Pleno ordinario Febreiro 24/02/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Febreiro 24/02/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

O 24 de febreiro celebrouse o pleno ordinario de febreiro. A continuación podedes ler o noso resumo, así como as propostas do BNG.

1.- Aprobación se procede das actas de sesións anteriores: sometéronse a aprobación as actas do 28.10.2015 e do 27.01.2016. Aprobáronse por asentemento.

2. Proposta Plan de Aforro e Investimento (PAI 2016). Someteuse a debate a PAI 2016, previamente comentada en comisión >> APROBADA: 11 votos a favor (todos)

3. Día Internacional da Muller: propostas dos grupos políticos: había presentadas dúas declaracións (PSOE e PP) polo Día da Muller, a celebrar o 8 de marzo, así como unha moción do BNG (pódense consultar aquí). No transcurso do debate, denunciamos a hipocresía do texto do PP, por ser un mero brinde ao sol, cando desde o propio partido teñen eliminado a dotación a coidadores dependentes (maioritariamente mulleres), as medidas de apoio á conciliación laboral, favorecido o despedimento de mulleres embarazadas coa última reforma laboral... só se someteu a votación a do BNG >> REXEITADA: 5 a favor (BNG / PSOE / Somos), 5 en contra (PP), 1 abstención (AEC).

4. Moción transporte ferrocarril Coruña - Ferrol. Somos Cabanas propuxo esta moción. Desde o BNG pareceunos insuficiente e, relacionando o tema co noso programa electoral, propuxemos engadir os seguintes puntos, entre os dous da moción orixinal.

2. Reclamar do Goberno do Estado, Renfe e ADIF que desistan do proceso de desmantelamento de servizos ferroviarios no noso país, reclamando o mantemento das liñas existentes e unha mellora dos servizos e frecuencias que se veñen prestando.

3. Demandar a redacción dun plano comarcal de mobilidade que inclúa a posta en funcionamento dun servizo real de proximidade (Cercanías) entre A Coruña e Ferrol, así como a súa promoción entre os usuarios.

4. Demandar a modernización da infraestrutura e do material rodante comezando pola execución dun bypass en Betanzos-Infesta para posibilitar que a duración da viaxe Ferrol-A Coruña non exceda dunha hora.

5. Reclamar a posibilidade de se poderen usar os trens a e desde Madrid, como servizos de media distancia, cos prezos de billete acordes con esta clasificación, nos itinerarios Ferrol-Lugo-Monforte, e Ferrol-Coruña-Santiago.

6. Demandar do Estado as transferencias en materia de ferrocarril interior, xunto cun financiamento axeitado, co obxectivo de crear unha compañía pública ferroviaria galega que mellore a prestación deste servizo no noso país e permita acometer as infraestruturas e desenvolver os servizos de transporte ferroviario que contribúan a vertebración económica, social e territorial do país.

Malia terlle feito chegar estes puntos ao concelleiro de Somos Cabanas, e que este tivera feito unha proposta transaccional, esta non foi posta riba da mesa durante o pleno. Isto favoreceu que PP e AEC se manifestasen contrarios a esta medida, propoñendo deixala riba da mesa. Votouse non seguir adiante co punto e non a moción >> APROBADO: 6 votos a favor (PP e AEC), 2 en contra (BNG e Somos), 3 abstencións (PSOE).

5. Obras edificio O Penso. Moción de reprobación. O concelleiro de Somos Cabanas presentou esta moción de reprobación do Alcalde. Desde o BNG lembramos as actuacións totalmente inaceptábeis da Alcaldía con respecto ao edificio do Penso, e consideramos que a súa actitude é merecente de reprobación, pero ao mesmo tempo, consideramos que a moción que se nos presenta, ao só plantexar a reprobación do Alcalde, non ten ningún efecto práctico, e lamentamos que non se aproveitase a moción para conseguir un acordo plenario solicitando a dimisión da alcaldía en relación coa súa actuación neste asunto, ou para forzar a retirada do seu soldo.

Desde o BNG consideramos que unha moción nestes termos, sen ningún efecto real, tiña probabelmente como único fin a autopublicidade e o ánimo de sacar rédito político por parte do concelleiro de Somos Cabanas, quen presentou esta moción sen ter falado cos demais grupos políticos, nin acudiu, malia corresponderlle, á comisión de asuntos de pleno na que existía un punto específico para tratar o tema.

