O PLENO DE NOVEMBRO REMATA CO ANUNCIO DUN NOVO BIPARTITO NO NOSO CONCELLO

Oficialízase o bipartito PP-AEC en Cabanas

Casa do Concello de Cabanas
Casa do Concello de Cabanas

O pleno de novembro remata co anuncio dun novo bipartito no noso Concello. Como xa avisamos cando AEC non apoiou a alternativa a Castrillón despois das últimas eleccións, o BNG "non lle pasará unha"

Oficialízase o bipartito PP-AEC en Cabanas

No punto 12 da orde do día do pleno ordinario do concello de Cabanas do mes de novembro, celebrado este mércores día 30, o alcalde deu a coñecer a entrada da concelleira da Agrupación de Electores de Cabanas (AEC) no goberno municipal, que pasa deste xeito a ter maioría absoluta (PP 5 e AEC 1).

Unha aliada fiel

A entrada de AEC no goberno non é unha sorpresa, pois a súa concelleira Eva García leva apoiando ao PP desde o comezo da lexislatura. Tal e como vimos denunciando, na sesión de investidura, o seu voto a si mesma frustrou un acordo de cambio e permitiu que o PP siga gobernando, no pleno de xullo de 2015 apoiou a suba dun 10% no soldo do alcalde (30.000€€ por 29 horas/semanais), e a comezos deste ano votou favorabelmente aos Orzamentos.

O PP, ademais, atopou en Eva García unha fiel aliada para levar adiante as súas políticas antidemocráticas "empregando o seu voto para bloquear sistematicamente todas as propostas da oposición", declarou o voceiro do BNG, Iago Varela. Entre outras, a concelleira de AEC impediu co sentido do seu voto que a veciñanza de Cabanas poida falar nos plenos de forma oficial, que se recupere o Noitebús ou que se estudase a instalación de desfibriladores. Neste mesmo último pleno, o voto de AEC foi chave para tumbar a moción na que pediamos actuacións urxentes na estrada do Barreiro.

Oficializar o que era coñecido

Iago Varela ironizou declarándose "aliviado de que acabe a pantomima". "Levamos toda a lexislatura denunciando o bipartito encuberto de PP e AEC, agora polo menos xa é oficial". O concelleiro nacionalista reclamou, porén, que PP e AEC dean a coñecer á veciñanza os termos do acordo entre as dúas formacións. “É lexítimo que haxa un bipartito entre PP e AEC, pero a veciñanza de Cabanas ten que saber cales son as condicións dese acordo”, declarou Varela, quen lamentou que AEC “elixise embarcarse coa dereita de Germán Castrillón para seguir no inmobilismo no canto de permitir un goberno de progreso no Concello que fixese de Cabanas un sitio mellor”.

O BNG ante a nova situación no concello

Ante a nova situación política no concello, Varela declarou que o BNG continuará traballando como até agora. "Como xa dixemos cando Eva García non quixo botar da alcaldía ao PP, non imos pasarlle unha a PP e AEC". O BNG continuará a levar as propostas da veciñanza ao pleno, facendo unha oposición razoada, contundente e efectiva, que fuxa de efectismos e imposturas para "seguir loitando por conseguir o mellor para a veciñanza de Cabanas", evitar as falcatruadas do PP de Castrillón e da súa complice Eva García, e "amosarlle á veciñanza que somos unha alternativa sólida e con proxecto que quere transformar este concello de raíz a partir do 2019".

Oficialízase o bipartito PP-AEC en Cabanas