O BNG pide explicacións ante o cambio da toponimia que está a aplicar o Concello
Nos últimos días foron aparecendo en diversos lugares e rúas do concello novos carteis que indican o lugar, ainda que en moitos casos mudando ou reordeando a situación dos xa existentes, sen coincidir nin coa toponimia orixinal dos lugares nin coa que se está a empregar na actualidade.
Por citar algúns dos exemplos máis rechamantes, na parroquia de Laraxe apareceu o "Camiño de Covadonga", facendo alusión ao edificio que ocupa o xeriátrico, que pode dar lugar a pensar que a dirección de dito camiño é a da localidade do mesmo nome, do asturiano concello de Cangas de Onís.
Alén diso, a secuencia de acontecementos seguida para realizar os cambios é altamente cuestionábel, xa que nun primeiro momento foron instalados os sinais, sen comunicación algunha por parte do Concello, o que sitúa á veciñanza nunha situación de confusión absoluta sobre cal é o seu enderezo postal ou cando debe mudalo.
Por iso, desde o Bloque Nacionalista Galego solicitamos información ao Concello de Cabanas, para que nos explique cando foi tomada a decisión do cambio e que estudos toponímicos, persoas ou organismos foron consultadas para establecer os novos nomes do rueiro.
Do mesmo xeito, instamos a que os novos sinais sexan tapados até o momento en que o cambio sexa efectivo, evitando así as confusións actuais, ao tempo que cominamos que se teña en conta a vella toponimia á hora de facer a reordenación do rueiro, acudindo para ilo ás veciñas e veciños de maior idade das zonas afectadas.