PLENOS MUNICIPAIS
Pleno ordinario Xaneiro 25/01/2017: resumo da sesión e propostas do BNG
Resumo do pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro de 2017
O mércores 25 de xaneiro celebrouse a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de xaneiro. A continuación deixamos o resumo da sesión e os posicionamentos do BNG.
1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Someteuse a aprobación a acta do pleno do 29/09/2016. Aprobouse por asentimento.
2. Modificación ordenanza por expedición de documentos administrativos (Documento - Informe Intervención). No BNG amosamos o noso desacordo coa necesidade de ter que traer a pleno esta modificación da ordenanza, que inclúe novas tarifas pola expedición de documentos administrativos, como certificacións catastrais, fotocopias, etc.
O punto viña acompañado dunha memoria económica, que se ben certifica a adecuación normativa das modificacións, non facía ningunha referencia á súa idoneidade, dicindo unicamente que “a taxa pola prestación dun servizo non poderá exceder o custe real ou previsto dun servizo ou actividade”, pero sen entrar a valorar se as novas tarifas propostas excedían ou non estes custes reais.
Somos Cabanas presentou a través dun voto particular unha proposta alternativa á do goberno municipal PP+AEC, que tampouco contaba cun informe económico que avalase os custes reais. O BNG decidiu votar favorabelmente esta proposta de Somos para que se puidese seguir tramitando, absténdonos no voto á proposta do goberno e reclamando informes que certificasen os custes reais destes servizos.
Procedeuse á votación do voto particular >> REXEITADO: 2 votos a favor (BNG/Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP), 4 abstencións (PSOE/AEC).
Ao non saír adiante o voto particular, votouse a proposta do goberno >> APROBADA: 9 votos a favor (PP/PSOE/AEC), 1 voto en contra (Somos Cabanas), 1 abstención (BNG).
3. Proposta Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) “POS+2017” (Documento). Neste punto aprobouse o destino dos fondos do Plan POS+ (tamén coñecido como “Plan Único), que a Deputación da Coruña pon a disposición do Concello de Cabanas para, entre outras cuestións, realizar obras no concello.
Este plan está impulsado polo BNG dentro do goberno bipartito da Deputación e, ademais de simplificar os trámites burocráticos para os Concellos, presenta a gran novidade de facer un reparto dos fondos seguindo criterios obxectivos e non a dedo segundo as apetencias do goberno. O plan destina a Cabanas unha cantidade inicial de 415.978,95€, que irá en aumento segundo vaia aumentando tamén a dotación de fondos da Deputación.
Na quenda de intervencións, o portavoz do BNG criticou a actitude do alcalde, Germán Castrillón, que foi manifestarse diante da sede da Deputación nun día de semana (cando debería estar no Concello) por esta cuestión, a pesar de que o concello recibe case 280.000 € máis dos que recibía cando gobernaba o PP na Deputación (só recibiamos 136.781,03 €).
Desde o BNG amosamos o noso acordo co destino dos investimentos propostos pola súa urxencia e necesidade, aínda que pedimos que o goberno municipal traballase para conseguir o financiamento necesario para amañar varios camiños en risco e levar a auga ás veciñas e veciños que o veñen reclamando desde hai anos >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).
4. Declaración de especial interese explotacións gandeiras a efectos bonificación IBI (Documento)
Para poder acollerse á bonificación do IBI para explotacións gandeiras aprobada anteriormente, é necesario facer esta declaración por parte do pleno. Tres veciñas presentaron solicitude >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).
5. Elección de xuíz de paz substituto de Cabanas. Presentáronse dúas persoas para cubrir o posto de xuíz de paz substituto. A primeira das candidaturas non tiña toda a documentación requirida en regra, polo que quedou descartada, someténdose a acordo a elección de Sabela Galdo Fernández, que ficou eleita >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).
6. Nomeamento de representante da administración actuante na Xunta de Goberno da entidade urbanística de conservación do Polígono Industrial de Vilar do Colo (Documento). A creación desta entidade fai necesario o nomeamento dun representante por parte do Concello. O alcalde propúxose a si mesmo, someténdose a voto o seu nomeamento >> APROBADO: 9 votos a favor (PP/PSOE/AEC), 1 voto en contra (Somos Cabanas), 1 abstención (BNG)
7. Adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galiza e a FEGAMP sobre HSUE (Documento). Este convenio ten como obxectivo que o Concello de Cabanas colabore coa FEGAMP e a Xunta na historia social, facilitando os trámites dos Servizos Sociais e das persoas que fagan uso deste servizo >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).
