O BNG ACUSA Á XUNTA DE “DILAPIDAR OS CARTOS” CON ACTUACIÓNS QUE SE PODERÍAN TER EVITADO

O BNG urxe unha solución definitiva para os corrementos de terra na AC-563 

Mini Rivas - Iago Varela (3)
Paula González, Iago Varela e Mini Rivas durante a visita
O deputado no Parlamento Galego, Xosé Luis (Mini) Rivas, visitou a zona acompañado do tenente alcalde de Cabanas, Iago Varela.
O BNG urxe unha solución definitiva para os corrementos de terra na AC-563 

Cabanas, 17 de xaneiro de 2020. O deputado do BNG no Parlamento Galego, Xosé Luis (Mini) Rivas, visitou esta mañá, acompañado do tenente alcalde e portavoz municipal do BNG de Cabanas, Iago Varela, e outras compoñentes da asemblea local, as actuacións que a Xunta está a realizar no vial AC-563, onde se produciron diversos corrementos de terras que foron denunciadas semanas atrás no Parlamento Galego polo BNG.

O vial autonómico AC-563 conecta a estrada N-651 (á altura do Polígono Vilar do Colo) coa estrada AC-664 entre Cabanas e As Pontes, e foi obxecto dunhas actuacións de limpeza dos noiros que afectaron gravemente á estabilidade do terreo e á capa de rodaxe das vías de servizo. Ademais, a Xunta retirou gran parte do peche perimetral, que aínda non foi reposto.

Logo das choivas de finais de decembro e comezos de xaneiro, producíronse diversos corrementos de terra que afectaron á seguridade da estrada, feitos que foron denunciados polo BNG hai varias semanas no Parlamento Galego, forzando á Consellaría de Infraestruturas a consignar 256.000 euros para unhas actuacións de emerxencia que se poderían ter evitado.

“As tarefas de limpeza dos noiros foron unha auténtica desfeita, e as súas consecuencias estámolas a ver hoxe”, sinalou o deputado do BNG, Mini Rivas, tras visitar a zona afectada. “Ademais dos noiros, puidemos ver o estado no que a Xunta deixou os viais de servizo, dificultando o acceso a fincas de moitas veciñas, e os restos dos valados que retiraron e deixaron tirados nos camiños sen que a día de hoxe teñamos novas da súa substitución”, concluíu.

Pola súa banda, o tenente alcalde de Cabanas e portavoz municipal do BNG, Iago Varela, acusou ao departamento que dirixe Ethel Vázquez de “dilapidar os cartos de todas as galegas nunhas actuacións de emerxencia que se poderían ter evitado se tiveran en conta as advertencias que lles fixemos chegar en varias ocasións desde Cabanas”, en referencia aos máis de 256.000 euros que consignou o Consello da Xunta o pasado 30 de xaneiro para reparar a zona tras os corrementos de terra.

Antecedentes

Os feitos remóntanse a abril de 2019, cando a empresa pública SEAGA comezou a realizar traballos de limpeza nas marxes da estrada – incluíndo os noiros – combinando traballos manuais con maquinaria pesada. 

Os métodos empregados provocaron un gran volume de escombro, e unha importante afección sobre a capa de rodaxe das vías debido ao uso de maquinaria pesada, que a día de hoxe segue sen repararse. Así mesmo, tamén se retirou o valado metálico que protexía esta estrada das incursións de fauna salvaxe, o que ten provocado o avistamento de xabaríns na estrada.
 

O BNG urxe unha solución definitiva para os corrementos de terra na AC-563