O Concello de Cabanas aproba solicitar unha liña de bus circular a proposta do BNG
A liña permitirá conectar as parroquias rurais cos servizos do centro urbano así como coas liñas á Coruña e Ferrol
O pleno do concello de Cabanas celebrado o pasado mércores 30 aprobou a proposta do BNG para solicitar á Consellería de Infraestruturas a creación dunha liña de bus circular de interese municipal cos votos de BNG, PSOE e Somos.
"Cunha liña circular, toda a veciñanza do concello tería acceso aos servizos que están establecidos na zona urbana", declarou o voceiro do BNG de Cabanas, Iago Varela, "e ao tempo, poderán empregar tamén as conexións para viaxar á Coruña ou a Ferrol, mediante o uso de transbordos". Na actualidade, a veciñanza das parroquias máis afastadas teñen que facer transbordo en Fene para acceder a servizos tan básicos como o centro médico ou a casa do concello.
Ademais, a iniciativa tamén aprobou solicitar a mellora das frecuencias das liñas existentes, que deixan moitos lugares inatendidos, particularmente nas fins de semana, así como solicitar axuda económica e técnica á Consellería de Infraestruturas para poder levar a cabo este plan.
Así mesmo, aprobouse por unanimidade crear unha comisión de transporte do Concello de Cabanas, que terá por obxectivo estudar as novas liñas e propór melloras no transporte público.
"Desde o BNG levaremos ás propostas da veciñanza á comisión para que calquera veciña de calquera parroquia teña un transporte público digno, e teña máis opción que o coche particular para os seus desprazamentos", insistiu Varela. "Ademais, tamén pediremos que a Comisión reivindique a mellora das conexións por ferrocarril, outra conta pendente máis no transporte público no concello", rematou.