Malia todo isto, desde o BNG votamos a favor da moción porque consideramos que a actuación da Alcaldía no Penso é nefasta, neglixente e reprobable, e porque cremos que os dereitos das veciñanza teñen que estar no centro da solución á problemática do edificio, incluso aínda que consideremos que a forma na que se presentou a moción, as eivas do seu contido, e os obxectivos reais da mesma deixaban bastante que desexar. >> REXEITADA: 5 votos en contra (PP), 2 a favor (BNG / Somos), 4 abstencións (PSOE e AEC).

6.- Moción Creación da Casa da Cultura na Escola Laica: o PSOE presentou esta moción para facer na Escola Laica a Casa da Cultura de Cabanas. Desde o BNG manifestamos o noso interese na recuperación da Escola Laica (preguntas do pleno de novembro, por exemplo), comentamos que a listaxe do segundo tempo podía ser excesivamente exhaustiva e, polo tanto, non ser posíbel levar a cabo todo o que se propuña na Escola, e manifestamos o noso voto favorábel >> APROBADA: 4 votos a favor (BNG / PSOE), 7 abstencións (PP / AEC / Somos Cabanas).

7.- Ratificación reesolucións de alcaldía. Déronse conta das seguintes resolucións de Alcaldía sobre subvencións a diferentes programas >> APROBADAS: 11 votos a favor (todos)

8 e 9.- Proposta de recoñecemento de servizos a María Carmen López Saavedra e José Tomás Saez Mosquera. Comentamos que deberan coidarse as formas á hora de empregar plantillas para cubrir datos, xa que os documentos tiñan multitude de faltas de ortografía e frases inconexas. >> APROBADOS: 11 votos a favor (todos)

*Punto fóra de orde do día. O Goberno propuxo un punto fóra de orde do día para ratificar este acordo de colaboración co Concello da Capela >> APROBADO: 11 votos a favor (todos)

10.- Informes de presidencia: déronse conta das seguintes resolucións.

11. Rogos e preguntas: neste pleno o BNG puido formular dúas preguntas orais e un rogo.

Pregunta 1: preguntamos polo estado de elaboración do regulamento para uso de locais por parte da veciñanza. Contestouse que "están traballando niso".

Pregunta 2: preguntamos polas inundacións no soto do Centro de Saúde e pedimos a sinalización das obras. Contestouse que se miraría de amañar o antes posíbel e que se estudaría a sinalización (efectivamente, levouse a cabo).

Rogo: solicitamos amañar un par de chanzos rotos na escaleira de acceso ao Areal da Madalena desde Chamoso.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

No BNG saímos moi descontentos deste pleno. As nosas propostas, tanto na moción do 8 de marzo como na transacción á emenda de Somos sobre o ferrocarril, foron rexeitadas ou obviadas, novamente grazas á actuación de AEC, que coa súa abstención en todas aquelas mocións que non teñan a ver directamente con Cabanas impide que poidamos denunciar desde o concello os asuntos nos que outras administracións gobernadas polo PP teñen unha influencia negativa na vida da nosa veciñanza, que non só está regulada polo goberno local.

Mención aparte merece a moción sobre reprobación da alcaldía, onde saímos descontentos coa actuación de todos os demais grupos políticos: uns (PP, PSOE, AEC) por non considerar que a actuación de alcaldía fose reprobable, e o promotor (Somos) pola súa actitude desde a presentación da moción até o propio pleno.

O BNG foi a única forza que foi quen de obviar o ánimo autopropagandístico do grupo promotor da moción e votar a moción de acordo á actuación da alcaldía e pensando nos dereitos da veciñanza do edificio, aínda considerando que os efectos da moción de se ter aprobado serían nulos. Esperamos que de agora en diante os outros grupos sexan quen de estar á altura e ser quen, sen florituras, vetos sen sentido nin aspaventos propagandísticos, de traballar para ter un concello mellor para a veciñanza

Pleno ordinario Febreiro 24/02/2016: resumo da sesión e propostas do BNG