Pleno ordinario Abril 26/04/2017: resumo da sesión e propostas do BNG
Como cada último mércores de mes, o pasado 26 de abril celebrouse a sesión ordinaria do pleno municipal. A continuación podedes ver os temas tratados e as propostas do BNG.
1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Someteuse a aprobación a acta correspondente á sesión extraordinaria do 31 de decembro de 2016. Aprobouse por asentimento.
2.- Convenio de Cooperación entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Cabanas para a construción dun circuíto de motocross. (documento). Neste punto, o goberno local trouxo a pleno un convenio para a construción dun circuíto de motocross en Vilar do Colo. O convenio ofrecíanos dúbidas, non só desde o punto de vista ambiental e cultural dada a cercanía do Río Baa e do Camiño Inglés, senón tamén, particularmente, desde o punto de vista económico, pois un circuíto destas características resultaría unha carga económica importante para o Concello, que asumiría enteiramente o seu mantemento a pesar do seu uso por parte de toda a comarca, e a súa ubicación fainos ter dúbidas sobre o posíbel retorno económico na hostelaría, o comercio ou o turismo do Concello. A documentación entregada non xustificaba o retorno da inversión e propuxémoslle ao goberno que retirase o punto da Orde do Día e o volvesen a traer demostrando o retorno económico ou social da obra. >>
Voto Particular de PDDdG REXEITADO 2 votos a favor (BNG, PDDdG), 6 en contra (PP, AEC), 3 abstencións (PSOE)
APROBADO 9 votos a favor (PP, PSOE, AEC), 1 en contra (PDDdG) 1 abstención (BNG).
3.- Proxecto de rede de saneamento en Valedoso. Neste punto traíase a pleno o proxecto para a rede de saneamento do lugar de Valedoso. Votamos a favor como en todos os proxectos de infraestruturas de servizos públicos xa que segue a ser un dos nosos obxectivos dotar dos mesmos ao 100% do territorio. Porén, volvémoslle reclamar ao alcalde que faga un plan real para a dotación destas infraestruturas no 100% do territorio, no lugar do modelo actual, traballar a retais seguindo o criterio de usar a forma que garanta saír máis nos medios. >> APROBADO: 11 votos a favor (TODOS).
4.- Investimentos para Cabanas nos Orzamentos Xerais do Estado para 2017. (BNG). (documento) Neste punto denunciamos que os Orzamentos do Estado deixan abandonada Galiza e aínda máis Cabanas, á que lle dedican unicamente 1.300€ (non faltan ceros, son mil trescentos euros). Polo tanto, pedimos que o Concello reclamase unha serie de inversións, coma a adecuación da N-651, a gratuidade dos tramos Fene-Cabanas e Cabanas-Miño da AP9 e a mellora de servizos ferroviarios na Liña Ferrol-Coruña. Novamente, os concelleiros do PP decidiron priorizar o partido imputado por corrupción antes có Concello e a súa veciñanza, negándose a apoiar un acordo que solicitaba máis inversións no Concello e chegando a dicir que nunca se invertira máis no Concello, o que nos fai dubidar da súa capacidade para a xestión económica. >> REXEITADO por voto de calidade do alcalde: 5 votos a favor (BNG, SOMOS, PSOE), 5 votos en contra (PP), 1 abstencións (AEC).
5.- Habilitación dunha praia canina (PSOE) (documento) Neste punto propúxose a habilitación dunha praia para o seu uso como praia canina no Concello de Cabanas. Inicialmente propúxose a pequena praia entre a Ponte de Pedra e a Ponte de Ferro, pero na comisión previa ao pleno o PP propuxo que a zona habilitada sexa na praia da da Madalena na zona máis próxima ao Faro. A nós esta nova ubicación ofrécenos dúbidas ao non estar segregada do resto da praia, e así o comunicamos no pleno, aínda que votamos a favor por estar de acordo coa idea xeral. >> APROBADO: 9 votos a favor (PP, PSOE, BNG), 2 abstencións (AEC, SOMOS).
6.- Informes de presidencia. Neste punto deuse conta das seguintes resolucións de alcaldía (documento).
7.- Moción de Urxencia sobre declaración institucional Ferrocarril Ferrol-A Coruña (Somos). O concelleiro de Somos presentou esta moción de urxencia para apoiar a declaración institucional sobre a liña de ferrocarril entre Ferrol e A Coruña. >> APROBADO: 11 votos a favor (TODOS).
8.- Rogos e preguntas Neste punto realizamos dúas preguntas orais, dous rogos e unha pregunta escrita.
Pregunta 1: Preguntámoslle ao alcalde por nova información sobre a Praga da Pataca e que previsión de datas había para a recollida. O alcalde dixo non saber nada, pero ao día seguinte ao Pleno soubemos que a campaña de recollida de pataca comezaría en Cabanas.
Pregunta 2: Preguntamos polos cortes de alumeado público no Chao de Aldea e no Batán. Dixeron que xa estaba solucionado, aínda que o certo é que os problemas non estaban solucionados.
Rogo 1: Rogamos que se tomasen medidas de seguridade co tellado dunha casa abandonada no Campo do Oito,.
Rogo 2: Transmitimos o rogo da veciñanza das Modias para que se coloquen bandas redutoras de velocidade.
O alcalde negouse a dar resposta as preguntas que lle fixemos, como xa vén sendo habitual.
CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO
Foi este un pleno algo máis tranquilo có anterior, máis, novamente, puidemos ver como o PP volveu desprezar a veciñanza, negándose a responder moitas das nosas preguntas e, durante o debate da nosa moción, poñendo as posturas do PP antes do beneficio para a veciñanza de Cabanas, que terá que sufrir uns Orzamentos do Estado irrisorios de só 1.300€. Seguimos vendo como o goberno municipal está agotado, sen ideas, e só esperando que pase o tempo sen dar nada bo á veciñanza de Cabanas. Merecemos algo mellor.