O BNG de Cabanas aproba a súa candidatura e as ideas forza do seu programa

O BNG de Cabanas aproba a súa candidatura e as ideas forza do seu programa

primeiro tramo bng - aa cabanas

A asemblea aberta do BNG de Cabanas vén de aprobar por unanimidade a totalidade da candidatura coa que concorrerá ás eleccións municipais, completando o proceso iniciado en febreiro no que se escolleron os tres primeiros postos da listaxe que lidera Iago Varela. Así mesmo, a cita serviu aos nacionalistas para avanzar nas ideas forza do seu programa electoral, un texto que pretenden ir dando a coñecer nas próximas semanas.

As 11 persoas que forman parte da candidatura (sen contar as suplencias) do BNG – Asembleas Abertas de Cabanas proveñen de diversos colectivos sociais con incidencia no concello, coma o banco de alimentos, os movementos contra o PXOM ou os propietarios das Fragas do Eume, entre outros.

Participan da candidatura do BNG – Asembleas Abertas de Cabanas persoas provintes de diversos movementos sociais.

Iago Varela, candidato á alcaldía de Cabanas polo BNG – AA, amosouse “orgulloso de liderar un equipo con ganas de traballar para conseguir un concello transparente, social e adaptado aos novos tempos”, ao tempo que destacou a elaboración dunha listaxe – cremalleira en cuestións de xénero.

Entre as propostas do BNG – Asembleas Abertas para Cabanas destacan a elaboración dun novo PXOM que evite “a marbellización” do concello, a extensión da banda larga ao 100% do territorio local e numerosas iniciativas a prol de aumentar os servizos sociais, como a creación de vivendas de emerxencia para vítimas de violencia de xénero ou desafiuzamentos.