Resumo do traballo do BNG no primeiro ano de goberno en Cabanas

Cabanas. Candidatura 2019. Recortada
Cabanas. Candidatura 2019. Recortada
Le aquí o resumo do traballo do BNG no primeiro ano de mandato no Concello de Cabanas
Resumo do traballo do BNG no primeiro ano de goberno en Cabanas

Hoxe faise un ano da nosa entrada no goberno municipal. O 15 de xuño de 2019 o BNG asumiu labores de goberno no Concello de Cabanas por primeira vez, cos nosos concelleiros, Iago Varela e Paula González asumindo as áreas de Urbanismo, Medio Ambiente, Innovación Tecnolóxica, Promoción económica (emprego, comercio e feiras), turismo e patrimonio, mobilidade e transporte, participación veciñal, normalización lingüística, persoal, igualdade e diversidade (Muller, LGTBI, Cooperación...) e comunicación.

Este foi un ano de traballo intenso, no que a pesar das dificultades obxectivas (falta de persoal, orzamento herdado e agotado, paus nas rodas variados...) conseguimos cumprir moitos dos nosos obxectivos e unha parte importante do noso programa nas áreas que xestionamos.

Queremos, antes de nada, dar as grazas, á veciñanza, tanto á que nos votastes como á quen non, pola comprensión, o apoio, a crítica e a exixencia neste ano. É para o que estamos. Aos compañeiros do grupo de goberno por ser quen de establecer un entorno de traballo produtivo onde tres grupos con tradicións políticas diferentes poden avanzar no mesmo sentido, e ao persoal do concello, e particularmente ao das nosas áreas, polo traballo sen o cal as nosas ideas non poderían levarse á realidade.

A continuación facemos un repaso polo noso traballo neste primeiro ano de goberno, área por área:

URBANISMO

Na área de urbanismo, unha vez aprobado un PXOM co que discordamos pero que agora mesmo non depende de nós, o noso traballo centrouse no fin do oscurantismo ao respecto, á espera da decisión da Xunta e as posibles oportunidades de corrixir o máis que poidamos das súas eivas se nos vén de volta.

Así, en xullo do 2019, unha das nosas primeiras medidas ao chegar ao goberno foi a publicación aberta do PXOM, para que toda a veciñanza tivese coñecemento da situación real do mesmo. 

Ademais disto, centrámonos na resolución de problemas concretos, reuníndonos con Costas e con ADIF para transferir a titularidade dalgúns viais cuxa renovación se vía dificultada por seren de ADIF, melloramos os accesos a Chamoso, pechamos a casa de Xan Ares exixindo aos propietarios as obras de restauración necesarias e creamos o plan de mobilidade pola COVID.

MEDIO AMBIENTE

O noso traballo na área de Medio Ambiente conxugou a posta en marcha de medidas efectivas de protección e mellora do medio con actividades de concienciación.

Así, lanzamos unha campaña de compostaxe, con reparto de composteiros e formacións para así reducir a cantidade de residuos xerados, presentamos un novo modelo de San Xoan conseguindo unha ampla redución da cantidade de plásticos e lixo xerados así como da contaminación mariña, mantivemos reunións para impulsar o uso de placas solares ou revisar o convenio de incendios, regulamos a creación de praias sen fume e da praia canina, e puxemos en marcha actuacións en espazos naturais, coma o piñeiral da Madalena, o río Dana ou o entorno das Fragas en Soaserra.

Dentro das actividades de concienciación, lanzamos a campaña Cabanas Sostíbel, co reparto de bolsas de malla para evitar os plásticos, e realizamos exposicións, xornadas de formación, postos de información... así mesmo, temos solicitada unha subvención para a creación dun Centro de Interpretación do Medio Mariño en Cabanas, en colaboración co GALP.

INNOVACIÓN TECNOLÓXICA

Como ben sabedes, un dos puntos chave do noso programa é a consideración do acceso á rede como un dereito básico. A situación de infraestrutura de rede de Cabanas eran impropias dun concello na nosa situación xeográfica, e este foi un dos puntos básicos no que traballamos.

Así, mantivemos reunións e fixemos diversos trámites, tanto con operadoras como con administracións, nomeadamente a AMTEGA, para poder poñer en marcha o Plan de extensión de fibra óptica en Cabanas, co cal boa parte das parroquias de Cabanas, Porto e Laraxe terán internet de alta velocidade xa este ano, e moitos outros núcleos ao longo de 2021. Ao tempo, actuamos tamén sobre os ben coñecidos déficits de cobertura móbil no noso territorio, realizando unha revisión xeográfica da cobertura móbil e facendo un convenio coa FEGAMP para a súa mellora. 

