PROGRAMA 2023
Cabanas merece ser un concello aberto
Facer que o Concello estivese para servir á cidadanía, e non para servirse a si mesmo.
E cumprimos. Creamos o Consello de Participación Veciñal, comezamos a emitir os plenos por internet, e aprobamos o regulamento para que calquera poida intervir neles, fixemos que toda a información municipal fose pública, fixemos unha comunicación institucional profesional...
Máis aínda queda por facer.
Propostas:
- Participación:
-Favorecer a participación da veciñanza nos plenos municipais, publicitando as posibilidades de presentar iniciativas, intervir ante o pleno e formular preguntas, dúbidas ou rogos que permiten o regulamento de Participación.
-Continuar a impulsar o Consello de Participación Veciñal como órgano de participación das diferentes entidades asociativas do concello, e desenvolver comités sectoriais dentro deste.
-Avanzar na posta en marcha dun programa de orzamentos participativos, con criterios correctores xeográficos e temáticos, para que a veciñanza poida decidir parte dos investimentos do concello mediante reunións parroquais, e reservar unha porcentaxe do capítulo de investimentos do orzamento municipal para as propostas aprobadas mediante este programa.
- Modelo de goberno e transparencia:
-Continuar a levar a cabo unha comunicación municipal profesional, plural e apartidaria.
-Continuar a dar acceso a toda a información municipal de xeito fácil a toda a veciñanza, evitando o control político do acceso á información. Aumentar a publicidade das axudas públicas.
-Continuar a poñer toda a información municipal e sobre concursos públicos a disposición da veciñanza, e difundir os seus resultados inmediatamente despois da súa resolución.
-Continuar a emitir os plenos por internet.
-Cumprir coa Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, establecendo un mecanismo de publicidade e rendición de contas de carácter público e accesíbel.
-Crear novos taboleiros de libre expresión para permitir unha maior participación da veciñanza, así como a posibilidade de publicitar eventos e campañas.
-Modificar a ordenanza de limpeza nos aspectos nos que limita a libre expresión política da veciñanza
-Poñer en marcha un sistema de control dos agasallos que poidan recibir os cargos políticos.
-Avanzar cara á e-administración ampliando as xestións municipais que se poden realizar pola rede.
- Asociacionismo e locais municipais:
-Crear un mecanismo para xestionar a solicitude de locais municipais para o seu libre uso por parte da veciñanza, particularmente da mocidade e do tecido asociativo, creando un regulamento e outorgándoos por criterios obxectivos sen posibilidade de vetos.
-Apoiar, desde o Concello, as iniciativas das entidades e asociacións de Cabanas.
-Actualizar os convenios con todas as asociacións para mellorar as súas condicións, posibilitar o uso compartido das instalacións, nomeadamente as deportivas, e realizar melloras.
-Traballar conxuntamente coas asociacións e as sociedades parroquiais para promover melloras e rehabilitación nos locais parroquiais: Internet e mantemento no local de Irís, eficiencia enerxética e rehabilitación da cuberta exterior de madeira no local de Lavandeira, carpintería e punto de luz exterior na escola de Soaserra, cobertura da entrada na Escola das Viñas... Axudar a realizar actuacións tamén naqueles que son privados mediante a figura dos convenios.
-Impulsar o uso do Apeadoiro do Areal como sede de actividades e como local de uso libre baixo petición.
-Estudar a posibilidade de compra dunha carpa para eventos organizados polo concello e posibilitar a súa cesión ás entidades do concello.