Pleno Extraordinario Orzamentos 31/12/2016: resumo da sesión e propostas do BNG
Resumo do pleno extraordinario para o debate e aprobación dos Orzamentos para o 2017
O pasado sábado, 31 de decembro, celebrouse un pleno extraordinario para debater e aprobar os Orzamentos do Concello de Cabanas para o ano 2017. Ademais, os grupos de goberno decidiron aproveitar para introducir outros 3 puntos na orde do día. A continuación podedes ler o noso resumo da sesión
1.- Modificación da RPT do Concello de Cabanas.
O pleno comezou coa proposta do grupo de goberno de modificar a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello para aplicarlle á traballadora social do Concello un complemento salarial.
O convenio do persoal laboral do Concello de Cabanas recolle 6 complementos salariais (antigüidade, complemento do posto, complemento de funcións, de produtividade, de transporte e de condicións medio ambientais). Na proposta da alcaldía, propúñase aplicarlle o complemento de condicións medioambientais á traballadora social pola “perigosidade, toxicidade e penosidade que supón facer un seguimento das persoas dependentes ou do Punto de Atención á Infancia”.
Desde o BNG non entramos a valorar a necesidade de aplicar este complemento ou non á traballadora en cuestión, máis criticamos a forma de traballar de PP e AEC, que propoñen unha modificación discrecional da RTP só para unha traballadora.
Esta modificación illada causa problemas, xa que se lle recoñece “perigosidade e penosidade” a unha traballadora que realiza a meirande parte do seu traballo en oficina, sen que a solicitude veña avalada por un informe técnico (só contaba cunha memoria da alcaldía), e ao tempo que este mesmo complemento non se lle está a aplicar ás traballadoras de axuda no fogar que desenvolven o 100% do seu traballo en contacto directo coas persoas dependentes, axudándoas nas labores de limpeza, aseo, etcétera.
Solicitamos polo tanto que se retirase o punto da orde do día para actualizar a RPT do Concello de Cabanas de maneira global, de maneira que non se xeren agravios comparativos entre as traballadoras nin ter a necesidade de ir facendo parches cada vez que algunha traballadora solicita o recoñecemento dun complemento salarial.
O alcalde negouse a aceptar a nosa solicitude de retirada do punto e procedeuse á votación dunha versión modificada da orixinal na cantidade a percibir pola traballadora, pasando dos 76 euros iniciais a 82 >> APROBADA: 9 votos a favor (PP / PSOE / AEC), 2 abstencións (BNG / Somos Cabanas).
2.- Orzamento municipal para o 2017.
O punto principal do pleno foi o debate dos Orzamentos de 2017. (Ingresos - Gastos)
Os Orzamentos do 2017 foron tramitados en tempo récord.
O venres 23 de decembro ao mediodía os grupos do goberno (PP + AEC) trasladaron ao resto de grupos o primeiro borrador dos Orzamentos, no que o alcalde informou da existencia de 105.000 € de fondos que aínda estaban sen asignar a ningunha partida, que chamou “superávit”, pedindo propostas de investimento de cara á Comisión de Facenda, que se celebrou o mércores 28 de decembro.
O BNG foi o único grupo que presentou propostas de investimentos para esa comisión, presentando nove propostas que foran recollidas nas asembleas veciñais que realizamos durante o mes de novembro. Porén, cando presentamos as propostas no Concello, os grupos de goberno xa tiñan unha nova versión dos Orzamentos na que xa non existían eses 105.000 € libres da primeira versión. Isto valeulle ao grupo de goberno para rexeitar as nosas propostas, xa que, segundo o alcalde, as propostas tiñan que ter sido enviadas durante a fin de semana, é dicir, deixando ao resto de grupos apenas dous días (Noiteboa e Nadal) para estudar uns Orzamentos de 2,7 millóns de euros e facer propostas.
Ante ese panorama, a única solución que tiñamos para incorporar aos Orzamentos as propostas de gasto que recollemos da veciñanza era presentar emendas. Porén, ao emendar os Orzamentos non se pode unicamente suxerir gasto, hai que propoñer ben máis ingresos, ben a eliminación doutros gastos. Para facer isto, estivemos revisando a documentación, e atopamos tanto cantidades que o Concello cobra e por algún motivo non pon nos Orzamentos, como partidas de gasto que se poden reducir. Ao final, demos concretado as propostas nestas 6 emendas (DOCUMENTO), que pasamos a resumir:
- Emenda 1. Propomos incrementar a partida da Escola Laica até os 35.000€, de maneira que se poida levar a cabo unha actuación integral no edificio. Os 20.000€ necesarios conseguímolos incluíndo nos Orzamentos a cantidade real que o Concello recada en concepto de IBI.
- Emenda 2: Propoñemos dedicar 10.000€ a un Plan de Aforro Enerxético que permita ao Concello aforrar, pois actualmente dedica 190.000€ todos os anos só a pagar facturas de electricidade, e ese diñeiro podería dedicarse a outras cousas. Estes 10.000€ conseguímolos novamente adaptando unha partida á realidade, neste caso a de tratamento de residuos, na que o Concello sempre orzamenta máis gasto do que realmente fai.
