O BNG solicita no Congreso a gratuidade da AP9 até Miño durante as obras da Ponte de Pedra entre Cabanas e Pontedeume
O deputado Néstor Rego propón esta medida para asegurar fluidez do tráfico durante as obras da Ponte de Pedra, que veñen de comezar
A medida implicaría reservar a Ponte de Pedra exclusivamente para o tráfico local, eliminando todo o tráfico pasante
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar unha Proposición non de lei instando ao goberno central a establecer a gratuidade das peaxes do tramo de AP9 Vilar do Colo - Miño durante as obras da Ponte de Pedra entre Pontedeume e Cabanas.
As obras, que veñen de comezar, implican cortes de tráfico en sentido alternativo regulados por semáforos, aumentando os problemas de retencións nunha ponte que xa soporta un tráfico moi importante, ao ser a única alternativa libre de peaxe para cruzar o río Eume.
A proposta do BNG busca paliar no posíbel estas molestias eliminando a peaxe do tramo da AP-9 até Miño, polo menos durante a duración das obras, e facendo o uso da AP-9 obrigatorio para o tráfico pasante, de xeito que a Ponte de Pedra quede reservada unicamente para o tráfico local.
“É innegábel que en maior ou menor medida as obras van afectar negativamente á fluidez dun tráfico que xa de por si é elevado, polo que a solución debe pasar por reducir e axilizar o tráfico na Ponte o máximo posíbel” indicou o deputado Néstor Rego. “A única alternativa viábel é liberar a peaxe a AP-9 entre Vilar do Colo e Miño, xa que a seguinte ponte sobre o río -entre Capela e Monfero- supón 38 quilómetros de rodeo por unha estrada de difícil circulación”, concluíu o deputado.
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Cabanas, Iago Varela, agradeceu a disposición de Rego para “trasladar esta inquedanza da veciñanza de Cabanas ao Congreso”, e lembrou que malia ter acordado o pleno -a iniciativa do BNG- solicitar esta gratuidade ao Ministerio de Transportes no mes de novembro, o goberno municipal aínda non deu traslado desta solicitude.