O BNG alerta dun importante desprendemento no camiño de acceso á praia de Chamoso
O BNG de Cabanas vén de ter coñecemento do desprendemento dunha grande cantidade de terra do lateral do camiño de acceso á praia de Chamoso sobre a propia praia.
Este non é o primeiro desprendemento nos taludes marítimos do noso concello nos últimos anos, pois xa se teñen producido varios tanto na zona da Punta da Illa como na máis próxima a Chamoso, neste segundo caso deixando ademais cunha caída directa ao mar parte da senda marítima que une a praia de Chamoso e a de Río Castro, supondo unha evidente perigosidade para as usuarias.
Ante a potencial perigosidade destes desprendementos, desde o BNG de Cabanas preguntaremos no vindeiro pleno á alcaldía que está a facer non só para solucionar os efectos dos desprendementos, senón para previr que sigan a ocorrer e para evitar a posibilidade, cada vez máis clara, da desaparición de tramos das sendas marítimas, o que as deixaría inutilizables.