A ACCIÓN LEVOUSE A CABO SIMULTANEAMENTE EN VARIOS PUNTOS DA AUTOESTRADA
Éxito da caravana entre Cabanas e Fene por unha AP-9 galega e sen peaxes
Tal e como foi anunciado onte, o Bloque Nacionalista Galego levou a cabo esta mañá unha acción expansiva celebrada simultaneamente en varios puntos ao longo de toda a autoestrada para reclamar unha AP-9 galega e sen peaxes.
Na nosa comarca realizouse unha caravana de vehículos entre as peaxes de Cabanas e Vilar do Colo, no veciño concello de Fene, onde se procedeu a efectuar o pagamento do importe da peaxe en céntimos.
Aproveitouse a ocasión para repartir entre as usuarias da autoestrada información sobre a campaña e explicar porque é preciso tranferir a Galiza a AP-9 para facer que sexa unha infraestrutura vertebradora do país e non un atranco á mobilidade.
Iago Varela, voceiro municipal do BNG en Cabanas, valorou positivamente esta acción e agradeceu ás veciñas e veciños que se sumaron á caravana reivindicativa. "Non é de recibo que teñamos que pagar máis peaxes para ir de Cabanas a Madrid que de Cabanas a Vigo ou Tui", sinalou Varela, quen chamou a "seguir traballando até rematar coa estafa que supón a AP-9 aos petos das galegas e galegos."