Pleno ordinario Marzo 30/03/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Marzo 30/03/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

O pasado 30 de marzo tivo lugar o pleno ordinario de marzo. Deixámosvos o resume da sesión e as propostas do BNG.

1.-Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Aprobouse por asentemento a acta da sesión do 25 de novembro de 2015

2.-Recoñecemento de créditos: sometéronse a aprobación o pago de varias facturas pendentes. APROBADO >> 9 votos a favor (PP, PSOE, AEC), 2 abstencións (BNG, Somos Cabanas). 

3. Proposta de incorporación deste concello como socio público fundador na asociación sen ánimo de lucro Grupo de Acción Local que xestionará os fondos Leader de Galicia 2014 -2020, no ámbito territorial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: someteuse a aprobación a incorporación do Concello de Cabanas á asociación encargada de xestionar os fondos Leader. APROBADA >> 10 votos a favor (BNG, PP, PSOE, AEC), 1 abstención (Somos Cabanas).

 4. Proxecto saneamento e augas residuais en Lavandeira: someteuse a aprobación o proxecto de saneamento de augas residuais en Lavandeira >> APROBADO: 11 votos a favor (todos). 

5 e 6. Convenio de colaboración entre o Concello de Cabanas e o clube Cabanas KDM e Convenio de colaboración entre o concello de Cabanas e a Asociación de Mulleres Cabanas Rural: sometéronse a debate conxunto a aprobación dos convenios de colaboración entre o Concello de Cabanas e o Clube Cabanas KDM e a Asociación de Mulleres Cabanas Rural. Tal e como explicamos neste outro artigo, a versión dos convenios que obraban no noso poder  eran borradores que non estaban adaptados á lexislación e non tiñan cubertas as cantidades monetarias nin as partidas orzamentarias, polo que non os podiamos aprobar. Porén, o verdadeiramente grave foi que o BNG non tivo acceso a toda a información sobre este punto, xa que o goberno municipal enviou novas versións dos convenios SÓ a algunhas forzas políticas. Nós pedimos que se deixase o punto na mesa para ter acceso á información e poder saber o que íamos a votar, e ante a negativa do alcalde, vímonos obrigados a votar en contra, pois non sabiamos o que se estaba a votar. >> APROBADOS: 9 votos a favor (PP, PSOE, AEC) e 2 votos en contra (BNG, Somos Cabanas).

7. Regularización catastral explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais: O PP presentou esta moción e desde o BNG manifestamos a nosa postura contraria ao catastrazo e denunciamos como esta nova regulación afecta de forma especialmente nociva ás explotacións agrogandeiras. Porén, puxemos tamén de manifesto a hipocresía do PP sumándose agora ás protestas contra o catastrazo que se están a notar os seus efectos, cando foron eles mesmos, incluíndo os seus deputados por Galiza, os que o impuxeron. Propuxemos ao PP como condición para o noso apoio á moción a incorporación da seguinte emenda, coa que pretendiamos pór de manifesto os auténticos culpables da situación:

“O pleno da corporación de Cabanas manifesta a oposición ao proceso de regularización catastral impulsado polo goberno do Partido Popular por supór unha medida de carácter recaudatorio a través das taxas de regularización. Neste sentido, acordan dirixirse aos gobernos galego e central para solicitar a paralización de dito proceso ou a reversión naqueles lugares onde xa estea finalizado”.

Ao negarse a aceptar a nosa emenda, e aínda que estabamos a favor con parte dos argumentos, votamos en contra, xa que nos pareceu un exercicio de hipocresía co que non buscaban máis que lavar a cara, sen poñer de manifesto que é o seu partido o culpábel.  >> APROBADA: 9 votos a favor (PP, PSOE, AEC), 1 voto en contra (BNG), 1 abstención (Somos Cabanas).

8. Actuación da Unión Europea coa crise dos refuxiados:  O BNG está de acordo co texto desta iniciativa do grupo socialista, mais entendemos que como medida simbólica de protesta tamén debería incluírse a retirada ou arriada da bandeira da Unión Europea da Casa do Concello, tal e como solicitamos desde o Bloque Nacionalista Galego ao Goberno Municipal de Cabanas nun escrito rexistrado o pasado 15 de marzo. Deste modo, propuxemos unha emenda ao punto primeiro, que sería engadir ao final do punto "“e, como medida de protesta, arriará a bandeira da Unión Europea da Casa do Concello”.

O PSOE negouse a aceptar dita emenda. Desde o BNG lamentamos a posición pouco valente do PSOE e amosamos a súa contradición, pois noutros lugares si que a apoiaron, mais a pesar disto votamos a favor por considerar noxenta a actuación de Europa nesta crise >> APROBADA: 5 votos a favor (BNG, PSOE, Somos Cabanas), 6 abstencións (PP, AEC).

9. Iluminación rotonda entrada Cabanas pola N651.: O PSOE presentou esta iniciativa sobre a iluminación da rotonda de entrada de Cabanas e desde o BNG agradecemos que esta formación se sumase ás iniciativas que presentou o BNG neste sentido durante o pleno de xaneiro. Lembramos ademais que o concello está a incumprir os níveis mínimos de iluminancia e de uniformidade exixidos polo Real Decreto 1890/2008 do 14 de novembro. >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).

