Pleno ordinario Febreiro 26/02/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

Casa do Concello de Cabanas
Casa do Concello de Cabanas
Pleno ordinario Febreiro 26/02/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

O mércores 22 de febreiro tivo lugar a sesión ordinaria do pleno en Cabanas. A continuación podedes ler o noso resumo e análise sobre os puntos que nel se trataron.

1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Someteuse a debate e aprobación a acta do pleno do (26/10/2016). Aprobouse por asentimento.

2. Convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Mancomunidade dos Concellos da comarca de Ferrol para mellora da casa de acollida de Ferrol (documento). Na quenda de intervencións indicamos que consideramos este convenio fundamental, dado que a violencia machista e os feminicidios son unha realidade cruenta e desprezable ante a que toda medida é pouca. Indicamos a importancia na colaboración entre concellos para erradicar este tipo de violencias. >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).

3. Proposta Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol sobre saneamento refuxio de animais (documento). Amosamos o noso voto favorábel ao considerar necesario mancomunar servizos entre os concellos da comarca para favorecer que estes sigan sendo públicos. Tamén amosamos a nosa preocupación pola recente publicación dunha información que denunciaba as supostas malas condicións dos animais do refuxio comarcal, aínda que o alcalde asegurou que esta información era falsa, o cal agradecemos. >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).

4. Liquidación Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol sobre servizos prestados pola Asociación Ferrolá de Drogodependencias en 2016 (documento). Novamente, amosamos o noso acordo con este punto, e sinalamos que o traballo que se está a facer desde ASFEDRO e outras entidades comarcais na prevención das drogodependencias e outras condutas adtivias é fundamental, na liña da nosa moción sobre esta temática de marzo de 2016, a cal consideramos segue a manter a mesma vixencia. >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).

5. Elección de xuíz de paz titular de Cabanas. Presentáronse un total de sete persoas ao posto de xuíz de paz titular, polo que se procedeu ao voto en urna. Desde o BNG de Cabanas, dado que todas as persoas candidatas cumprían os requerimentos obxectivos, decidimos que o noso voto fose en branco. Os resultados foron os seguintes: Diego Valentín Garrote Fraga (7 votos), Ana Penín Abad (1 voto), Miriam Ares Fernández (1 voto), Serafín Díaz Regueiro (1 voto), en branco (1 voto). O resto de candidatas quedaron con cero votos. O resultado semella dar a entender que o goberno local votou en bloque e recibiu algún apoio da oposición, mentres o PSOE votou a diferentes candidatos.

6. Praga da couza guatemalteca (BNG) (documento inicialdeclaración institucional). Desde o BNG presentamos unha moción sobre a praga da couza guatemalteca da pataca ante a incerteza e as dúbidas que creou a nova de que o noso concello está na zona afectada por esta praga. Na nosa moción instamos, entre outros aspectos, á celeridade na publicación do Decreto para así rematar coa incerteza das persoas produtoras, ao establecemento de axudas ou á realización dunha campaña informativa por parte do Concello.Na tramitación deste punto na comisión previa ao pleno chegouse a un acordo de tentar levar a cabo unha declaración institucional coas aportacións dos diferentes grupos. O grupo de goberno (PP + AEC) realizou unha primeira versión da declaración totalmente triunfalista, que foi emendada en boa parte coas aportacións do BNG e de Somos Cabanas. Aínda que non estamos de acordo coa totalidade do texto e pensamos que glorifica e obvia os aspectos negativos na reacción da Consellaría e do Ministerio, a nosa intención sempre foi que esta moción saíse adiante co maior apoio posíbel, e, estando os aspectos que pedíamos recollidos, particularmente o que insta ás institucións a poñer en marcha axudas que vaian máis alá do pago das patacas destruídas, apoiamos esta declaración institucional, á que se deu lectura sen necesidade de votación.

7. Plan Único da Deputación (PP) (documento). O PP presentou unha moción sobre o Plan Único da Deputación. Na nosa intervención, criticamos o ridículo do texto polas seguintes cuestións:

  • No primeiro punto da parte resolutiva o PP pedía que se garantise que o Concello de Cabanas non vería reducidos os seus ingresos con respecto ao exercicio de 2016, o cal non necesita ningunha moción posto que agora mesmo, co que nos deu a Deputación, xa é así. E ademais, as propias bases do plan (concretamente no punto 2 das mesmas), contemplan que se incrementen as cantidades con novas achegas con cargo aos remanentes que se poidan xerar ao longo do exercicio 2017, sendo previsíbel que se acade a cifra de 100 millóns de euros a nivel provincial a finais de ano.
  • No segundo punto da moción o PP pedía incluír na partida do Plan Único todos “os remanentes de tesourería que se vaian xerando ao longo do exercicio 2017”, o que é irrealizábel, porque se se dedicasen a totalidade dos remanentes ao Plan Único, a acción de goberno da Deputación non podería levarse a cabo na súa totalidade. 

