O BNG urxe a elaboración do PRUX, para racionalizar e valorizar o conxunto natural e histórico-artístico
Na pasada fin de semana celebrouse unha mesa de traballo sobre a situación do parque natural das Fragas do Eume, na que participaron voceiros municipais dos concellos de Cabanas, Pontedeume e Monfero, o deputado provincial de patrimonio, X. Luis Penas, e o deputado do BNG no Parlamento Galego, Mon Fernández.
O encontro tivo como obxectivo principal a actualización de información ao respecto da situación do parque e, nomeadamente, a actualización de iniciativas para valorizar este importante conxunto tanto no que representa o parque natural das Fragas coma no ámbito do patrimonio cultural o Mosteiro de Caaveiro.
A importancia destes dous ámbitos representa, segundo as conclusións do encontro “unha oportunidade de posta en valor como recurso turístico sustentábel; como demostra o feito de que neste verán tivese unha elevada afluencia, chegando en moitos casos a unha media de 800 visitantes por día e mesmo acadando picos de 1100”; incidindo especialmente á procura de racionalización nos accesos ao parque natural.
Outro dos aspectos que se suliñaron no enconfro refírense “á necesidade de avaliación real do estado do río Eume, logo dos últimos acontecimentos, que representan unha amenaza contínuo non só á calidade das augas senón a un dos elementos esenciais das fragas” reiterando a “demanda urxente do Plan Reitor de Usos e Xestión, que leva acumulado un retraso de máis de dúas década; o que evidencia o desleixo do goberno galego”