8. Accesibilidade de persoas con discapacidade (PSOE) (Documento). Desde o BNG amosamos o noso acordo coa proposta realizada polo Grupo Socialista, que vai na liña de varias iniciativas políticas que o BNG desenvolveu durante toda a lexislatura, e indicamos que se trata dun asunto de máxima prioridade para termos un concello plenamente accesíbel: >> APROBADA: 5 votos a favor (BNG/PSOE/Somos Cabanas), 6 abstencións (PP/AEC).
9. Imposición taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos (BNG, PDDdG) (Documento BNG, Documento PDDdG) O BNG presentou esta moción, que ten como obxectivo adquirir novos ingresos para o Concello cobrándolle ás empresas de transporte (non de subministro) de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos polo uso ou aproveitamento do dominio público nas liñas de alta e media tensión ou gasodutos.
Á vista de que Somos Cabanas tiña presentado unha iniciativa polo mesmo tema e que o acordo a adoptar era practicamente idéntico, desde o BNG propuxemos, primeiro en comisión e tamén durante o pleno, chegar a unha proposta de consenso entre os dous grupos. En ambas ocasións o voceiro desta formación negouse a chegar a ningún tipo de acordo para ter un texto único. Sorprendidos pola obcecación do concelleiro de Somos e ante o ridículo de ter que votar dúas propostas idénticas por separado no pleno, desde o BNG accedemos a que se votase un único texto, que se elaborou partindo formalmente do texto de Somos Cabanas e modificándoo de acordo coas peticións do goberno local, aínda que se podería ter feito partindo do texto do BNG, porque, como diciamos, eran practicamente idénticos. >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).
10. Revisión de valores catastrais (PDDdG) (Documento) Nesta moción solicitábase a realización dunha revisión dos valores catastrais no Concello de Cabanas. Desde o BNG, e de acordo co obxectivo de reducir o que os veciños pagan en concepto de IBI, comentamos que a revisión semellaba acaída, xa que os valores catastrais serán probablemente máis baixos que na última revisión (aínda que seguramente non nese 50% que asegura o texto da moción) e non hai prevista ningunha grande infraestrutura que puidese causar grandes expropiacións (caso no que un valor catastral máis baixo iría en detrimento da veciñanza afectada).
Esta proposta viña ditaminada negativamente da comisión, e non habendo emendas nin votos particulares o que se someteu a votación foi o acordo co ditame de dita comisión. Curiosamente, o propoñente non votou negativamente e abstívose >> ACORDO CO DITAME NEGATIVO: 5 votos a favor (PP/AEC), 1 voto en contra (BNG), 4 abstencións (PSOE/Somos Cabanas).
11. Transferencia e gratuidade da AP-9 (BNG) (documento – emenda PP). Presentamos esta proposta co obxectivo de solicitar a transferencia da AP-9 a Galiza e pedir a súa gratuidade, alén de criticar o rescate con cartos públicos das deficitarias autoestradas madrileñas. O PP presentou unha emenda pedindo a retirada do punto crítico co rescate das autoestradas madrileñas e para facer fincapé na solicitude da gratuidade do tramo entre Fene e Miño, que aceptamos para que se aprobase esta solicitude, aínda que deixando claro que desde o BNG seguimos defendendo a necesidade dos puntos que non se aprobaron. >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).
12. Informes de presidencia. Neste punto deuse conta das seguintes resolucións de alcaldía (documento)
13. Rogos e preguntas
Neste punto fixemos 3 preguntas orais e tres preguntas escritas.
Pregunta 1. En relación coa nova da citación en calidade de investigados a sete dos nove concelleiros do PP no goberno do Concello de Valga, polos presuntos delitos de malversación e prevaricación derivados do cobro polas asistencias do rexedor e dos seus edís a unhas reunións semanais denominadas “comisións de coordinación”, e habida conta de que no Concello de Cabanas hai unha figura semellante, a “xunta de delegados”, de carácter semanal, e pola que os concelleiros do PP Manuel González López, Julián Seijas Criado, Esperanza Gayoso Pereiro e Javier Fernández Brage, así como a concelleira de AEC, Eva María García Amor, reciben 150 euros por sesión, preguntamos se o alcalde podería asegurar que estes cobros son plenamente legais e se existe garantía xurídica para que o goberno municipal de Cabanas non se vexa envolto nunha situación semellante á de Valga. O alcalde non respondeu á pregunta.
