Posicionamento do BNG sobre os convenios con Cabanas Rural e Club KDM Cabanas

Posicionamento do BNG sobre os convenios con Cabanas Rural e Club KDM Cabanas

 

carta asociacionsA continuación reproducimos a carta que enviamos esta mañá a Cabanas Rural Asociación de Mulleres e Club KDM Cabanas, en relación aos convenios de colaboración co Concello de Cabanas.

 

 

Á/A representantes de Cabanas Rural Asociación de Mulleres e Club KDM Cabanas.

 

 

Diríxome a vós en condición de voceiro municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Cabanas, para explicarvos a postura da nosa organización con respecto ao punto do pleno municipal do pasado mércores 30 de marzo no que se aprobou o convenio de colaboración entre o noso Concello e as entidades que representades, e no que, como saberedes, votamos en contra.

 

 

Os orzamentos municipais de Cabanas para o 2016 contemplaban dúas partidas orzamentarias para establecer cadanseu convenio de colaboración con Cabanas Rural Asociación de Mulleres e o Club KDM Cabanas. O goberno municipal presentou ante a Comisión de Asuntos de Pleno do Concello do pasado 23 de marzo ambos borradores de convenio e, durante esa xuntanza, o secretario-interventor do Concello informounos ás concelleiras do contido dos convenios, especificando os cambios que deberían producirse nos mesmos para poder ser aprobados cumprindo todas as garantías legais. Desde o Goberno comprometéronse a facer estes cambios antes da convocatoria do pleno do mes de marzo.

 

 

O Pleno Municipal foi convocado o luns 28 de marzo a última hora da mañá, e a documentación enviada ás concelleiras en relación ao punto dos convenios de colaboración foron os mesmos dous borradores de convenio recibidos para a Comisión de Asuntos de Pleno da semana anterior. Nestes borradores non se solucionaban os puntos dos que informara negativamente o secretario-interventor municipal nin se especificaban as cantidades económicas dos convenios nin as partidas orzamentarias ligadas aos mesmos, polo que considerabamos que carecían das garantías legais para ser aprobados polo pleno.

 

 

Durante o transcurso do pleno, o Goberno Municipal asegurou ter unha nova versión dos convenios que solucionaban estas eivas, das cales foran entregadas copias ás portavoces doutras forzas políticas con representación no Concello (PSOE e AEC), pero non así ao BNG. Ao non ter acceso a toda a información (e ser conscientes de que outras forzas si a tiñan), pedimos deixar o asunto sobre a mesa e tratalo no seguinte pleno, de forma que todas as concelleiras puidéramos recibir a nova documentación e consultala. A Alcaldía negouse a atender dita petición, e ante o descoñecemento do contido da documentación vímonos na obriga de votar en contra, xa que do contrario non teríamos as mínimas garantías legais sobre o noso voto, pois non nos deixaron saber que estabamos a votar.

 

 

Desde o BNG consideramos que o traballo que estades a facer tanto desde Cabanas Rural Asociación de Mulleres como desde o Club KDM Cabanas nos vosos respectivos ámbitos de actuación é moi necesario e repercute positivamente en toda a veciñanza de Cabanas, polo que vos estamos moi agradecidos; e, consecuentemente, estamos a favor da existencia de convenios de colaboración entre o Concello e as vosas asociacións. Mais, como representantes políticos é a nosa obriga velar porque as actividades municipais (neste caso, os convenios de colaboración coas vosas entidades) sexan totalmente transparentes e cumpran con todos os requisitos legais, algo que como é obvio neste caso o goberno municipal non nos permitiu comprobar.

 

 

Esperando poder seguir colaborando convosco e apoiar as vosas actividades no futuro, e quedando á vosa disposición para calquera cuestión ou particular, recibide un moi cordial saúdo.

 

 

Asdo. Iago Varela Martínez, Voceiro Municipal do BNG en Cabanas.

 

Posicionamento do BNG sobre os convenios con Cabanas Rural e Club KDM Cabanas