O BNG organiza un acto contra a peaxe da AP9
No marco das iniciativas que desde o Bloque Nacionalista Galego se están a levar a cabo contra a peaxe da AP9 nos diferentes concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, así como tamén no Congreso dos Deputados, está previsto a realización dun acto simbólico no día de mañá, venres 15 de febreiro.
O acto, previsto para as 17 horas, consistirá nunha caravana de vehículos que partirá da entrada da autoestrada en Cabanas para dirixirse lentamente até a saída de Vilar do Colo, onde se fará o aboamento do custe da peaxe en moedas de 1 céntimo. Posteriormente procederase á lectura dun comunicado e ao reparto de voandeiras entre os condutores.
Desde o BNG levamos anos denunciando a actitude abusiva da concesionaria AUDASA, cuxos incrementos nas taxas están a agravar aínda máis a crítica situación económica que se está a vivir nas nosas comarcas. Así mesmo, reclamamos a gratuidade do tramo Fene - Miño e a construción do enlace no polígono de Vidrieiro, en Pontedeume.