Cabanas inicia outra tempada de praias baixo ameaza de desprendementos sobre o areal de Chamoso
O BNG denuncia que o “pasotismo absoluto” do goberno local volve poñer en perigo as usuarias da praia
Por terceiro ano consecutivo Cabanas inicia a súa tempada de praias baixo a ameaza de novos desprendementos e caídas de árbores sobre a praia de Chamoso, unha situación que o BNG da localidade vén denunciando de forma reiterada desde 2016, sen que desde o goberno local se teñan tomado medidas para dar solución a esta problemática.
En marzo de 2016 o mal tempo causou un importante desprendemento de terras que derrubou parte do talude sobre a praia de Chamoso, afectando ao camiño de acceso ao areal e a varias árbores, que quedaron en estado precario con perigo de caída sobre a praia. Desde aquela, varios temporais agravaron a situación, avanzando na erosión do talude e causando novos desprendementos que afectaron á estabilidade de máis árbores de grandes dimensións.
“De non actuar de forma inmediata, este será o terceiro ano no que as usuarias do areal de Chamoso quedarán expostas ao perigo de ter árbores en risco de caer sobre as súas cabezas”, denunciou o voceiro do BNG, Iago Varela, quen acusou ao goberno local de “grave neglixencia” ao xogar coa seguridade das usuarias: “desde as primeiras denuncias do BNG en marzo de 2016, o goberno municipal limitouse a colocar un valado e cintas sinalizando a caída”.´
Servizo de socorrismo e limpeza
A organización nacionalista tamén se interesou polo servizo de socorrismo, e urxiu ao goberno local a “ser áxiles na súa posta en marcha”, co fin de evitar a situación do ano pasado, no que o servizo de socorrismo comezou na segunda semana de xullo. “O ano pasado recibimos moitísimas queixas pola incorporación tardía dos socorristas á praia”, denunciou Varela, facéndose eco das denuncias veciñais despois de vivir a Praia da Madalena varios días cunha ocupación masiva e o posto de socorro pechado. O concelleiro nacionalista tamén lembrou os problemas de limpeza, “unha constante denunciada todos os veráns por veciñas e visitantes.”