos que amosan como a igualdade real é un obxectivo aínda lonxe de conquistar. Organismos e observatorios, galegos e internacionais, teñen alertado da enorme desigualdade que aínda sofren as mulleres do mundo. Un exemplo é o último informe do Foro Económico Mundial, no que se advirte que a pesar de traballar máis horas as mulleres gañan de media pouco máis da metade do que os homes, e de como se ten estancado a participación das mulleres no mundo laboral: unha media dun 54% de mulleres activas laboralmente fronte a un 81% dos homes.

As consecuencias da crise económica e o empeoramento das condicións laborais a partir das reformas laborais do PP e do PSOE teñen contribuído tamén a afondar nesa desigualdade. Deste xeito, son as mulleres as que amosan as peores porcentaxes de traballo precario, temporal, parcial e bolsas de traballo fóra da lei nun marco onde a lexislación e a inspección son aínda insuficientes. Esta desigualdade esténdese tamén ao ámbito do traballo non remunerado, na que o reparto de responsabilidades repercute negativamente sobre quen agora recibe a sobrecarga derivada da redución por parte dos gobernos do apoio ás necesidades de coidados coa desculpa da crise económica.

Doutra banda, as situacións de acoso laboral exercido sobre as mulleres traballadoras debe centrar a nosa atención. Segundo os datos feitos públicos polo propio Consello Xeral do Poder Xudicial, Galiza é a segunda comunidade, despois de Madrid, na que máis demandas por problemas de conciliación se presentan, e ademais, nos últimos tempos foron coñecidos preocupantes casos de acoso laboral e machista, como de Clece ou Hedegasa, que constitúen exemplos de violencia laboral e violencia machista.

Pasaron xa máis de dez anos da aprobación da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e a vixencia da situación de desigualdade así como as mudanzas e avances colectivos no recoñecemento e visibilización das múltiples formas de violencia contra as mulleres obrigan a avaliarmos a vixencia ou non deste marco e a necesidade de introducir modificacións e mesmo elaborar un novo marco legal que dea cabida ás necesidades e novos retos do futuro inmediato. >> APROBADA con modificacións: 11 votos a favor (TODOS)

5. Ratificación resolucións de alcaldía. Ratificáronse por unanimidade as seguintes resolucións de alcaldía: documento 1; documento 2; documento 3.

6. Informes de presidencia. Neste punto deuse conta das seguintes resolucións de alcaldía (documento).

7. Rogos e preguntas

Neste punto realizamos dúas preguntas orais e unha escrita.

Pregunta 1: Preguntamos polos reiterados problemas co alumeado público no Chao da Aldea. Responden que "mirarán o tema cando haxa problemas".

Pregunta 2: Preguntamos pola información que asegura que o alcalde vai repartir a nova numeración persoalmente polas casas. Responden que están estudando enviar unha empresa

Pregunta escrita

O alcalde respondeu que "non recibiu convite", afirmación que desde o BNG puidemos constatar como falsa.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

O pleno de marzo rompeu o aparente clima de tranquilidade que se viña respirando nas anteriores sesións. Entre outras cuestións, no punto 3 o alcalde impediu ao noso voceiro municipal defender a moción, chegando a ameazalo coa expulsión da sesión. Desde o BNG consideramos esta actuación como unha mostra máis do autoritarismo que representa Germán Castrillón e o seu goberno, unha mostra máis de que non son dignos deste Concello. Seguiremos traballando para que este tipo de actitudes sexan historia a partir de maio de 2019.

Na quenda de preguntas volvemos tamén á posición de goberno esquivo, que evita contestar ás preguntas e non pon solucións aos problemas da veciñanza. Son un goberno que evita comprometerse a nada e impide que o concello avance. Merecemos algo mellor.

Pleno ordinario Marzo 29/03/2017: resumo da sesión e propostas do BNG