Pleno ordinario Xaneiro 27/01/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Xaneiro 27/01/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

O 27 de xaneiro tivo lugar o pleno ordinario de xaneiro, no que non estivo presente a concelleira do PSOE, Concepción Rodríguez, por motivos de saúde. A continuación podedes ler o noso resumo da sesión e as propostas do BNG.

1.- Aprobación se procede da acta da sesión anterior: someteuse a votación acta do 17 de decembro. Desde o BNG preguntamos pola falta das actas pendentes de outubro e novembro.

2.- Modificación proposta investimentos Plan Acción Social 2015 da Deputación da Coruña: por requerimentos de corrección solicitados desde a Deputación foi preciso elaborar unha pequena modificación da proposta de PAS sobre os documentos debatidos en novembro >> APROBADO: 10 votos a favor (todos).

3.-Modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Cabanas: presentouse unha modificación da RPT en relación aos postos de urbanismo. Manifestamos o noso voto favorábel por supór unha mellora das condicións laborais das traballadoras do Concello >> APROBADO: 10 votos a favor (todos)

4.- Orzamentos municipais para 2016: o Goberno presentou o proxecto de orzamentos, que consta dos seguintes documentos: orzamentos - bases de execución - estado de execución - informe de secretaría. Durante a súa intervención, o voceiro do BNG, Iago Varela, lamentou que non se tivera contado coa oposición para a realización dos orzamentos e desgranou os diferentes aspectos que os convirten en antisociais, o que derivou nun voto contrario (+ info nesta nova) >> APROBADOS: 6 votos a favor (PP / AEC), 2 en contra (BNG / Somos), 2 abstencións (PSOE).

5.- Escritos Viaqua sobre actualización de tarifas 2012 - 2016. Estaba previsto debater este documento, pero o punto foi retirado da orde do día polo Goberno.

6. Adhesión á rede de dinamización lingüística: o grupo de goberno propuxo adherirse á Rede de Dinamización Lingüística, cuxas bases están neste documento. Manifestamos o noso voto contrario por ser un ente cuxo único obxectivo é lexitimar a política lingüística do PP, ademais de que tal e como está creado é nocivo, xa que os concellos non teñen indicencia real no mesmo >> APROBADO: 8 a favor (PP / PSOE / AEC), 1 en contra (BNG), 1 abstención (Somos).

7.-Accións urxentes contra o desemprego e a emigración xuvenil (BNG). O BNG tiña presentada esta moción de accións urxentes contra o desemprego e a emigración xuvenil, cuxa indicencia en Cabanas é bastante notoria e preocupante, como se pode ler no texto >> APROBADA: 5 votos a favor (BNG / PSOE / AEC / Somos), 5 abstencións (PP).

8. Bonificación no IBI para as familias numerosas (AEC). A concelleira de AEC presentou esta moción sobre a bonificación do IBI ás familias numerosas. Manifestamos a nosa abstención, xa que malia coincidir co fondo da cuestión consideramos que non concretaba ningunha proposta. O concelleiro do BNG propuxo concretar os colectivos, onde ademais das familias numerosas deberan ser considerarse receptores de bonificacións as menores de 35 anos, as familias monoparentais, as vítimas de violencia de xénero, as unidades familiares con menos recursos, etcétera >> APROBADA: 9 a favor (PP / PSOE / AEC / Somos), 1 abstención (BNG).

9.- Informes da Presidencia: déronse conta destas resolucións de alcaldía.

10. Rogos e preguntas: Neste pleno o BNG puido realizar 2 preguntas orais, 5 escritas e 2 rogos.

Pregunta 1: Non se está a cumprir a lexislación vixente en materia de transparencia na web, onde a información deste apartado está actualizada a data 14 de agosto de 2014 (polo tanto a composición das comisións e pleno non se corresponde coa actual). Tense previsto mudar? Respondeuse que "están a traballar niso".

Pregunta 2: sobre as inundacións no paso peonil baixo a vá do tren e inmediacións na zona do piñeiral. Respondeuse que "se está a mirar".

Pregunta escrita 1 (Barreiro): respondeuse que "está amañado".

Pregunta escrita 2 (limpeza ríos): o Alcalde preguntou onde se produciran as inundacións e non respondeu.

Pregunta escrita 3 (estado regulamento): respondeuse que "están con iso".

Pregunta escrita 4 (fonte): respondeuse que "non era verdade". Contraargumentamos e non se nos deu resposta.

Pregunta escrita 5 (mapas de cobertura): respondeuse que "non teñen constancia".

Rogo 1: Solicitamos a mellora da iluminación na rotonda do Areal, onde os pasos de peóns practicamente carecen de iluminación, co consecuente risco para as transeúntes.

Rogo 2: demos conta dunha demanda veciñal solicitando a instalación dun sinal de "vía sen saída" na Travesía das Modias.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Valoramos positivamente o apoio dos demais grupos (agás o PP) á moción sobre medidas urxentes contra o desemprego e a emigración xuvenil no noso Concello. É preciso que a nosa mocidade non teña que procurar alternativas de futuro fóra, e litar contra o desemprego.

Lamentamos profundamente a aprobación dos presupostos máis nocivos que tivo Cabanas practicamente na súa historia, e que saíron adiante co voto favorábel de AEC, que unha vez máis exerceu de monicreque do Partido Popular, e a abstención do PSOE.

No apartado de rogos e preguntas, nada novo: xa non é que ao Alcalde non lle preocupen as inquedanzas das veciñas e veciños de Cabanas, senón que ademais a súa actitude ameazante e negativa a dar respostas concretas fan que sexa un punto da orde do día con pouca incidencia real.

Pleno ordinario Xaneiro 27/01/2016: resumo da sesión e propostas do BNG