O pleno de Cabanas esixe ao Goberno local reverter a decisión de renunciar á humanización da Avenida do Areal

Planos-Humanizacion-N651-1
Planos-Humanizacion-N651-1

O BNG conseguiu o apoio da maioría do pleno á iniciativa na que insta a continuar co proxecto iniciado nolo goberno anterior

O pleno de Cabanas esixe ao Goberno local reverter a decisión de renunciar á humanización da Avenida do Areal

O BNG conseguiu onte no pleno do Concello de Cabanas o apoio maioritario a unha proposta presentada polo BNG na que solicitaba ao Goberno municipal de Cabanas reverter a súa decisión unilateral de renunciar á obra de Humanización da Avenida do Areal e instábao a levar a cabo esta actuación en tempo e forma para non perder a subvención nominativa outorgada pola Deputación da Coruña.

O proxecto de Humanización da Avenida do Areal, impulsado polo goberno anterior, responde a unha das principais reivindicacións da veciñanza de Cabanas, xa que supón dar solucións aos múltiples problemas que presenta a principal zona comercial de Cabanas, incluíndo graves problemas de seguridade viaria, de permeabilidade ao movemento peonil, de inundacións e, sobre todo, de accesibilidade, con zonas nas que paso dun carriño de bebé ou dunha cadeira de rodas é imposíbel.

Desde o BNG lamentan “a demagoxia do PP”, que mantén a súa negativa a estas actuacións alegando que dependen do Goberno central, ao ser á beira dunha estrada estatal. “Os gobernos estatais do PP, do PSOE e de PSOE-Sumar levan 20 anos con este proxecto durmindo nun caixón, con dotacións simbólicas nalgúns Orzamentos que nunca se executaron”, indican desde o BNG. “A única constante nestes anos foi o papel do BNG no Congreso, presentando emendas a todos os Orzamentos para dotar esta partida, e que foron tombadas sistematicamente por quen estivese gobernando nese momento”, conclúe a formación nacionalista.

“As obras proxectadas, e para as que conseguimos financiamento, van máis aló dunha simple humanización, facendo unha actuación integral que crea novos pasos de cebra, actúa nas beirarrúas, elimina os problemas de accesibilidade, reordena os aparcadoiros, accesos e cambios de sentido; substitúe e repara as canalizacións para evitar inundacións e actúa na iluminación”, sinalou o portavoz municipal do BNG, Iago Varela. “Unhas actuacións que pretenden crear outro modelo de estrada, e que desde o goberno anterior consideramos unha primeira fase que debera estenderse ao conxunto do trazado da N651 ao seu paso por Cabanas”.

Mostra do modelo de goberno do PP

Desde o BNG denuncian que os sete meses do goberno do PP facilitado por Somos Cabanas foron “máis que suficientes” para ver un goberno “sen proxecto, sen propostas e que tampouco sabe xestionar”.

Denuncian desde o BNG que o PP que os 180.000 € conseguidos polo Goberno anterior que Cabanas perdería se o PP renuncia ao proxecto de Humanización da Avenida do Areal, non son os únicos cartos que penden dun fío. “Hai preto de 140.000 € de outra subvención conseguida polo goberno anterior para o cambio da cuberta do Pavillón de Lavandeira que seguramente haxa que devolver porque o Goberno local foi incapaz de cumprir cos prazos da execución das obras”.

O pleno de Cabanas esixe ao Goberno local reverter a decisión de renunciar á humanización da Avenida do Areal