O BNG presenta unha batería de medidas para paliar o desemprego e a emigración xuvenil en Cabanas

O BNG presenta unha batería de medidas para paliar o desemprego e a emigración xuvenil en Cabanas

iago varela bng cabanas

 

O BNG vén de presentar unha batería de medidas encamiñadas a paliar o desemprego e a emigración xuvenil en Cabanas, localidade na que preto do 75% da poboación de entre 16 e 29 anos non ten traballo. Por iso desde a formación nacionalista consideran “necesario e urxente” adoptar acordos que posibiliten condicións favorábeis para a creación de postos de traballo e evitar a fuga de persoas novas.

 

 

“Os datos do desemprego en Cabanas agochan outra realidade, que é que o paro xuvenil e a falla de oportunidades impulsan á mocidade cabanesa a ter que buscar oportunidades laborais fóra do concello”, sinalou Iago Varela, concelleiro do BNG na localidade, quen lembrou que segundo os datos do IGE entre 2011 e 2013 Cabanas perdeu o 4,64% da poboación da franxa 16-29 anos.

 

 

O BNG levará ao pleno ordinario de xaneiro, a celebrar o mércores 27 ás 19.30h, a adopción dos seguintes acordos:

 

 

1.- O Concello de Cabanas elaborará un plan municipal de fomento do emprego entre a mocidade, co obxectivo de mellorar as taxas de emprego, impulsar a economía local, parar a emigración xuvenil e posibilitar o regreso das persoas mozas ao concello.

 

 

2.- O Concello de Cabanas elaborará un convenio coas universidades galegas, introducindo criterios de primacía para o estudantado de Cabanas, de cara aos seguintes obxectivos:

 

 

2.1.- Ofertar os servizos municipais como centros de traballo para a realización de prácticas profesionais obrigatorias dentro dos planos de formación de cada título universitario.

 

 

2.2- Poñer a disposición do estudantado destas universidades os servizos do Concello de cara á realización de Traballos de Fin de Grado e Master que teñan por obxecto o concello, e así contribuír á obtención de información valiosa para o desenvolvemento do Concello.

 

 

3.- O Concello de Cabanas promocionará entre as empresas do Concello as posibilidades para proporse como centro de traballo para a realización de prácticas entre o estudantado tanto universitario como de formación profesional.

 

 

4.- O Concello de Cabanas impulsará un convenio estábel de colaboración coa Fundación Empresa Universidade Galega para a creación de bolsas FEUGA de formación remunerada nas empresas da zona, destinadas a tituladas superiores, para executar proxectos de especialización, exportación e innovación da economía local.

 

 

5.- O Concello de Cabanas creará un servizo de seguimento da mocidade desempregada, coa finalidade de garantir e procurar a súa introdución no emprego, mediante o asesoramento para a mellora da súa empregabilidade e a creación dunha bolsa de emprego xuvenil, e promocionará entre as empresas do concello a contratación de mocidade cabanesa.

 

 

6.- O Concello de Cabanas tomará medidas de asesoramento e fomento do autoemprego, axudando ao desenvolvemento de proxectos e iniciativas da mocidade, acaídos á realidade socioeconómica do concello, e especialmente no medio rural, garantindo o mantemento da poboación en espazos rurais mediante o asesoramento para a creación e/ou mantemento de explotacións agro-gandeiras e de agricultura ecolóxica, así como proxectos turísticos, en especial os relacionados co entorno.