O DEPUTADO NÉSTOR REGO ADVIRTE DA PERIGOSIDADE NA QUE SE ATOPA NESTE MOMENTO A VÍA E A INEXISTENCIA DE MEDIDAS DE CONTROL QUE PON EN RISCO A ESTRUTURA.
O BNG denuncia no Congreso a situación na que se atopa a liña ferroviaria Ferrol – Betanzos ao seu paso por Cabanas
Nas últimas semanas detectouse un empeoramento notábel do ribazo que sostén as vías da liña Ferrol – Betanzos ao seu paso por Cabanas, como consecuencia das choivas. De feito, producíronse varios corrementos de terras que afectaron tanto a unha vivenda familiar como ao paseo que bordea a praia da Madalena.
Ante a inexistencia de medidas de control que poden provocar novos corrementos de terra, o BNG vén de presentar unha iniciativa parlamentaria no Congreso dos Deputados para preguntar ao Goberno sobre as medidas de prevención para evitar un empeoramento da situación do ribazo que sostén a vía pola que circulan a diario trens de pasaxeiros e de mercadorías.
“Cómpre a implicación de ADIF para dar unha solución definitiva aos corrementos de terra sobre as vivendas e o paseo marítimo” sinalou o portavoz municipal do BNG e tenente alcalde de Cabanas, Iago Varela.
Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advertiu da perigosidade na que se atopa a vía e urxíu “que se poñan en marcha medidas de control para asegurar a estrutura da vía”.