- Emenda 3: Propoñemos dedicar 17.000€ a subvencións para o pago de facturas de auga, saneamento, luz e gas a persoas necesitadas. Esta partida actualmente só ten 100€ que só se poden dedicar a auga e saneamento, unha cantidade que dá vergoña e non ten ningún efecto na loita contra a pobreza enerxética. Estes cartos veñen de poñer no Orzamento a cantidade real que se recada con multas de tráfico e de aumentar a recadación do barco das Fragas do Eume a través dos tickets para facer o servizo autosostíbel.
- Emenda 4: Propoñemos dedicar 10.000€ á partida de emerxencia social (que o concello chama “atencións benéficas a familias”). Esta cantidade conseguímola ao poñer no Orzamento a cantidade real que o Concello obtén dos pagos das compañías de telecomunicacións por colocaren antenas.
- Emenda 5: Propoñemos dedicar 10.000€ a realizar un Plan de Fomento do Emprego entre a mocidade, con medidas concretas para fomentar o emprego de calidade e a creación de empresas, e evitar a emigración. Estes cartos obtémolos de reducir o soldo do alcalde até os 20.000€ anuais (por 29 horas á semana), de acordo co que levamos proposto desde o comezo da lexislatura.
- Emenda 6: Propomos destinar 5.000€ a medidas de promoción da Feira do 21 e a mesma cantidade a aumentar a partida do Pavillón de Lavandeira para facer melloras que fomenten o deporte de base. Estes 10.000€ veñen de eliminar o incremento de 10.000€ na partida de remuneración dos membros da corporación que o goberno inclúe pola incorporación de AEC ao goberno municipal, xa que a concelleira de AEC dixo ao comezo de lexislatura que non cobraría.
A alcaldía negouse a organizar o debate de xeito que primeiro se debatesen e votasen as emendas e despois se fixese un debate global dos Orzamentos, o que causou problemas para organizar as intervencións e obrigounos a empregar a segunda intervención para valorar tanto as emendas presentadas por Somos como a globalidade dos Orzamentos.
Con respecto aos Orzamentos, no apartado de Ingresos criticamos que o goberno presente unha previsión que nalgunhas partidas é irreal; que, por algunha razón que se nos escapa, non inclúa cantidades que vén recadando, como as que empregamos para as nosas emendas; e que tampouco recolla moitos items, como o remanente ou o Plan Único da Deputación, que fan que en realidade presente medio orzamento e teña que facer moitos modificativos. No tocante aos gastos, criticamos a pouca cantidade destinada a servizos sociais (3600€ nun orzamento de 2,7 millóns, dos cales 3.500€ son para axudas e 100€ para subvencións ao pago de recibos de auga), a inexistencia de medidas de fomento do emprego e a desproporción no gasto corrente, especialmente en alumeado (190.000 €) e en recollida e tratamento de lixo (295.000 €).
Durante o debate, o portavoz do PSOE amosouse partidario da abstención e cualificou as emendas presentadas de “demagóxicas”. Desde o BNG amosámonos contrariados con esta actitude do PSOE, que por segundo ano consecutivo aposta por unha abstención cómplice nuns Orzamentos, que alén de ser tramitados de maneira express, son antisociais e non recollen ningunha proposta da oposición.
Tamén interveu a portavoz de AEC, quen dixo que “ningún grupo político presentara propostas na Comisión de Facenda”, o cal é obviamente falso como lle lembramos amosando a documentación que corroboraba que fomos os únicos en facelo. Tras quedar en evidencia e totalmente crispada, acusou ao noso portavoz de “faltarlle ao respecto a ela e aos seus votantes”.
Nin PP nin Somos Cabanas valoraron as emendas presentadas polo BNG nas súas intervencións.
Durante a votación, o PP impediu o voto das emendas unha a unha como tería que ter sido, e obrigou a votar a globalidade das emendas do BNG por un lado, e as de Somos Cabanas por outro. Unha vez rexeitadas ambas nas votacións [2 votos a favor (BNG / Somos Cabanas), 6 votos en contra (PP / AEC), 3 abstencións (PSOE)], votouse o Orzamento no seu conxunto >> APROBADO: 6 votos a favor (PP / AEC), 2 votos en contra (BNG / Somos Cabanas), 3 abstencións (PSOE)
3. Modificación contrato persoal axuda no fogar. Modificáronse os contratos do persoal de axuda no fogar, de xeito que unha das persoas deste servizo pasa a ter xornada completa para cubrir o traballo doutra das traballadoras, que pasa deste servizo á limpeza do concello >> APROBADA: 11 votos a favor (todas).
4. Expediente contratación Execución sentenza recuso contencioso administrativo 02/0004055/1993, do Edificio O Penso 2º fase. A alcaldía non enviou a documentación sobre este último punto xunto á convocatoria, polo que solicitamos que fose retirado da orde do día. O alcalde ignorou a nosa proposta e votouse o expediente >> APROBADO: 5 votos a favor (PP), 2 votos en contra (BNG / Somos Cabanas), 4 abstencións (PSOE / AEC).