Comunicado: O BNG fica sen representación municipal en Cabanas

Comunicado: O BNG fica sen representación municipal en Cabanas

Nas pasadas eleccións municipais, celebradas en maio de 2011, o Bloque Nacionalista Galego de Cabanas presentou unha candidatura formada por 14 veciñas e veciños da localidade, co obxetivo de promover un novo rumbo na política municipal do noso concello, despois dunha lexislatura de práctica inactividade por parte do Goberno formado por PP – AEC.

Como resultado das votacións, o Bloque Nacionalista Galego acadou dous concelleiros, pasando Xosé Manuel Pérez Sardiña (1) e Tareixa García Pita (2) a ser a representación da nosa organización no Concello de Cabanas.

O conxunto de persoas que formamos parte da candidatura do BNG comprometerámonos co conxunto da veciñanza a actuar con lealdade aos criterios e programa impulsados desde a nosa organización.

Porén, en setembro deste ano, quen encabezou a candidatura, Xosé Manuel Pérez Sardiña, tomou a decisión de causar baixa na organización e, ademais, renunciar á súa acta de concelleiro, pasando está a ocupar o posto de concelleira Isabel Villar Lence (3).

Así mesmo, a número 2 da candidatura, Tareixa García, decidiu tamén causar baixa no BNG, mais no seu caso sen renunciar á acta de concelleira.

Habida conta que as persoas que forman parte das candidaturas do BNG aceptan representar as propostas programáticas do BNG, decididas asembleariamente, e non soamente as propias, desde a Asemblea Local do BNG de Cabanas solicitámoslle a Tareixa García a súa renuncia do posto de concelleira, ao que ela se negou.

Posteriormente, a persoa que ocupaba o posto número 3 na candidatura, Isabel Villar, presentou a súa renuncia, de modo que a súa acta pasou ao número 4, Ángel Pena Fontenla, que tomou posesión da acta de concelleiro anunciando tamén que actuará fóra dos criterios da candidatura pola que foi elixido, a do Bloque Nacionalista Galego.

En vista dos acontecementos, e logo dun proceso no que o BNG de Cabanas traballou con responsabilidade para que as propostas e iniciativas coas que nos presentamos ás eleccións puidesen ter cabida no noso Concello a través das persoas que formaron parte desa candidatura e que seguen os criterios organizativos, anunciamos que:

 

 

 

 

 

 

  • O Bloque Nacionalista Galego fica, a día de hoxe, sen representación no Concello de Cabanas.

 

 

 

 

 

 

 

  • As persoas que, malia ter accedido aos postos de concelleiros a través da listaxe presentada polo BNG actúan pola súa conta e non a través dos criterios establecidos pola nosa organización, polo que son considerados tránsfugas polo BNG.

 

 

 

 

 

 

 

  • O Bloque Nacionalista Galego seguirá a traballar no concello de Cabanas, incentivando o contacto coa veciñanza, recibindo as súas propostas e preocupándonos dos seus problemas, para sermos - como o sempre fomos - un instrumento útil para as veciñas e veciños de Cabanas para a resolución dos seus problemas.

 

 

 

 

 

 

 

  • A Asemblea Local do BNG reunirase proximamente para escoller un novo Consello Local coa intención de guiar o rumbo nesta nova etapa.

 

Comunicado: O BNG fica sen representación municipal en Cabanas