10. Prevención de drogodependencias e outras condutas adictivas. Desde o BNG presentamos esta moción porque consideramos que a adicción ás drogas (así como a outras sustancias e hábitos) é unha realidade á que non podemos ser alleas e á que debemos prestar a debida atención, tanto pola súa transcendencia social como pola gravidade das consecuencias individuais e sociais derivadas dela. Celebramos que teña sido aprobada, mais lamentamos a postura do PP, que votou en contra, como xa vos comentamos nesta outra nova. >> APROBADA: 6 votos a favor (BNG, PSOE, AEC, Somos Cabanas), 5 en contra (PP). 

11. Comparecencia sobre actuacións no Areal e Piñeiral da Madalena. No BNG tiñamos denunciado ante a prensa esta corta indiscriminada que afectou a moitísimas árbores (a inmensa maioría sas) e se produciu con total escurantismo, sen que ningunha administración implicada (Concello e Costas) se fixese responsábel. Formulamos a seguinte batería de preguntas:

- Cal é o motivo polo que se levou a cabo esta corta masiva no Piñeiral da Madalena?

- Que persoa ou organismo ordenou dita corta?

- Que persoa ou organismo coordinou os traballos?

- Fíxose algún estudo medioambiental previo?

- Cantas árbores se tallaron?

- Que persoa ou organismo decidiu cantas e cales árbores había que cortar?

- Por que esta corta afectou a exemplares sans e deixou, polo contra, outros enfermos?

- Está prevista a repoboación? No caso afirmativo, cantas árbores se plantarán?

- Que empresas realizaron os traballos?

- Como tivo lugar o proceso de contratación destes traballos?

- No caso de que o Concello non teña información con respecto a algunha destas cuestións, por que non se interesou por obtela, tendo en conta que as cortas de árbores no Piñeiral forman parte das súas competencias?

A Alcaldía negouse a dar unha resposta clara ás mesmas.

 12. Ratificación resolucións Alcaldía

a. Solicitude subvención obradoiro de emprego concellos Fene – Neda – Ares- Mugardos – Cabanas [documento].

b. Solicitude subvención mellora infraestrutura parques empresariais concellos Cabanas – Fene [documento].

c. Solicitude subvención obradoiro Eume Emprende II, concellos Cabanas – Monfero – Pontedeume [documento].

d. Solicitude programa mellora camiños municipais 2016 [documento].

 Sometéronse a votación conxunta >> APROBADAS: 10 votos a favor (BNG, PP, PSOE, AEC), 1 abstención (Somos Cabanas)

13. Informes da Presidencia: Deuse conta de diversos informes de presidencia.

14. Rogos e preguntas

Durante a quenda de preguntas formulamos un par de preguntas orais e 5 preguntas escritas:

Pregunta 1: preguntamos cando sairán as prazas do persoal municipal recentemente xubilado, nomeadamente polo posto de conserxe no colexio. Sen resposta clara.

Pregunta 2: preguntamos pola acumulación de terra no Barreiro, que está a causar problemas para a circulación de vehículos. O Alcalde botoulle a culpa á Deputación (propietaria da estrada), malia non ter informado á mesma da situación.

Sobre as preguntas escritas:

Pregunta escrita 1 (retirada bandeira): sen resposta.

Pregunta escrita 2 (instalación sinais Barreiro): botoulle a culpa á Deputación (propietaria da estrada), pero non fixo ningunha xestión.

Pregunta escrita 3 (afundimento camiño das Modias): dixo ter constancia e mirará de amañarse cando haxa algún plan específico.

Pregunta escrita 4 (semana santa de Ferrol): asegurou que a aparición do logo do concello nun folleto sobre a Semana Santa de Ferrol non lle supuxo ao Concello ningún gasto.

Pregunta escrita 5 (corta no piñeiral): reiteramos as preguntas feitas e non respondidas no punto de comparecencia. Seguiron sen resposta.

Pregunta escrita 6 (desprendementos en Chamoso): sen resposta.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Desde o BNG avaliamos positivamente o apoio de todas as forzas da oposición á nosa moción para a prevención de drogodependencias e outras conductas adictivas. Consideramos que é preciso deixar de considerar a drogodependencia como un tema tabú e avanzar na prevención, e lamentamos profundamente que o PP quedase de lado co seu voto en contra.

Por outra banda, nesta sesión puidemos ver novamente a hipocresía e a falta de rigor do goberno do PP, que trouxo ao pleno unha moción solidarizándose cos problemas causados polos seus propios correlixionarios, e ademais negouse a contestar todas as nosas preguntas sobre unha corta de árbores do Piñeiral da Madalena da que nun comezo non se responsabilizou, culpando a Costas, e sobre a que máis tarde apareceu un contrato.

 

Pleno ordinario Marzo 30/03/2016: resumo da sesión e propostas do BNG