Pregunta 2. Preguntamos pola acusación do voceiro do PP no Concello de Fene, Gumersindo Galego, ao alcalde de Cabanas pola perda dunha subvención para as obras de mellora entre rotondas no polígono de Vilar do Colo. Dita subvención, liderada por Cabanas (que recollía o 70% do investimento), perdeuse pola incapacidade da empresa contratada polo goberno municipal cabanés de corrixir os erros en prazo, facendo que se perderan os cartos. O alcalde dixo non saber nada.
Pregunta 3. Preguntamos se é práctica habitual do Concello non responder ás solicitudes de información, dado que o BNG presentou dous escritos, un o 2 de decembro solicitando información sobre as liñas telefónicas contratadas polo Concello e outro o día 5 de decembro pedindo explicacións sobre o acontecido coa ponte de Vilar do Colo, que seguen sen resposta. O alcalde dixo “que non tivera tempo”.
Pregunta 1 (colectores): Do goberno local responderon que despois da última recepción de colectores (verdes), non hai previsión de ter novos proximamente. Sobre o tema da reciclaxe semella que non vai haber unha nova campaña de sensibilización con reparto de caldeiros, aínda que si unhas xornadas polas parroquias sobre ese tema. Terán lugar o 8 de febreiro en Porto, 9 de febreiro no Piñeiral da Madalena, 14 de febreiro en Laraxe e o 20 de febreiro en Santa Cruz.
Pregunta 2 (alumeado público): Aseguran ter un sistema de seguimento dos avisos, aínda que din non ter constancia das reiteradas solicitudes da veciñanza.
Pregunta 3 (velutina): Informóusenos de que se recibiron 165 avisos (algúns repetidos sobre o mesmo niño) e que foron retirados 130. O tempo de espera é variábel, pois depende de ter a pértega dispoñíbel (compártese con outros concellos), e tamén se comentou que comezarán a colocación de trampeo en colaboración co colexio e KDM.
CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO
En termos xerais, o pleno foi un dos máis tranquilos dos últimos tempos, en boa medida porque a meirande parte dos puntos eran de trámite, o que facilitou o consenso de todos os grupos en moitas cuestións.
No que ten a ver coas propostas presentadas polo BNG, valoramos positivamente a aprobación final por unanimidade no pleno de ambas as propostas, con modificacións de pequeno calado. Porén, a actitude previa dos grupos deixou bastante que desexar:
- Na moción relativa á taxa polo uso do solo público a actitude do concelleiro de Somos Cabanas rozou o absurdo, negándose a consensuar un texto único co BNG, a pesar de que as propostas de acordo a adoptar eran practicamente idénticas, e amosándose disposto a que o pleno votase dous acordos practicamente idénticos dun xeito totalmente caprichoso. Curiosamente, tivo menos problemas en aceptar as modificacións finais do PP que en consensuar a moción connosco. Todo isto resúltanos canto menos chamativo se o contrastamos tanto coas chamadas dese concelleiro nos medios a “deixar debates menores” e a “conformar unha alternativa ao Partido Popular”, como coas acusacións de “ausencia de diálogo coa oposición” que fai ao BNG. Esta visto que unha cousa é predicar e outra é dar trigo.
- Por outro lado, a moción sobre a AP9 saíu da comisión de asuntos de pleno con ditame desfavorábel e sen ningún voto a favor (ao BNG tocáballe non ter voto nesa comisión dentro do acordo rotativo de representación do grupo mixto nas comisións). En dita xuntanza, o PP xustificou o seu voto en contra, alegando o desacordo cun punto e anunciando unha emenda, mentres que PSOE, AEC e Somos Cabanas abstivéronse. Durante o pleno, o voceiro de Somos Cabanas pretendeu menosprezar o texto presentado polo BNG e, seguindo a súa propia chamada a “deixar debates menores”, asegurou que “a peaxe de Vilar do Colo está en Cabanas, non en Fene”, o cal é correcto, pero que pouco ten a ver coa moción xa que esta non falaba de cabinas de cobro, senón de tramos non gratuítos, que, como calquera pode comprobar, rematan no concello de Fene (saídas 27F A / 27F B).
A actitude do alcalde durante as preguntas orais foi a habitual, negándose a respondelas no seu habitual “descoñecemento” das temáticas, aínda que si tivemos resposta ás preguntas escritas.