O BNG reclama máis investimentos en Cabanas nas emendas aos Orzamentos da Xunta para 2022
O deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, visitou Cabanas acompañado do tenente alcalde, Iago Varela
A mellora da seguridade das estradas AC-122 no treito de Cardeita, incluíndo a instalación dunha nova beirarrúa que remate cos problemas de accesibilidade que presenta na actualidade, ou da AC-563, coa reposición do peche perimetral da estrada retirada durante as actuacións de mellora da seguridade do noiro levadas a cabo tras a denuncia do BNG, son algunhas das emenda que o Grupo Parlamentar do BNG presentou ao proxecto de Orzamentos da Xunta.
O BNG tamén reclama nas súas emendas aos Orzamentos galegos investimentos para a mellora da accesibilidade e habitabilidade nas consultas do Centro de Saúde de Cabanas e melloras no CEIP Eladia Mariño, coa substitución de ventanais, cambio da caldeira e outras actuacións de eficiencia enerxética.
“As emendas que presentamos desde o BNG aos Orzamentos da Xunta están encamiñadas a solucionar problemas que afectan ao día a día da veciñanza de Cabanas, e que non poden ser adiadas”, sinalou o deputado do BNG no Parlamento Galego, Mon Fernández. “O acceso ao sistema de saúde nunhas condicións dignas ou a seguridade viaria deben ser unha prioridade para o Goberno Galego”, concluíu Fernández.
“O BNG tamén presenta emendas aos Orzamentos para completar o despregamento de fibra óptica no noso concello, levar a cabo a limpeza ambiental dos ríos Ventín e Baa, desenvolver a rede de abastecemento de Laraxe e poñer en valor o alto curso do Río Belelle”, indicou o tenente alcalde de Cabanas e portavoz municipal do BNG.