Ao PP non lle gusta o Plan Único porque elimina as subvencións nominativas, é dicir, as que o PP repartía a dedo. Boa mostra diso foi que no último expediente de modificación de crédito que aprobou o goberno anterior de Diego Calvo, o PP destinou 4,5 millóns de euros (o 95,85% do total) a subvencións nominativas para concellos gobernados polo PP, 125.000 euros (o 2,62%) a concellos gobernados polo PSOE e 70.000 € (o 1,49%) a concellos gobernados polo BNG.

Como parte do acordo de goberno polo que o BNG entrou na Deputación, o Plan Único reparte os cartos dun modo obxectivo, e grazas a iso Cabanas obtén o que lle corresponde, que é máis do que lle viña dando o PP. Iso non impediu que o alcalde fose facer o ridículo manifestándose porque ao noso Concello lle deron máis do que lle viñan dando. Está claro que entre o benestar da veciñanza e a táctica política do PP, o alcalde prefire a segunda. >> APROBADO: 5 votos a favor (PP), 5 votos en contra (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 1 abstención (AEC).

8. Informes de presidencia. Neste punto deuse conta das seguintes resolucións de Alcaldía (documento)

9. Rogos e preguntas

Neste pleno realizamos dúas preguntas orais e 3 preguntas escritas.

Pregunta 1: preguntamos sobre o estado das obras da cloaca do Parque do Areal, se o goberno podía estimar cando vai estar amañado e se poderían pechar mellor o valo, dado que supón un gran perigo para a seguridade das persoas. A resposta foi que “están traballando niso”, aínda que rexeitaron dar datas concretas. Comprometéronse a pechar mellor o perímetro, mais a día de hoxe segue exactamente igual.

Pregunta 2: preguntamos se produciu algún avance para que o noso concello dispoña de desfibriladores externos semiautomáticos, comunmente coñecidos como DESA, logo de varias queixas de que os clubs deportivos teñen que contratar servizos de ambulancia ante a ausencia destes aparellos durante os eventos deportivos. Responderon que aínda non se produciron avances.

Preguntas escritas

Pregunta 1 (vertedoiro A Veiga). Responderon que coñecían o verquido, que se trata dunha propiedade privada e que están a traballar para notificarlle aos propietarios a situación e ordenar o reestablecemento da legalidade.

Pregunta 2 (plusvalía). Aseguraron que non afecta ao noso Concello.

Pregunta 3 (Chamoso). Responderon que non se produciron avances e evitaron concretar se van facer algo a maiores ca notificar á Demarcación de Costas o empeoramento da situación.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Ao igual ca o pleno de xaneiro, esta sesión foi unha das máis tranquilas do que vai de lexislatura. A nosa conformidade cos asuntos relativos á Mancomunidade vai na liña da concepción de país e servizos públicos que temos no BNG. Entendemos que a colaboración dos concellos dun mesmo territorio é fundamental para prestar servizos públicos (evitando a privatización), de calidade, e máis baratos para as persoas usuarias ao eliminar o beneficio das concesionarias. Nesa liña traballaremos se temos oportunidade de goberno a partir de 2019.

No asunto da couza guatemalteca conseguimos que o Concello de Cabanas se comprometese a abrir un servizo de información á veciñanza, así como que se organizase unha charla sobre o tema na salón de sesións. Valoramos o alto grao de entendemento entre as forzas políticas con representación do concello, aínda que nos chamou a atención o cambio de parecer do PSOE entre a comisión de asuntos de pleno e o propio pleno, sobre todo logo de non ter feito ningunha aportación durante o debate do texto da declaración institucional. Porén, durante os días posteriores ao pleno vimos como a campaña informativa do Concello consistía en poñer ao alcalde e outro concelleiro nunha mesa no Concello falando coa veciñanza afectada. Isto non é o que se pedía na moción e é unha nova mostra do desprezo do goberno municipal cara ao aprobado no pleno.

O debate sobre o Plan Único serviu para evidenciar a estratexia do PP contra todo o que lle supón unha perda de cota de poder nas institucións (neste caso na Deputación), e como é capaz de rozar o absurdo prtestando contra un Plan que deixa máis cartos no noso Concello, ademais de facelo de forma ponderada e xusta, e non a dedo como facía o goberno do PP na anterior lexislatura.

Finalmente, na quenda de preguntas, novamente, asistimos ao cambio de estratexia do goberno, que antes semellaba considerar as propostas / preguntas / rogos como ataques e respondía dun xeito agresivo ou con ataques (cando se dignaba a responder), e agora amosa unha actitude de apariencia máis dialogante, respondendo as preguntas mais case sempre con frases baleiras (estamos traballando niso, farémolo, tomamos nota...) que, á hora da verdade, ignoran e non levan a cabo nada do que se propón.

Pleno ordinario Febreiro 26/02/2017: resumo da sesión e propostas do BNG