PROGRAMA 2023

Cabanas merece un Concello que dinamice a economía

Froitos do bosque
Froitos do bosque
Cabanas merece un Concello que dinamice a economía

No BNG entendemos que o Concello debe de ser un axente dinamizador da economía, dando apoio, asesoramento e deseñando políticas que posibiliten o desenvolvemento económico e o benestar.

É por iso que a área de dinamización económica foi unha das nosas prioridades neste mandato.

O programa Merca en Cabanas, as axudas durante a pandemia, a Feira de Santa Marta e o Mercado de Nadal, o despregamento de fibra, a creación do servizo de asesoramento de cooperativismo, as campañas de formación... son só algúns exemplos do que fixemos nestes catro anos de mandato. Pero queremos máis:

 

As nosas propostas:

  • Comercio

Continuar co programa “merca en Cabanas” a través de campañas que incluirán tanto a promoción do consumo da produción local como o fomento da compra no comercio local.

Seguir a priorizar a compra no comercio local dos subministracións que o Concello necesita para a súa actividade, como xa se veu facendo estes catro anos.

Establecer medidas fiscais que promovan a ocupación de baixos de cara a evitar a presenza de locais baleiros.

Seguir a traballar na recuperación das feiras, en particular a Feira do 21, mediante o seu impulso con medidas específicas para mellorar a súa difusión e estudando tamén a posibilidade da súa celebración no Día 8 durante o inverno. Establecer feiras e reclamos temáticos e continuar co Mercado do Nadal.

 

  • Emprego

Incrementar a dotación da Concellería de Emprego e Formación, de forma que teña maior capacidade de actuación e poida realizar accións que vaian máis alá de paliar as consecuencias do desemprego, actuando sobre as súas causas.

Continuar a traballar para desenvolver novas oportunidades laborais desde o Concello, impulsando os servizos de asesoramento e axuda ao emprendemento.

Promover a diversificación sectorial do emprego tendo en conta as zonas rurais, así como a creación de emprego en novas actividades de acordo coas nosas políticas.

Construír, dotar, e poñer en funcionamento o Coworking (espazo de traballo compartido) da nave municipal de Vilar do Colo, que servirá como un lugar onde se poida traballar para levar a cabo proxectos de emprendemento, con asesoramento do persoal do Concello e axuda para os trámites administrativos.

Continuar a traballar en medidas que contribúan a unha mellor inserción laboral feminina.

Crear un Plano de Emprego Xuvenil para facilitar que a mocidade atope emprego en Cabanas e poida así quedar no concello. Este plan incluirá medidas para que, desde o Concello, se potencien as prácticas profesionais nas empresas de Cabanas.

Seguir a traballar coas universidades e os centros de Formación Profesional para acoller estudantado que veña facer períodos de prácticas e traballos de fin de grao e master que teñan por obxecto o concello nos servizos municipais, e así contribuír á obtención de información valiosa para o desenvolvemento do mesmo.

Potenciar o Polígono de Vilar do Colo e facilitar o establecemento nel, mellorando as súas condicións e o acceso ás redes de subministracións.

Desenvolver o ente de Conservación do Polígono de Vilar do Colo, o que permitirá reorganizar e concentrar nel a actividade industrial.

 

  • Novas tecnoloxías

Continuar co traballo para aproveitar as vantaxes de acceso a novas solucións innovadoras que ten Cabanas como "smart village" .

Asegurar que a fibra chega ao 100% dos fogares de Cabanas, solucionando os casos problemáticos illados que aínda quedan pendentes.

Expandir as zonas wi-fi de balde ao 100% das instalacións municipais e outros lugares de especial importancia para o concello.

Continuar a impartir cursos de formación en novas tecnoloxías e, nomeadamente, en alfabetización dixital para persoas maiores.

 

  • Economía da Zona rural

Lanzar un plano de dinamización económico-laboral da zona rural con medidas de incentivación do autoemprego e do cultivo da terra.

Continuar a promover a produción autóctona e ecolóxica, tanto de cultivos como de produtos xa transformados.

Fomentar a diversificación dos aproveitamentos do monte a través do desenvolvemento de actividades complementarias: produción apícola, plantación de cogomelos, silvo-pastoreo... de entre estas, prestarase especial atención ao cultivo da froita do Eume.

Fomentar o cooperativismo na zona rural mediante a promoción de programas de produción rural, transformación e asesoramento como o de Fusquenlla, en Moeche.

Crear un centro municipal de servizos para a agricultura e a silvicultura cunha zona de compostaxe e outra de recollida de poda, que poderá servir como combustible ou para a produción de enerxía eléctrica como biomasa.

Traballar pola erradicación das propiedades a monte e incentivar actividades de emprendemento orientadas ao sector primario, sobre as cales o Concello ofrecerá asesoramento.

Crear un banco voluntario de alugueiro de terras que facilite a explotación de terras actualmente non cultivadas poñendo en contacto propietarios e persoas interesadas en alugar.

Cabanas merece un Concello que dinamice a economía