Por outra banda, traballamos na extensión da rede Wifi municipal WiFiCabanas, coa activación de diversos puntos de acceso en lugares como a Caseta de Turismo, a Escola de Lavandeira ou o PAI, entre outros, un traballo co que continuaremos e para o que presentamos unha solicitude de axudas á Unión Europea. 

Traballamos tamén na revisión do gasto que o Concello estaba a facer nesta área, reducindo a factura telefónica do concello e sacando un novo contrato de mantemento de rede co que aforramos unha cantidade importante de cartos ao ano que non estaban a ser gastados de forma eficiente. 

Por último, esta área tamén puxo o seu gran de area durante a crise da COVID, procurando a dotación de Internet ao alumnado do colexio que non podía acceder á teledocencia.

PROMOCIÓN ECONÓMICA (EMPREGO, COMERCIO E FEIRAS)

O noso traballo nesta área ten como obxectivo facer do Concello como institución un axente de activación da economía do concello, e niso traballamos, con diferentes programas de emprego, como as axudas á contratación das persoas participantes nos obradoiros ou o Programa Integrado de Emprego (PIE) dirixido á contratación de 4 mulleres.

Ao tempo, quixemos poñer en marcha novas medidas, das que a máis avanzada é a creación dun viveiro de empresas, para o que solicitamos unha subvención á Xunta. 

Tamén traballamos na potenciación das diferentes Feiras, levando a cabo diversas edicións das feiras, tanto a mensual do 21 como as de Santa Marta, segunda man e Nadal, e aprobando un novo regulamento de Feiras, que dota dunha nova forma de organizarse ás feiras do concello e permite darlles un novo impulso desde o concello.

A COVID freou e obrigou a repensar algunhas das iniciativas que tiñamos planeadas para esta área, tendo que dedicar novos investimentos a impulsar a actividade económica despois da desescaladas, polo que aprobamos a supresión do imposto municipal das terrazas e  40.000 € de axuda para persoas autónomas afectadas polos peches obrigatorios da corentena, así como outras accións que verán a luz proximamente.

TURISMO E PATRIMONIO

O noso traballo na área de Turismo e Patrimonio ten como obxectivo diversificar, descentralizar e desestacionalizar o influxo turístico en Cabanas, é dicir, facer que os beneficios económicos da actividade turística se extendan por todo o territorio do concello ao longo de todo o ano, en vez de concentrarse nun espazo limitado nos meses de verán. 

Así, renovamos todo o material de información turística do concello, coa elaboración dun novo mapa e un novo folleto que dan a coñecer todos os nosos atractivos turísticos. Traballamos tamén en elementos específicos, como o Patrimonio Indiano, sobre o que lanzamos unha guía, ou o turismo de autocaravanas, sobre o que realizamos xestións con outras administracións, ao tempo que avanzamos tamén en novos aspectos como o cicloturismo.

No tocante ao Camiño Inglés, realizamos un informe detallado do seu estado ao paso polo concello que nos servirá de base de actuación para o futuro, e solicitamos unha subvención co gallo do Xacobeo 2021.

Expandimos o traballo de promoción, coa participación en feiras do sector, como a Feira do Camiño Inglés, a primeira participación do concello de Cabanas en FITUR, a gravación dun programa da TVG, ou a ruta "Pegadas con Historia", ademais de outras iniciativas que se viron paralizadas pola COVID. Porén, o confinamento serviu para lanzar outra iniciativa para a promoción do concello, como foi o lanzamento do trivial "canto sabes de...?" que serviu para dar a coñecer o noso concello entre veciñanza e visitantes.

Por último, unha das transformacións menos vistosas pero tamén importantes que levamos a cabo foi a renovación da forma de traballar na área. Detectamos que a labor do persoal de turismo estaba aillada da área política, que deixaba que a área andase soa. Cambiamos isto, dándolle ao turismo unha maior prioridade entre as políticas do concello, cunha maior implicación e un maior respaldo ao persoal, o que se traduciu tamén en cuestións prácticas como a mellora das condicións de traballo na oficina de turismo. Ao tempo, isto permitiu tamén unha maior profesionalización, creándose por primeira vez unha base de datos de visitantes que até o de agora non existía.

MOBILIDADE E TRANSPORTE

O noso traballo na área de mobilidade e transporte ten como obxectivo diminuír a dependencia do automóbil nun concello coma o noso. O noso traballo centrouse no transporte por estrada, lanzando as axudas para o transporte de estudantes noutras cidades e presentando alegacións ao proxecto do plan de transporte por estrada da Xunta. Estas alegacións foron aceptadas, e, cando se adxudiquen finalmente os contratos e se concreten, suporán novas conexións para a meirande parte das nosas parroquias, particularmente nas fins de semana, así como a creación dunha parada en Vilar do Colo para os servizos de Arriva que facilitará os desprazamentos ás persoas que alí traballan.

