PROGRAMA 2023
Cabanas merece ser un concello conectado, cohesionado e accesible
Cabanas atópase nunha situación privilexiada. No esteiro do Eume, atravesada por unha liña de ferrocarril, ao pé da estrada nacional e máis cunha entrada á autoestrada que permiten conexións rápidas tanto con Ferrol como coa Coruña e o resto do sur do país, e sendo o punto de saída dunha estrada cara Ás Pontes que tamén permite despois conectarse cara ao Norte e Leste.
Estas infraestruturas, porén, presentan problemas, e tamén condicionan o desenvolvemento do concello. O caso máis claro é a N-561, cuxa titularidade por parte do Ministerio de Transportes leva décadas condicionando o centro urbano do Areal. A inacción deste Ministerio, a pesar das continuas emendas do BNG aos Orzamentos do Estado, foi o que levou ao Concello a asumir as obras de humanización na parte baixa do Areal, a principal zona comercial do concello. En todo caso, continuaremos a solicitar que sexa o Ministerio quen asuma as obras no resto de zonas, e que as faga xa.
Ao tempo, seguimos tendo unha mobilidade totalmente dependente do coche. O ferrocarril non é unha alternativa factíbel polas súas frecuencias, horarios e tempo de viaxe, e o transporte público por estrada, a pesar das nosas propostas desde o goberno municipal, empeorou como resultado das novas adxudicacións que fixo a Xunta.
O mesmo vén ocorrendo coa mobilidade interna no concello. Ao final do presente mandato encargamos un estudo de transporte para estudar a viabilidade e o deseño dun servizo de mobilidade interno dentro de Cabanas. É a nosa intención poñelo en marcha neste mandato, para poder desprazarse entre as diferentes parroquias, conectarse co centro urbano e os servizos que nel se atopan e tamén servir de conexión co transporte interurbano, sen depender do coche particular.
As nosas propostas:
- Mobilidade e infraestruturas
Redactar e poñer en marcha un plano comarcal de mobilidade en colaboración cos concellos da contorna que aproveite os recursos xa existentes e dote dun mellor transporte público a Cabanas.
Instar ao Goberno central a aprobar a transferencia da titularidade e das competencias da AP-9 a Galiza de cara á posterior abolición das peaxes.
Avanzar os trámites para que a concesionaria da AP-9 pague o IBI sen bonificación da totalidade do tramo da AP-9 que atravesa o concello, e impoñerlle o máximo tipo impositivo posíbel.
Exixir ao Goberno medidas para paliar as molestias que van causar as obras na Ponte de Pedra no tráfico do concello e, particularmente, a gratuidade do tramo da AP-9 entre Fene e Miño, polo menos durante a duración das obras, para disuadir o tráfico que non sexa local.
Continuar a traballar con Costas e ADIF para a toma de medidas de protección ante a erosión, en particular no talude en Chamoso para evitar a caída do camiño de acceso, e no Cantiño coa vía de ferrocarril.
Loitar pola mellora das condicións da N-651 ao seu paso polo concello e a mellora na seguridade de vehículos e peóns que esta implica.
Continuar a solicitar a Estradas a humanización do resto da N-651 ao seu paso por zonas de poboado, tanto no núcleo urbano como en Laraxe, así como a mellora de sinalización, particularmente as limitacións de velocidade en Laraxe, e a construción das rotondas previstas, particularmente as de Cardeita e Barreiro-Fonfría pola súa urxencia.
Levar a cabo á maior brevidade a humanización prevista na zona urbana, que asume o Concello pola súa urxencia.
Estender a área de actuación da humanización prevista en Cabanas até o cruce da Veiga para permitir o tránsito peonil seguro á Escola Laica e a área recreativa da Veiga, así como para as persoas que transitan polo Camiño Inglés. Isto implicaría a extensión da zona de poboado con velocidade limitada a 50 km/h e que o carril de adiantamento comece máis adiante.
