O "ti vai facendo" de Xunta e Concello agravan a situación de inundacións no Paseo da Madalena
As intensas choivas dos últimos días están a agravar aínda máis os problemas de infraestruturas viarias e inundacións que xa se viñan sufrindo na zona do Paseo da Madalena. Ante esta situación, desde o BNG de Cabanas queremos facer unha serie de consideracións:
É obvio que a zona da Madalena, pola súa situación, é especialmente vulnerábel ás inundacións, e que a solución ás mesmas pasa por unha actuación a longo prazo, como a que se está a levar a cabo coas obras que está a facer Augas de Galiza.
É obvio tamén que o propio desenvolvemento das obras está a influír negativamente na situación a curto prazo, con movementos de terras e desvíos provisionais que dificultan e empeoran a situación.
Porén, non nos podemos conformar con estas respostas. O desenvolvemento das obras (responsabilidade de Augas) vén sendo francamente mellorable desde o seu comezo. Actuaron sen unha mínima preparación, sen saber o que ían atopar e tendo que rectificar en varias ocasións.
Queremos lembrar, ademais, que as obras estiveron paralizadas durante varios meses pola creba da concesionaria, deixando inutilizado parte do aparcadoiro que empregaban como zona de depósito de materiais. Tamén que os grupos daquela na oposición culparon o goberno municipal a pesar de que as obras dependían de Augas (é dicir, da Xunta), organismo que se retrasou tanto en dar solución ao problema que, "casualmente", non a houbo ata despois das eleccións e o cambio de goberno.
Esta falta de previsión esténdese ao actual treito en obras e ao desvío provisional, que foi executado de xeito moi deficiente, e cuxas deficiencias causan problemas continuados. Xa van varias saídas de vida, avarías mecánicas e períodos de incomunicación, como o destas horas.
E tamén se estende a un goberno local que, coñecedor desta situación, non levou a cabo ningún traballo de prevención. As declaracións do alcalde empregando como desculpa para as inundacións que a empresa de limpeza comezou por outra zona amosan unha falta considerable de previsión. Non tería bastante máis sentido ter comezado por unha zona que é ben sabido que se pode inundar con facilidade, sen saídas alternativas e na que, ademais, o movemento de terras continuo afectaría a capacidade de evacuación do sistema de pluviais?
Ante todo isto, desde o BNG queremos denunciar a falta de previsión tanto de Augas coma do goberno municipal.
Non é normal levar a cabo unhas obras coma estas sen ter en conta a composición do chan e a capacidade de evacuación da auga, sen crear itinerarios alternativos de saída e tendo que dar marcha atrás en varias ocasións. Tampouco é normal que, sendo coñecedor desta situación, o goberno local non priorice as actuacións nesta zona nos aspectos que son da súa competencia, como a limpeza de rexistros.
Non é normal ter rúas afundidas ou convertidas en piscinas, vivendas e terreos anegados, o piñeiral convertido nunha lagoa, o túnel da vía só apto para o paso en canoa e a única saída da zona, un vial mal pensado e mal executado, inutilizado.
Todo o desenvolvemento destas obras foi unha mostra do pensamento "ti vai facendo" promovido desde un organismo gobernamental.
Merecemos algo mellor. Por iso, no próximo pleno solicitaremos unha reunión dos responsables da obra con toda a corporación do pleno municipal para buscar solucións a longo prazo e pedirlle a Augas que amose, por fin, unha mínima capacidade. Porque resignarnos a agardar a que acaben as obras non é unha solución