PROGRAMA 2023

Cabanas merece ser un concello activo cultural e deportivamente

representación teatral
Representación teatral
Cabanas merece ser un concello activo cultural e deportivamente

Cabanas merece ter unha oferta cultural variada, comprometida e accesíbel para todo o mundo. É por iso que a nosa arela no BNG de Cabanas é a de crear un tecido de actividades e eventos deportivos e culturais que faga do noso concello un municipio activo nestes ámbitos e garanta alternativas locais de ocio para a cidadanía. Queremos gobernar para asegurarnos de que a xente de Cabanas teña acceso á cultura (vendo o deporte como unha das súas manifestacións) porque, ademais de xerar riqueza, é unha ferramenta de expresión que nos permite reafirmar a nosa identidade como pobo e contribúe a crear comunidade.

MEDIDAS DO PROGRAMA:

  • Cultura:

-Diversificar a actividade cultural de cara a achegala a todos os grupos sociais e a diversos ámbitos de interese.

-Promover a participación das entidades e asociacións culturais na xestión cultural do noso concello.

-Dignificar a lingua galega e apoiar a creación e difusión cultural en calquera das súas manifestacións.

-Continuar coas obras de actuación na Escola Laica, corrixindo algunhas das eivas detectadas no interior e mercando os terreos adxacentes para ampliar a zona verde, a zona de aparcamento e dar alternativas de acceso, tanto peonil como en vehículo.

-Crear o servizo de Biblioteca Municipal, que nun principio terá a súa sede na Escola Laica, con diferentes áreas (sala de lectura, salas de estudo e traballo, zona de ludoteca e actividades infantís...) e con entidade propia para organizar actividades, dinamizando a vida cultural do Concello. Dotar á biblioteca de persoal estable.

-Converter a romaría de Santa Marta nunha gran festa na que a cultura sexa protagonista.

-Impulsar novas actividades anuais para adultos, indo máis alá das dispoñíbeis actualmente.

-Continuar a apoiar o teatro aficionado e crear unha Escola Municipal de Teatro.

 

  • Deporte:

-Entender a política deportiva municipal como un conxunto de actuacións que deben centrarse, fundamentalmente, no apoio ás entidades de base do concello e ao traballo que realizan día a día.

-Colaborar coas entidades de promoción do deporte en todos os eidos, aproveitando as súas actividades para a posíbel posta en marcha de escolas municipais deportivas co apoio do Concello.

-Revisar os convenios coas entidades deportivas para mellorar as condicións de colaboración, aumentando os conceptos de xustificación das subvencións para facilitar o seu uso e aumentando a colaboración para a organización de actividades e proxectos conxuntos.

-Levar a cabo un plano de actuación sobre as infraestruturas deportivas: actuacións no Pavillón de Porto, rehabilitación do Pavillón de Lavandeira, solución definitiva á situación precaria do clube KDM, actuacións no Campo de Fútbol da Veiga a través da instalación de herba artificial no campo anexo, dotación de auga e luz para o CNC, iluminación e edificación no Circuíto de Vilar do Colo...

-Elaborar un plan de actuación integral na área da Veiga coa intención de poñer en valor a área de lecer, recuperar medioambientalmente o entorno do río e mellorar as instalacións deportivas.

-Buscar a posibilidade de instalar un ximnasio municipal nas dependencias do Pavillón de Lavandeira unha vez finalizadas as obras de rehabilitación.

-Facilitar o acceso da poboación ás instalacións deportivas, facilitando o procedemento de reserva e acceso.

-Estudar o uso de instalacións deportivas de xeito mancomunado entre diferentes concellos.

-Promover as probas deportivas, priorizando as organizadas directamente desde o concello e polas entidades deportivas radicadas no mesmo.

-Informar da axenda deportiva e dos resultados dos clubes do concello nas redes sociais institucionais de forma semanal.

-Fomentar o deporte feminino.

Cabanas merece ser un concello activo cultural e deportivamente