Así mesmo, tamén demos os primeiros pasos para potenciar o transporte a bicicleta e a creación de sendeiros seguros para os desprazamentos a pé, unha labor na que temos moito camiño por diante. 

PARTICIPACIÓN VECIÑAL

Nós entendemos que a participación veciñal no goberno do concello ten que ir moito máis alá dos procesos electorais, facéndoa continua no tempo e relevante para toda a poboación.

Neste ámbito, ademais de activar novos procedementos e formas de poñerse en contacto co concello coma o teléfono da veciñanza, o noso traballo más importante foi a redacción e aprobación do regulamento de Participación Veciñal, que acaba de entrar en vigor.

Con este regulamento dótase de novos dereitos especificamente recollidos a toda a veciñanza, créanse novos órganos de participación e póñense as bases legais para a posta en marcha de procesos de participación reais, como a elaboración de Orzamentos Participativos, de xeito que nos orzamentos de 2021 o destino de parte das partidas poderán ser decididas directamente pola veciñanza.

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O noso traballo na área de normalización lingüística consistiu en crear a área, posto que non existía até o de agora, así como en institucionalizar unha sensibilidade maior cara ao nosa lingua propia, mudando aos poucos actitudes, prexuízos e formas de traballar, no tocante á lingua, herdadas doutros tempos.

Ademais, levamos a cabo diferentes actividades, coma contacontos, obras de teatro, concertos... e lanzamos o I certame de Poesía do Concello durante o confinamento da COVID.

Estamos á espera da incorporación de persoal específico na área (nunha convocatoria da Mancomunidade) para poder levar a cabo políticas máis profundas ao respecto, en colaboración con outras institucións.

PERSOAL

O noso traballo na área de persoal centrouse na revisión do estado real das necesidades de persoal do concello e a mellora das condicións de traballo do persoal.

Valoramos o estado dos contratos actuais e revisamos a RPT para adecuala á realidade, e fixemos tamén unha revisión profunda en materia de prevención. Por outra banda, puxemos en marcha unha aplicación de fichaxes que evita desprazamentos innecesarios ao persoal que non ten que acudir presencialmente ao concello, permitíndolles comezar a súa actividade laboral no lugar onde teñan que levala a cabo. Tamén constituímos unha bolsa de emprego de persoal auxiliar de axuda no fogar.

IGUALDADE E DIVERSIDADE (MULLER, LGTBI, COOPERACIÓN)

O noso traballo na área de igualdade e diversidade centrouse no desenvolvemento de políticas de cara a conseguir a igualdade real e a 
visibilización da diversidade.

O noso traballo centrouse en tres campañas: “Cabanas Diversa” (muro, chapas, Banco da Diversidade), “Rachemos co silencio 25N” (obradoiros afectivo sexuais, de batucada, pintada do banco...) e “Derrubando o patriarcado” (charla - debate sobre o feminismo como movemento e mural colectivo), mais tamén levamos a cabo diferentes campañas e obradoiros, como o espazo AgresiónOFF, o obradoiro de de empoderamento feminino, a pelota da diversidade, Espadela...

Traballamos tamén na resposta aos asasinatos machistas, adheríndonos ás convocatorias do movemento feminista galego, convocando concentracións por cada asasinato para que desde Cabanas tamén se oia a nosa voz contra o machismo.

Por último, nesta área incluímos tamén o noso traballo no Fondo Galego de Cooperación, do que formamos parte, e grazas ao cal tivemos un programa de intercambio con Mozambique e apoiamos o manifesto de Cooperación contra o Coronavirus.

COMUNICACIÓN

Por último, desde o BNG fixémonos tamén responsábeis da mellora das políticas de comunicación do concello, finalizando a externalización das mesmas e aforrando unha cantidade importante de cartos para o Concello. Así, melloramos a comunicación en redes sociais e notas de prensa do Concello, o que se traduciu nun importante crecemento de seguidores nas redes sociais.

Ademais, entendemos a comunicación coma un proceso bidireccional, que busca aumentar a transparencia e o coñecemento do traballo do concello, neste senso, lanzamos a Aplicación de Incidencias Línea Verde e este pasado mes de maio retransmitimos o pleno municipal por streaming, por primeira vez, facendo máis accesíbel que nunca a actividade municipal á veciñanza.

Este é o resumo da nosa actividade municipal neste primeiro ano de mandato. Seguimos co compromiso de continuar a traballar coa mesma ilusión e intensidade no que veña por diante, e seguir #facendoCabanas

Resumo do traballo do BNG no primeiro ano de goberno en Cabanas