O BNG reúnese con ASFEDRO para avaliar a situación da drogodependencia en Cabanas

O BNG reúnese con ASFEDRO para avaliar a situación da drogodependencia en Cabanas

 

bng cabanas asfedro

 

 

O concelleiro do BNG de Cabanas, Iago Varela, mantivo esta mañá un encontro co persoal técnico da Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO), entidade referente na prevención e tratamento da drogodependencia e outras condutas adictivas na nosa comarca. O motivo desta xuntanza foi coñecer de primeira man a actividade e a situación das persoas tratadas en Cabanas, onde ASFEDRO realizou 50 intervencións só no último ano.

 

 

“A adicción ás drogas é unha realidade á que non podemos ser alleas e á que debemos prestar a debida atención, tanto pola súa transcendencia social como pola gravidade das consecuencias individuais e sociais derivadas dela”, sinalou Iago Varela. O concelleiro nacionalista tamén destacou a necesidade de elaborar campañas de prevención desde os concellos para “informar sen tabús nin clixés sobre o fenómeno da drogodependencia”, así como para “fomentar unha actitude crítica na mocidade para a toma de decisións sobe a súa saúde e a das persoas do seu entorno”.

 

 

Nesta liña, o BNG de Cabanas defenderá no pleno ordinario de marzo a adopción dunha serie de acordos en materia de prevención de drogodependencia, entre os que destacan a realización de campañas encamiñadas a eliminar os factores de risco, fomentar procesos preventivos e resolución de conflitos e colaborar co CEIP Eladia Mariño e as ANPAS para organizar actividades orientadas a promover a adopción de estilos de vida saudábeis e o desenvolvemento dunha capacidade crítica e reflexiva para previr a aparición de trastornos adictivos entre as persoas máis novas.

 

O BNG reúnese con ASFEDRO para avaliar a situación da drogodependencia en Cabanas