Solicitar á Xunta unha actuación integral na recta de Cardeita para aumentar a seguridade viaria e a mobilidade peonil a través da limitación da velocidade, a mellora da visibilidade, a construción de beirarrúas e o pintado de pasos de cebra. Solicitar o estudo da súa consideración como zona de poboado para posibilitar outras medidas de calmado de tráfico.
Solicitar á Xunta de Galicia da Transferencia ao Concello de Cabanas da Rúa do Concello, para poder realizar actuacións nela directamente.
Mellorar de xeito xeral a ordenación do tráfico nas pistas, estradas e rúas do concello.
Continuar a empregar o sistema de plataforma única para a convivencia de vehículos e peóns nas actuacións en pistas do concello.
Procurar a solución de tapóns de mobilidade como no Areal.
Buscar unha solución ao illamento da zona da Madalena en colaboración con ADIF para poder realizar unha saída secundaria á área.
Crear un plan de accesibilidade e controlar o tráfico rodado na praia e a súa contorna.
Crear un Plano de Emerxencia para a Madalena como zona na que se producen as principais aglomeracións de persoas no concello.
Crear unha zona de aparcamento de residentes no entorno da Igrexa de Santo André de Cabanas, de acordo coa veciñanza.
- Transporte público e sustentábel
Instar a Renfe e ADIF ao establecemento dun servizo de ferrocarril de proximidade con máis frecuencias, mellores horarios e menor prezo, así como a un mellor mantemento da liña e do apeadoiro.
Continuar a defender os intereses da veciñanza afectada polos problemas do transporte interurbano por estradas, solicitando a mellora das condicións, o aumento de frecuencias e mellora de horarios e o cumprimento do servizo
Desenvolver, de acordo cos resultados do estudo de transporte, un sistema de transporte municipal que conecte as diferentes zonas do concello co obxectivo de mellorar a mobilidade interna, achegar a veciñanza das parroquias rurais aos servizos da zona urbana e servir de conexión cos servizos de transporte metropolitano.
Traballar co sector do taxi para desenvolver o seu rol de acordo co concello, empregándoo como solución prioritaria de transporte para persoas con mobilidade reducida ou que necesiten axuda coas súas xestións, así como para outras necesidades de transporte que non queden cubertas co sistema de transporte municipal. Incluír o taxi dentro das axudas de mobilidade.
Revisar a situación das marquesiñas existentes e instalar outras novas nos lugares que o precisen, así como mellorar a seguridade de acceso ás mesmas.
Instar á Xunta a recuperar as liñas de Noitebús, e nomeadamente a liña que unía Ferrol e Miño, garantindo así un servizo de transporte público que permita á mocidade desprazarse durante as noites de ocio nocturno sen ter que facer uso dos vehículos particulares.
Desenvolver un sistema de axudas sociais de mobilidade para os diversos colectivos que o necesiten e que inclúa non só o transporte metropolitano, senón tamén o transporte local nas súas diferentes modalidades e o de máis longa distancia.
Levar a cabo un plan de mobilidade peonil para crear un sistema de itinerarios a pé que permita atravesar o concello camiñando por rutas seguras para os peóns, con especial atención aos accesos aos equipamentos (Colexio, Escola Laica, Área da Veiga, Polideportivo de Lavandeira...). Para isto, levaríanse a cabo actuacións tanto para mellorar a seguridade dos peóns nas pistas e estradas secundarias do concello como para recuperar, marcar e promover camiños tradicionais e sendeiros peonís.
Potenciar o uso da bicicleta como medio de transporte alternativo, coa creación de carrís bici, aparcadoiros específicos en lugares de especial importancia e o establecemento dun servizo de préstamo/alugueiro de bicis, incluíndo tamén a posibilidade de amplialo a bicis eléctricas e patinetes.
Establecer zonas de calmado de tráfico para potenciar o uso da bicicleta.
Crear puntos de carga de vehículos eléctricos.
- Accesibilidade
Continuar co plan de eliminación de barreiras de mobilidade, co obxectivo final de que a totalidade das infraestruturas municipais e as beirarrúas dependentes do concello, así como o acceso ás praias, sexan accesíbeis para persoas con mobilidade reducida.
Crear parques infantís accesíbeis de nivel 3.